Patrocinado porPatrocinado por

Dignificar a vida das mulleres rurais

Rebeca Carreiro

SOSTENIBILIDAD

Santi M. Amil

Rebeca Carreiro, da asociación medioambiental Sustinea, reflexiona para Somos Agro sobre a política agraria en relación co papel das mulleres nas explotacións

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Son as 5.00 da mañá cando soa o espertador. Almorza e coa radio de fondo, ponse a roupa para ir traballar. Ás 6.00 comeza o muxido, pero antes debe mover ás vacas para que vaian á sala. Non son moitas, pero as instalacións xa son vellas e cústalles entrar. Cando remata volve a casa, esperta ás crías, dálles o almorzo, vísteas e lévaas á escola. Ao rematar volve á granxa… para seguir traballando, ata que chega o mediodía, que prepara o xantar e fai as labores domesticas. Vai buscar ás súas fillas, xantan, limpa e logo volve levalas ao colexio, fai o muxido da tarde, atende unha pequena horta familiar e, ao rematar, volta a polas nenas para levalas a casa e estar con elas, ata que se esgoten e consiga que se durman. Ás veces pensa que lle gustaría mudar de vida, adicarse a outro traballo, menos escravo e que sexa máis seu, ou ter unhas simples vacacións.

A protagonista desta historia non ten un nome, senón que ten moitos nomes, porque non é unha soa muller, senón que é a rutina de moitas mulleres que traballan no campo, como as súas parellas, pero que non gozan das mesmas oportunidades ca eles. En Ourense, a pesar da importancia do traballo das mulleres nas explotacións agrarias, a porcentaxe maior dos titulares das mesmas son homes, mentres que as mulleres aparecen xeralmente como cónxuxes na categoría de «axuda familiar», coa desigualdade que iso implica.

En Ourense as mulleres son o 52 % da poboación rural Ourense caracterizase pola importancia do seu eido rural, onde as mulleres representan o 52 % da poboación rural e son imprescindibles para o desenvolvemento sustentable dos nosos pobos, aínda que a falta de oportunidades e de acceso en igualdade de condicións á propiedade da terra, a un emprego ou a postos de toma de decisións supón que moitas mulleres teñan que abandonar as zonas rurais para buscar mellores condicións de vida na cidade. Son as mulleres quenes fixan poboación no medio rural e danlle continuación, e se elas marchasen, quen quedaría?

Non basta, polo tanto, con redactar leis que favorezan a visibilización da muller, senón que hai que desenvolver ferramentas para implantalas con éxito. Hai que implicar aos e ás axentes locais no desenvolvemento de actividades que permitan que a sociedade rural se de conta de que sen mulleres non hai vida nos pobos. Hai que entender que a desigualdade que sofren as mulleres rurais é tamén unha forma de violencia de xénero.

Elas sofren unha dobre discriminación, unha por ser muller e outra por vivir nun entorno con menos oportunidades, polo que rematan abandonando as súas raíces en busca de novas oportunidades laborais nas cidades, quedando o noso rural con mulleres maiores de 60 anos, que irán desaparecendo, finalizando na desaparación dos nosos pobos.

Non haberá próxima xeración na agricultura e a gandería, se a vida no campo segue sendo insoportablemente difícil para as mulleres. Si queremos garantir o futuro do noso rural e o futuro agrario do campo, é preciso contar coas mulleres facilitando que estas podan ser titulares e cotitulares das explotacións agrícolas e que podan traballar e liderar as empresas do medio rural.

Unha PAC feita por homes e para mulleres

A Política Agraria Común (PAC) creouse no ano 1962 por un grupo de homes e fixeron o que era, e aínda hoxe segue sendo, algo habitual: políticas de homes para homes. Os obxectivos que se estableceron entón permanecen hoxe inamovibles. Naquela época, aínda Europa resentiase das consecuencias de dúas terribles guerras mundiais e asegurar a subministración de alimentos seguía sendo unha obsesión para os gobernantes. Deste xeito, os obxectivos da PAC establecéronse baixo unha perspectiva productivista que impulsaba ás persoas adicadas á agricultura e a gandería para fomentar a innovación e a tecnoloxía e a producir cada vez máis. Ninguén reparou entón, en que ían ser as mulleres as principais receptoras destas políticas, xa que as guerras deixaran os campos prácticamente baleiros de homes.

Ninguén pensou nelas entón. Como tampouco ninguén o fixo nas sucesivas reformas ás que se foi sometendo a PAC. Nin tras os movementos emancipadores dos anos 70 e 80, que trouxeron grandes avances en materia ambiental; nin tras a axenda 2000, que introducía o concepto de Desenvolvemento Sustentable e, polo tanto, a dimensión social da sustentabilidade. Unha dimensión social, si, pero machista, xa que ninguén expuxo no seo de Europa que o futuro do mundo rural pasa por dignificar a vida das mulleres rurais.

A PAC absorbe ao redor do 40 % do orzamento da UE. As organizacións da sociedade civil reclaman a necesidade de redistribuír os fondos cara a quen traballa na transición sustentable do sistema agroalimentario e para quen produce «bens públicos». Pero curiosamente, ninguén fala do ben público que supón parir, criar e coidar nas zonas agrarias. Non tería sentido destinar parte destes fondos públicos a baixas por maternidade, a programas de apoio ás mulleres rurais e de integración na toma de decisións?

Manter a vida no campo pasa por dar un papel fundamental ás agricultoras, gandeiras... Manter a vida no campo pasa por contar coas mulleres rurais e dar un papel fundamental a agricultoras, gandeiras, pastoras, artesás e tantas mulleres valentes que se enfrontan a unha situación de absoluto desamparo legal e institucional. Mentres tanto, o que vivimos é un despotismo ilustrado: todo para as mulleres, pero sen as mulleres.

Pero xa vemos os cambios, o movemento, a revolución. A muller xa está a mostrar a súa desconformidade. Acabouse a imaxe de maiores, sumisas e resignadas. Non é un problema só de igualdade, é de xestión do territorio. Somos mil seiscentos millóns de mulleres rurais no planeta e xa é hora de cambiar. É moi urxente!

Quen somos?

Somos unha asociación medioambiental que traballamos en prol ao Desenvolvemento Sostible. Facémolo mediante proxectos de Desenvolvemento Rural, programas de Educación Ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas.

Ao longo do ano levamos a cabo diversas actividades, dende voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, roteiros temáticos, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, Servizo de Voluntariado Europeo, entre outros proxectos que podes coñecer mellor na nosa web e na nosa páxina da rede social Facebook.

Rebeca Carreiro pertence á asociación medioambiental Sustinea