Unhas trinta granxas de cabrun, ovino e porcino da provincia de Lugo beneficiaranse das axudas para fomentar o silvopastoreo
GANADERÍA
O boletín oficial da provincia ven de publicar a resolución das achegas do programa O que non arde
30 nov 2024 . Actualizado a las 14:14 h.Unha trintena de granxas de cabrún, ovino e porcino da provincia de Lugo beneficiaranse este ano das axudas destinadas a financiar instalacións e mantemento de infraestruturas para o manexo e a protección do gando en extensivo dentro do programa O que non arde que impulsa a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A resolución das subvencións está publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste sábado.
Dende a área de Rural do organismo provincial expllican que os apoios cubrirán actuacións como a instalación de peches perimetrais e a dotación de elementos como comedeiros, bebedeiros, refuxios e parideiras. O deputado de Rural, Daniel García, destacou que «nesta quinta edición dobramos o investimento no programa, aumentando tamén o importe das axudas, ata un máximo de 6.000 euros, para apoiar a actividade das ganderías extensivas e facilitar investimentos para o manexo e a protección do gando».
O programa busca consolidar o silvopastoreo como unha ferramenta para previr lumes forestais e fomentar o equilibrio territorial no rural. García salientou «o traballo realizado ao longo destes cinco anos para implicar ás comunidades de montes, asociacións gandeiras e aos propios gandeiros no fomento dunha práctica que contribúe á fixación de poboación no rural».
Nesta edición, segundo o organismo provincial, a Deputación destinou 120.000 euros ao programa, que xa foi recoñecido pola ONG internacional WWF Adena como o mellor proxecto de apoio á gandería extensiva desenvolvido por unha Deputación a nivel estatal. Desde a súa posta en marcha, o programa contou cun investimento total de 360.000 euros en sucesivas convocatorias. A iniciativa refórzase como unha aposta estratéxica para apoiar o sector gandeiro, mellorar a sustentabilidade rural e actuar contra o despoboamento.