Patrocinado porPatrocinado por

A desaparición do IEO, unha mala nova para a pesca

Iván Vaqueiro DIRECTOR DE DESARROLLO DE SINERXIA PLUS

SOMOS MAR

M. MORALEJO

02 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A decisión de integrar o Instituto Español de Oceanografía (IEO) no CSIC representa unha mala nova para a pesca galega. Ninguén entende que un organismo con máis de 100 anos de historia afogue así, sendo rendible e tan beneficioso para a nosa pesca. Convén dicir que a indicación de «temos que investigar máis», non afecta a un organismo que utiliza o coñecemento derivado dos seus proxectos para xerar novo know how para o sector e para a propia ciencia, polo que non pode ser a causa esgrimida para a súa desaparición. Indo máis aló, convén indicar que unha cousa é investigar e outra asesorar. O asesoramento que presta o IEO ao sector da pesca é fundamental, porque ademais, ao ser un organismo público, está exento de calquera dúbida de actuar por intereses privados, defendendo o interese xeral. Isto é importante cando se trata de fornecer ao noso sector pesqueiro dos datos que precisa para defender as cotas pesqueiras ante Bruxelas, feito non pouco importante, toda vez que esta negociación faise sobre a base de datos científicos.

España, e nomeadamente Galicia, pola importancia da súa pesca, non poden nin deben quedarse orfos dun organismo como o IEO, que, coa integración no CSIC, corre o risco non só de perder autonomía, senón que a perspectiva de aumentar a investigación científica pode ir en detrimento dos profesionais que poden acreditar experiencia de asesoramento pero menor nivel de publicación científicas, perdendo con elo un coñecemento necesario para o servizo que presta.

Cobra especial relevancia este feito cando se compara coa situación do País Vasco, que mediante o decreto 114/1981, de 14 de outubro, polo que se aproba o acordo da Comisión Mixta de Transferencias en materia de Investigación Oceanográfica, ten asumidas as competencias oceanográficas dende 1981. Feito non pouco importante, do que Galicia carece, e que lles permitiu por en marcha un organismo tan potente como AZTI, que ocupa cada vez máis peso no asesoramento pesqueiro español. Peso que se acrecentou coa progresiva crise do IEO ao tempo que gañaba relevancia internacional, ata o punto que AZTI ocupa xa case o 10 % do peso específico dun organismo chave como é o ICES (Comisión Internacional para la Exploración del Mar) que ten gran importancia na avaliación dos recursos pesqueiros internacionais e que realiza as súas recomendación sobre as especies capturadas. Lembremos que AZTI é un organismo participado polo Goberno vasco, que conta con capital privado e que xera importantes beneficios económicos para o PIB Vasco.

¿Debe Galicia camiñar nese eido e esixir a transferencia destas competencias para cubrir este baleiro? Quizais a desaparición por absorción do IEO pode representar unha oportunidade para Galicia, que precisa un organismo científico de seu que lle permita impulsar o asesoramento e apoio a unha frota que representa o 50 % da española. Que ese baleiro o encha unha Administración ou un ente privado pode ser decisivo para o futuro da nosa pesca.