A muller rural terá o seu propio estatuto

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

SOSTENIBILIDAD

A iniciativa presentada por Fademur Galicia ao Parlamento obtivo o respaldo de todos os grupos da corporación

19 oct 2021 . Actualizado a las 09:33 h.

Galicia porá en marcha un estatuto para a Muller Rural. Esta foi a decisión que a semana pasada tomou o Parlamento despois de que a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) presentara una proposta, que foi apoiada por todos os grupos con representación no Parlamento. Fademur agarda agora que a Xunta impulse a iniciativa coa menor demora posible.

A federación ten clara a necesidade de que as mulleres rurais de Galicia conten cun estatuto específico que remate coa dobre discriminación que padecen, tanto por ser mulleres como por vivir no medio rural. Por iso leva un tempo traballando nunha proposta que, ademais de ao Parlamento, foi presentada á Consellería de Emprego e á Agader. Agora que a iniciativa obtivo o respaldo dos grupos políticos, a entidade agarda que o Goberno galego actúe con celeridade e eficiencia para que o novo estatuto poida converterse canto antes «nunha ferramenta real e verdadeiramente efectiva para a promoción da igualdade no medio rural», afirma a federación.

A entidade tamén lle pide á Xunta que teña en conta as achegas dos colectivos e asociacións que traballan sobre o territorio para desenvolver un texto útil e apegado ás necesidades das mulleres rurais. O documento debe recoller «medidas concretas para o fomento da igualdade e a fin da dobre fenda que padecen as mulleres que habitan o rural» e estas deben pasar por «unha promoción efectiva dos recursos socioculturais, asistenciais, sanitarios e educativos, así como polo pulo a iniciativas e ferramentas para o fomento da corresponsabilidade, a formación, a capacitación e a loita contra a violencia machista», engade a federación.

Fademur aposta tamén porque o novo texto fomente a paridade nos órganos de dirección de todos os organismos que desenvolven a súa actividade no eido rural, dende cooperativas a organizacións de produtores, pasando por grupos de desenvolvemento rural ou asociacións. Tamén, que se vete a aqueles que non cumpran con ese criterio paritario nas convocatorias públicas.

Por outra banda, confía en que o novo estatuto poida contribuír tamén a promover o acceso á titularidade compartida, unha tarefa pendente nas explotacións agrogandeiras. E anima á Administración autonómica a consensuar fórmulas e ferramentas que promovan o emprendemento no rural, a filiación das mulleres á Seguridade Social e a saúde no traballo mediante a elaboración de estudos de enfermidades laborais vinculadas ao sector agrogandeiro. Fademur confía en que o novo estatuto non se converta en papel mollado e avoga pola creación de comisións de seguimento e avaliación que conten coa participación de todas as partes implicadas.