Patrocinado porPatrocinado por

José Luis Lamas: «Hai que consumir queixo, estamos moi por debaixo da media europea»

Natalia nNoguerol MELIDE / LA VOZ

GANADERÍA

XOAN A. SOLER

O produtor avoga pola promoción para aproveitar o marxe de crecemento

19 mar 2023 . Actualizado a las 17:10 h.

José Luis Lamas Costa (A Campa, Curtis, 1960) vén de ser nomeado oficialmente presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, cargo no que releva a un homónimo: o lucense José Luis Carrera Valín, outro veterano produtor que lle cede o testemuño logo de máis de dúas décadas presidindo un órgano que controla e certifica a elaboración de queixerías, localizadas nunha área xeográfica do interior galego que abrangue unha trintena de concellos da Coruña, Lugo e Pontevedra.

—Arzúa-Ulloa é a primeira DOP de queixo galego en produción —a segunda a nivel estatal—, cun crecemento sostido ao longo do tempo. Segue habendo marxe de crecemento? Cal é o obxectivo?

—É complicado falar en xeral de obxectivo de crecemento da DOP, xa que o Consello Regulador non actúa no mercado, non vende queixo. O que si pode é acordar unhas liñas de actuación que favorezan ás queixerías, tanto en promoción e defensa de Arzúa-Ulloa, como na mellora constante da materia prima. Un campo no que, por exemplo, queda moito que facer, e que poucas veces se ten en conta, é o de facer campañas de fomento para un maior consumo do queixo. Tanto en Galicia como en España, estamos moi por debaixo da media europea, e xa non digamos dalgúns países como Alemaña. E hai que consumir máis queixo. As investigacións do último cuarto de século conclúen que os lácteos son bos, sobre todo, se son lácteos enteiros fermentados, como é o noso queixo, que, ademais, está feito con leite sen estandarizar, nin homoxeneizar; é leite que vén sempre de explotacións do noso territorio. No 2022, foron cerca de 4 millóns os quilos certificados, o que supón un crecemento en relación a anos anteriores, e tendo en conta que houbo queixerías que, durante o verán, non puidemos atender todos os pedidos, ao non haber leite dispoñible. Penso que hai marxe de crecemento tanto en Galicia como fóra.

—E no mercado estranxeiro, onde a presenza é residual?

—A curto prazo é complicado, xa que hai que buscar un envase apropiado, ademais de ter en conta o encarecemento do transporte en frío, e o descoñecemento que se ten do noso queixo no estranxeiro. En todo caso, que sexamos unha DOP recoñecida pola Unión Europea pódenos facilitar a presenza noutros mercados.

—O que non medran son o número de queixerías adscritas á DOP, pese a, no seu día, terse ampliado o territorio de produción a sete concellos pontevedreses. Había vinte e unha no ano 2010, e sumabades dezaoito no 2021. Que sucede?

—Son diversos os motivos. Xubilacións, falta de relevo nas queixerías pequenas, que é onde máis se nota esa falta de relevo, outros cambios de negocio... en todos estes anos, tamén houbo problemas económicos. Dende que empezou a pandemia, pecharon unhas catro queixerías. Agora, hai expectativas dalgunha inscrición nova.

—Para a elaboración de queixo Arzúa-Ulloa, recóllese leite nunhas 1.500 explotacións gandeiras. En que medida son sustento dun minguado sector primario?

—Temos 1.500 explotacións inscritas, pero non todas venden o leite para elaborar Arzúa-Ulloa. No rexistro do Consello Regulador ten que haber sempre máis ganderías inscritas cás necesarias, xa que calquera explotación pode cambiar de cliente en algún momento durante a campaña. No que hai que incidir é en que o leite é sempre da área xeográfica establecida na DOP Arzúa-Ulloa. Son trinta e dous concellos do centro de Galicia. Que o leite sexa dun territorio é algo que xa da valor a unha DOP; non se pode facer Arzúa-Ulloa con leite de fóra, polo que o crecemento da DOP tamén axuda a evitar despoboamento no rural, ao favorecer unha actividade económica máis aló da propia elaboración do noso queixo.

«Temos un prezo baixo comparado con outros lácteos»

Conta José Luis Lamas que a suba do prezo do leite en orixe, e o incremento dos custos de produción acabaron repercutindo no consumidor, que paga unha media de 12 euros por unha peza dun quilo de queixo Arzúa-Ulloa, dous máis ca antes da crise derivada da guerra en Ucraína.

—A saúde da que goza Arzúa-Ulloa, é extensible ao resto do sector queixeiro galego?

—O Arzúa-Ulloa é un queixo moi versátil, con presenza na maioría das casas galegas. Hai outros queixos galegos, e tamén outros queixos que se fan en Galicia, que tentan imitar o Arzúa-Ulloa, pero penso que ningún deles ten a versatilidade de usos do noso, nin a garantía que lle dá unha DOP.

—Qué sería do sector sen a DOP?

—As DOP axudaron a modernizar e a regular unhas producións tradicionais que, ao mellor, tiñan desaparecido. Foi importante o apoio das administracións, tanto da galega e da estatal como da europea, para poder protexer, facer promoción, e homoxeneizar uns indicativos xeográficos e de calidade. Tamén foi fundamental que se constituíran un órgano reitor e un consello regulador, xa que, máis aló das funcións coñecidas, son un foro constante de debate do sector, entre as queixerías, e entre as ganderías.

—É o queixo o derivado co que o leite acada maior valor engadido?

—Se é un queixo coma o noso, feito con leite fresco auténtico, así debería ser. Pero Arzúa-Ulloa é un queixo que ten un prezo baixo comparado con outros lácteos que se presentan como novos, produtos con máis márketing que, sen ser ningunha marabilla, levan, ao final, unha parte do mercado. Temos que seguir transmitindo o valor que supón unha DOP.

—Como repercutiron os produtores de queixo o incremento do prezo do leite en orixe?

—Nunca se puido subir o prezo do queixo cando se produciu a suba do leite. Tivemos que andar sempre cun pouco de retraso. Pero, ademais da suba do leite, subiron a luz, os embalaxes, as etiquetas... moitas cousas. Cada un de nós fai as súas contas, pero, en xeral, penso que foi un ano bastante complexo para as queixerías.

—Está afectando a inflación ao consumo de queixo?

—Cando se subiu o prezo, houbo, inicialmente, unha lixeira baixada, pero despois recuperouse o consumo. Os datos están aí. Ao ser un produto básico, e con moi boa relación entre o custo e as súas características nutritivas, creo que o consumidor volve a el continuamente.