Patrocinado porPatrocinado por

Santiago Rego, gandeiro e presidente da Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema: «Véndese como tenreira de Galicia carne que non é galega»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

GANADERÍA

Santiago Rego ten a súa explotación na parroquia de Mazoi, preto de Lugo cidade.
Santiago Rego ten a súa explotación na parroquia de Mazoi, preto de Lugo cidade. OSCAR CELA

O gandeiro lucense afirma que chega materia prima de dubidosa trazabilidade, con menos controis ca a de aquí

12 jun 2023 . Actualizado a las 21:06 h.

Santiago Rego Teijeiro, de 44 anos, ten unha explotación de gando vacún de carne na parroquia de Mazoi (Lugo), onde naceu. Preside tamén a Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema, que vén de acadar dous representantes, no apartado dos gandeiros, nas eleccións para o Consello Regulador da IXP das Carnes de Vacún de Galicia. Unións Agrarias conseguiu dous, e o Sindicato Labrego Galego, un. A asociación naceu hai un ano, e hoxe ten uns 600 socios, moitos deles na provincia de Lugo.

-Por que se creou a asociación?

-O prezo da carne é o que é. É certo que subiu un pouco; pero estabamos, e estamos, vendendo co prezo de hai trinta anos mentres os custos subiron unha barbaridade: gasóleo, plásticos, maquinaria... Hai trinta anos, o quilo de carne vendíase a mil pesetas [hoxe serían seis euros]. Hai un ano, estaba a 4,70 ou 4,80 euros; agora está aproximadamente a 5,60 euros.

-Pero o cliente paga máis. Que ocorre realmente?

-Ao produtor non se lle sobe o prezo en orixe; ao comprador si lle sobe. En plena pandemia, aos gandeiros baixounos moito o prezo, pero ao comprador subiulle. É algo co que non estamos conformes. En que parte do proceso repercuten esas subas?

-Que debe facer a IXP diante desa situación?

-Hai que diferenciar as etiquetas da carne. A carne de Suprema ten que estar diferenciada, porque o consumidor non distingue a carne de Suprema da normal. Tamén terá que cambiar a presentación nos matadoiros. O canal 3 é de carne pouco limpada; o 2 e o 1 xa están máis pelados. Traducida a diñeiro, esa presentación son máis de cen euros no prezo de cada animal, e xa son cartos. Nós apostamos máis pola presentación tipo 3, porque é a que nos pode dar máis beneficio. Esa diferenza debe volver ao produtor. Temos feito un estudo dos custos de produción que establece unha media de 6,20 euros por quilo. Se unha explotación produce 10.000 quilos de carne ao ano, hai que multiplicar 10.000 [quilos] por 50 [céntimos]. Iso non só valería para facer máis rendibles as explotacións. Se un gandeiro elixe a etiqueta de Suprema, hai un tope de dez meses, porque se non pásase do límite fixado para os animais. Hai xente que prefire non vender con esa etiqueta porque así os animais teñen máis tempo e máis peso. Con esa axuda da que falaba, atraeríase a esa xente, e todos poderiamos ir xuntos.

-Vista a situación dende fóra, tense a percepción de que os gandeiros de Suprema se senten algo discriminados. É así?

-Non se trata só de que facemos unha produción diferenciada en calidade, senón tamén do labor ambiental que facemos. Os nosos animais están en réxime de pastoreo; freamos a fauna salvaxe; axudamos a asentar poboación no rural... Se pecha unha explotación de Suprema, pérdese actividade e pérdese vida. Ademais da produción de carne, facemos un labor social e ambiental.

-Quizais hai xente que non sabe que existe o selo de Suprema?

-Non digo que a imaxe que promociona a IXP sexa enganosa, pero si que non está ben utilizada. En Lugo, de dez persoas ás que lles preguntabamos pola etiqueta oito non sabían nada. Aí está o principal problema.

-Como se lle pode dicir ao consumidor que non é o mesmo "Ternera Gallega" ca "Ternera Gallega Suprema"?

-A carne de Suprema é de vacas "nodrizas", con cuxos que maman ata os sete meses. Todo o que non sexa iso non é Suprema.

-Debera ter un prezo máis alto ca outras carnes?

-Non creo que haxa que subirlle o prezo ao consumidor, porque o reparto de beneficios antes de chegar ao consumidor non está ben feito,

-Valórase realmente esta carne fóra de Galicia?

-Podes vender pexegueiros en aceite de xirasol, por dicir unha ocorrencia, que se dis que son de Galicia, xa se venden. Hai que chegar máis ao mercado de fóra. En Galicia hai varios matadoiros que suman o 80 % dos sacrificios. O mercado non está monopilizado, pero si moi controlado.

-Ten futuro o gando vacún de carne en Galicia?

-Creo que si.

-Hai un tapón que lle impide medrar?

-Estase metendo carne de fóra, de dubidosa trazabilidade, mentres nós pasamos controis sanitarios públicos e privados. A carne de fóra vén a un prezo máis baixo. En Galicia abunda o minifundio, e o sistema de produción é máis caro. Veñen animais cebados fóra de Galicia para seren sacrificados aquí. Véndese como tenreira de Galicia carne que non é galega. Hai moita trampa: ese é o problema. Non se potencia ao produtor de aquí

 «Se fomos a lista máis votada, é porque os gandeiros querían un cambio na IXP»

Unha asociación creada hai un ano converteuse na candidatura máis votada na sección de produtores dentro da IXP.  Rego salienta que competir con sindicatos con anos de experiencia e con moita presenza non é doado: «Temos que facer o dobre de traballo e o dobre de esforzo para que se nos escoite. Os primeiros  interesados en facer viables as súas explotacións son os gandeiros», di Rego. «Nós non temos o músculo dos sindicatos, que tramitan axudas e son entidade de asesoramento». Tamén achega unha razón dos resultados do domingo: «Se fomos a lista máis votada, é porque os gandeiros querían un cambio na IXP», di.

-Cabe calquera na asociación?

-Na asociación hai diversidade de ideoloxías. O que queremos é facer viables as nosas explotacións, que son o noso medio de vida. Nestas eleccións houbo presións de alcaldes traballando para certo sindicato, e creo que iso non está ben.

-Hai paralelismos entre a asociación que preside e Agromuralla?

-Si e non. Temos boa relación con eles, pero tamén co Sindicato Labrego Galego e con Asaga. Chocamos máis con Unións Agrarias polas circunstancias, porque nos viron como ameaza. Con Agromuralla temos boa relación; pero eles defenden  o sector do leite, e nós, o da carne. Digamos que xuntos pero non revoltos.