Patrocinado porPatrocinado por

Que é a custodia do territorio?

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

SOSTENIBILIDAD

Óscar (esquerda), Martiño (centro) e Roberto (dereita) forman parte da Asociación Galega de Custodia do Territorio  (AGCT)
Óscar (esquerda), Martiño (centro) e Roberto (dereita) forman parte da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) Óscar Cela

A Sociedade Galega de Custodia do territorio leva a cabo proxectos en zonas de alto valor ambiental e intenta involucrar aos propietarios

25 oct 2020 . Actualizado a las 21:21 h.

Nunha das mañás desta semana, Martiño Cabana, Óscar Rivas e Roberto Hermida ultimaban os preparativos da ferramenta necesaria para retirar árbores caídos no entorno das insuas do Miño. Os tres forman parte do equipo técnico da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), que leva a cabo actuacións por toda a comunidade galega e incluso española, con especial énfase na provincia de Lugo.

Esta entidade naceu na Casa das Insuas de Rábade no ano 2008, cando comezou a soar en España o concepto de ‘custodia do territorio’ en zonas cun alto valor ambiental, unha estratexia que busca facer conservación involucrando aos propietarios, comunidades de montes e usuarios do territorio. Ademais, busca executar proxectos de custodia, pero tamén fomentar esta figura. Actualmente, a entidade conta con aproximadamente 100 socios.

Proxectos e divulgación

Dende a AGCT desenvolven distintos proxectos. Algúns son puntuais e outros, perduran co paso dos anos. «A Terra Chá é unha das nosas zonas naturais de traballo, coma Os Ancares e O Courel», explican os técnicos. Ademais, traballan cos veciños de Piornedo, que son tamén propietarios do monte da zona. Así, Óscar conta que están poñendo o foco na conservación. «É un terreo ben conservado, polo que non fai falla facer labores específicas. O que se trata é de que se «manteñan as labores tradicionais, aínda que tamén asesoramos aos veciños para intentar regularizar a propiedade legal do monte», engade este veterinario.

A asociación tamén leva a cabo actividades de divulgación. A Casa das Insuas ten vida propia, é un escaparate que acolle tamén xornadas de formación. «Dende cuestións de artesanía ata concertos, facemos de todo», comenta Roberto. Ademais, en O Courel chegaron a acordos con comunidades de montes que teñen zonas de orquídeas para declarar pequenos espazos nos que se pretende conservar a especie e abrila así ao público, polo que organizan visitas guiadas.

Un proxecto desta asociación que estaba relacionado coa adaptación ao cambio climático derivou nun programa das especies exóticas de A Terra Chá. Por iso, a entidade emprega unha aplicación móbil e fai un chamamento á poboación para que suba fotografías de especies localizadas nesta zona da provincia lucense e que, a priori, considera invasoras. «A idea é facer un seguimento para así levar a cabo propostas aos distintos concellos se, por exemplo, vemos puntos negros de especies invasoras», conta Roberto.

Refuxios de morcegos

Como particularidade, a asociación ten tamén un acordo con outra entidade e traballa na conservación de refuxios de morcegos. «Se unha casa ten unha colonia destes animais, buscamos ao propietario e chegamos a un acordo con el para mantela e facerlle un seguimento», explica Roberto.

Como engadido, estes tres rapaces complementan a súa labor coa formación nas zonas rurais polas que pasan. «Moita xente cambiou as percepcións que tiñan», explican.

Financiación

Moitas veces, o tema da financiamento é o máis complicado para entidades como a Sociedade Galega de Custodia do Territorio. Así o ratifican estes tres gardiáns, que tamén explican que a maior parte dos cartos que reciben chegan a través de proxectos. «Imos buscándonos a vida por aí e hai algunha empresa que colabora con nós, aínda que representan unha parte pequena de orzamento. Botamos en falta ter máis apoio», engaden. Ademais, dende a asociación explican que en Galicia falta mentalidade de conservación, tanto no que atinxe ás administracións como aos particulares.