Patrocinado porPatrocinado por

«O rural vive. Vive o rural», nova campaña dos GDR para dinamizar o medio rural

Somos Agro REDACCIÓN

SOSTENIBILIDAD

cedida

Os Grupos de Desenvolvemento Local recibirán 900.000 euros para promover en torno a 40 iniciativas para promover sectores como o agroalimentario, o turismo, o comercio local ou dar maior proxección ao papel da muller no campo

12 jun 2020 . Actualizado a las 09:43 h.

«O rural vive. Vive o rural». Ese é o nome da campaña que acaban de lanzar os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia para contribuir á dinamización das vilas e pequenos pobos de áreas rurais da comunidade despois da pandemia do coronavirus. Estas agrupacións, que levan traballando trinta anos para xestionar as axudas chegadas dende Bruselas a través dos fondos Leader, van tratar de por en marcha en torno a 40 accións específicas que pretenden dar un impulso a sectores como o agroalimentario, gandeiro, forestal, turismo, comercio local, iniciativas relacionadas co medio ambiente ou axudar a pequenas e medianas empresas que dan servizo nas áreas rurais ou promover a divulgación de todo o que se fai nese medio e o papel da muller en todo o que rodea ou atinxe ao campo. Para poder levar a cabo esa batería de iniciativas, os GDR recibirán en torno a 900.000 euros aportados pola Consellería de Medio Rural a través do programa europeo Leader.

De feito, entre o 2017 e este ano, os GDR favoreceron investimentos no campo galego por valor de 123,5 millóns de euros. Todos eses cartos favoreceron que os 1.042 proxectos beneficiados pola medida Leader neste período favoreceran 685 novos postos de traballo e consolidaran outros 2.456 empregos que xa había no rural. 

Como resumo o portavoz dos GDR galegos, Martín Alemparte, avanzou nun comunicado que «non facía falla unha pandemia para demostrar que o rural galego e a súa xente son esenciais e agora, despois de 30 anos contribuíndo á súa dinamización, para os Grupos de Desenvolvemento Rural chegou o momento de darlle un novo pulo á posta en valor da súa riqueza e dos seus atractivos para aproveitar todas as súas potencialidades cara á nova planificación do Leader 2021-2027. Esta campaña é un recoñecemento á importancia do noso territorio rural e tamén unha invitación para gozar del apoiando nos vindeiros meses a súa actividade económica, tanto produtiva como turística».