Patrocinado porPatrocinado por

Antonio Alvite, presidente da cooperativa O Caxigo: «Se conseguimos transformar o noso leite, xa temos outra estabilidade»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

Alvite subliña que un gandeiro necesita hoxe variados coñecementos para dirixir unha explotación.
Alvite subliña que un gandeiro necesita hoxe variados coñecementos para dirixir unha explotación. PALACIOS

Afirma que a sociedade é útil na Pastoriza e noutros concellos polos servizos que achega

25 may 2023 . Actualizado a las 18:09 h.

Máis de trinta anos de historia ten a cooperativa O Caxigo, con sede na parroquia de Vián (A Pastoriza). Dese concello son case todos os gandeiros, se ben queda aínda algún de Abadín e de Riotorto. Uns vinte dos oitenta socios, con pequenas e medianas explotacións, dedícanse á gandería; os outros xa se xubilaron, pero empregan servizos da cooperativa. O presidente, Antonio Alvite (1976), ten a súa granxa na parroquia pastoricense de Úbeda.

-Alguén dudida de que é necesaria unha cooperativa para os gandeiros pequenos?

-Creo que unha cooperativa é favorable para todos os gandeiros, e máis para os pequenos.  Unha cooperativa, ademais, é útil para os gandeiros e para a comarca, porque hai uns servizos dos que todos poden tirar proveito.

-Esta é unha cooperativa de pequenos e de medianos gandeiros. Pode ser máis necesaria por iso, pero que futuro ten?

-Houbo ensaios nos que tentamos a unión con outras, porque unha cooperativa ten o seu custe. Na nosa tenda compra xente que non é socia, e iso axuda. Creo que aí se ve a importancia da cooperativa, porque se non a houbese teríase que ir comprar a outros sitios. Unha cooperativa defende mellor aos pequenos gandeiros. Por exemplo, xente maior, con poucas vacas, está pouco áxil para xestións por internet; os que teñen explotacións algo grandes xa procuran facer as súas xestións. E os políticos falan do rural, pero o que fan é botar á xente. Tanta burocracia...

-Fai falta un número mínimo de socios, máis ou menos concreto, para que a cooperativa sexa viable?

-Si, pero non sabería dicir cantos. Cando se fundou a cooperativa, facíase, por exemplo, un retorno [da facturación] de leite, e había algún socio que achegaba case o dez por cento da facturación total.

-A xente é consciente da necesidade da unión?

-As empresas leiteiras son multinacionais; as do penso, tamén. Se non, non son importantes. Unha cooperativa é necesaria para que aos gandeiros lles fagan caso.

-Cada vez van quedando menos explotacións pequenas.

-Creo que sería mellor que houbese máis explotacións e máis pequenas. Unha explotación pequena xestiónase mellor; outra cousa é que sexa viable, porque se necesita un mínimo de vacas para poder vivir.

-Ten futuro no campo, cunha explotación pequena, un gandeiro novo?

-Non moito.

-Cal é, entón, a solución?

.-Se a soubese [ri]. O que está claro é que hai que ir cos tempos. Hai xente que está como hai vinte ou trinta anos e non se dá posto ao día. O que está claro é que hai que transformar o que temos.

-Como se pode facer iso?

-Con queixerías ou con outras iniciativas, pero falta formación na xente. Os gandeiros de leite sempre estamos nun vaivén, recuoperando e perdendo; non temos estabilidade. Se conseguimos transformar o noso produto, o leite, temos outra estabilidade e algo máis de seguridade. Hoxe sabes que che van recoller o leite, si; pero a que prezo?

-Como se pode dar ese paso?

-Non é tan doado facelo como dicilo, e fai falta preparación. Antes o que quedaba no campo era o que non tiña outra saída. Hoxe xa non é asi, porque levar a xestión dunha explotación non é doado: tes que saber de veterinaria, de economía, de leiras... Non é un traballo por intuición, como se fixo antes