Patrocinado porPatrocinado por

«Galicia non ten aínda a cultura de aforro da auga que hai noutras zonas»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

SOSTENIBILIDAD

Cancela amósase satisfeito de que se recoñeza o labor do Campus Terra
Cancela amósase satisfeito de que se recoñeza o labor do Campus Terra CEDIDA

Javier Cancela, profesor do Campus de Lugo, foi elixido vicepresidente da Asociación Española de Rega e Drenaxes

20 jul 2022 . Actualizado a las 09:41 h.

Javier Cancela, profesor da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo (USC), vén de ser nomeado vicepresidente da Asociación Española de Rega e Drenaxes. Afirma que a designación lle causa ledicia, pero engade que satisfacción persoal non é maior ca o feito de ver que a escola na que dá clases e o Campus Terra en xeral son recoñecidos polo seu labor.

A Escola Politécnica ten intervido e está a participar en proxectos de mellora de regadíos na provincia. Entre os que xa se executaron está o desenvolvido hai anos na Terra Chá, na comunidade Río Miño-Pequeno. Entre os que pertencen aos traballos actuais está o aproveitamento sostible na rega do val de Lemos. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a USC asinaron para iso un convenio de colaboración hai meses. A mellora suporá un beneficio para unhas 4.000 hectáreas de terreo nesa zona.

Que un centro universitario traballe na mellora dun sistema de rega non é novidade, como lembra Cancela. Explica, por exemplo, que a Universidade de Córdoba ten experiencia nese tipo de labores, que ademais se desenvolven en superficies moito maiores ca as de Galicia.

«Hai que trasladar coñecemento á sociedade», di o profesor, pertencente ao Departamento de Enxeñaría Agroforestal. Está convencido de que ese xeito de colaborar «é o lóxico e o coherente» e de que así é máis doado atopar recursos. Por outra banda, non deixa as súas reflexións nun plano só teórico. «Galicia non ten aínda a cultura de aforro da auga que hai noutras zonas de España», comenta o profesor, que lembra que a idea duns recursos hídricos infinitos xa non pode ter a forza de hai anos.

Tamén engade que as solucións de mellora, sexan pensadas para a rega ou para a drenaxe, deben aplicarse en momentos ben pensados, de maneira que estean listas cando as circunstancias meteorolóxicas as fan necesarias.