Patrocinado porPatrocinado por

O SLG denuncia que só un 5 % das mulleres labregas que cotizan chegan a cobrar unha xubilación íntegra fronte ao 80 % dos homes

Somos Agro REDACCIÓN

SOSTENIBILIDAD

J.M. CASAL

A secretaria da Muller desta organización agraria súmase ás protestas do 8-M

08 mar 2021 . Actualizado a las 16:25 h.

A muller continúa a pasar desapercibida no medio rural, aínda que son elas as que sustentan boa parte deste sector produtivo. Por non falar de que son elas tamén as que soportan o coidado dos maiores e da rapazada. Todo iso é o que quere dar a coñecer a secretaría da Muller do SLG nunha data como o 8-M. A organización agraria emitiu por iso un comunicado no que reivindica o papel da muller no campo e mostra a súa indignación por feitos como que só 18 labregas se deran de alta como cotitulares das explotacións nas que traballan, «cando as estimacións apuntan a que deben ser unhas 35.000 as mulleres galegas que traballan na granxa familiar sendo unicamente o cónxuxe varón o titular da mesma». Tamén falan que só un 5 % das mulleres que cotizan no réxima agrario chegan a cobrar íntegra a xubilación fronte a un 80 % dos homes; ou que nas cooperativas agrarias, con un 46 % de socias), só un 16% estean nos consellos reitores. Por non falar das axudas da PAC porque, como din, «a nivel estatal, as mulleres cobran só o 27,5% das axudas directas da PAC ou o 26,35% das de desenvolvemento rural. Ademais, a contía das axudas da PAC son menores nas mulleres que nos homes». E ao analizar o caso galego din que «das 27.357 persoas beneficiarias, o 43,17% eran homes e o 56,82% mulleres; porén, a axuda media da PAC que cobran os homes na Galiza é de 9.736 euros, mentres que a axuda media das mulleres redúcese a 4.106 euros». Dende a organización agraria din que iso acontece dado que «as axudas da PAC non están deseñadas con perspectiva de xénero e non contemplan que a maioría das explotacións rexentadas por mulleres adoitan basearse en producións alternativas, normalmente menos dimensionadas, pero perfectamente viables, creadoras de riqueza e emprego no rural e produtoras de alimentos de calidade. Porén, Bruxelas déixaas fóra».

Tamén indican, entre outras cousas, que «é indignante ver como seguen a pecharse servizos públicos esenciais no rural, como escolas ou centros médicos, cuxa ausencia sempre repercute negativamente na xornada laboral das mulleres por sermos nós, decotío, as que asumimos as tarefas familiares relacionadas coa saúde e os coidados da rapazada e das persoas maiores».

Además de sumarse á manifestación do 8-M, dende a secretaría da Muller do SLG avanzan que o mércores organizarán o seu encontro anual na Casa da Terra de Antas de Ulla.