Eloi Villada, enxeñeiro agrícola: «A gandería é clave para que non se repitan os incendios do Courel»
GANADERÍA
Villada participará nunha xornada sobre as actividades agrogandeiras, organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que se celebrará o día 17 na estación científica de Seoane
08 dic 2022 . Actualizado a las 18:50 h.O enxeñeiro técnico agrícola Eloi Villada Legaspi é un dos poñentes que participarán o día 17 nunha xornada sobre «As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña», organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) no municipio de Folgoso do Courel. As charlas ofreceranse a partir das 9.30 horas na estación científica de Seoane, dependente da USC. Villada foi presidente e un dos fundadores da SGPF.
—A elección do Courel para celebrar a xornada débese aos incendios forestais que sufriu este territorio o pasado verán?
—Evidentemente, e como xa pasou algún tempo desde os incendios, cremos que agora é o momento de reflectir sobre o que pasou e sobre como impedir que se repitan sucesos dese tipo. A mellor solución é sen dúbida reducir a biomasa, a vexetación silvestre que alimenta os incendios, e a clave para conseguir ese obxectivo son os ruminantes. O aproveitamento para usos agrogandeiros de moitos terreos que agora están abandonados é primordial para previr os incendios forestais ou polo menos para impedir que cheguen a producirse con tanta virulencia como a que se viu este verán no Courel. E ademais serviría para potenciar un importante recurso económico.
—O Courel ten problemas específicos neste sentido?
—Como pasa con outros territorios de montaña, a serra do Courel é unha zona que sufriu moito abandono debido ás súas características orográficas e que foi moi afectada pola emigración. Pero ademais, as canteiras de lousa supuxeron unha solución inmediata para esas dificultades e unha fonte alternativa de emprego moi importante, o que axudou a que a actividade agrogandeira decrecese aínda máis. O resultado do declive da gandería e de todos eses anos de abandono viuse cos incendios deste ano.
—Reaproveitar eses terreos para a gandería non parece fácil.
—Hai iniciativas moi interesantes que poden servir como exemplo, algunhas das cales xa se están desenvolvendo actualmente no Courel, Quiroga e A Pobra do Brollón. Na xornada participarán técnicos, investigadores e gandeiros que levan a cabo esas experiencias. Tamén pode servir como exemplo un programa de implantación de pastos en montes comunais que se levou a cabo hai anos e no que tomei parte. Con esa iniciativa conseguiuse reaproveitar e limpar de maleza moitos terreos na serra dos Ancares e Navia de Suarna. Houbo unha clara mellora nese sentido e iso puido facerse porque houbo unha participación moi importante da sociedade civil, isto é, das comunidades de montes e asociacións de veciños.
—Que poden facer as administracións públicas para conseguir estes obxectivos?
—As administracións poden facer moito, creando programas específicos para a recuperación destas actividades, ofrecendo axudas... Pero en primeiro lugar deben facilitar información e reforzar a asistencia técnica. E tamén é fundamental que axuden a elevar a autoestima, porque hai como un fatalismo que leva a crer que os territorios rurais de montaña non teñen futuro, que iso está acabado, que non hai nada que facer... En realidade, estes territorios teñen un gran valor. A actividade primaria considérase como perdida, como algo de escaso interese, e non é así.
—A SGPF ten previsto organizar outras actividades deste tipo máis adiante?
—Esa é a nosa intención, se vemos que hai interese e se contamos con axudas. Para organizar esta primeira xornada temos o apoio da Deputación e da Consellería de Medio Rural. Se é posible, pretendemos organizar despois novas xornadas para achegar á sociedade experiencias que pensamos que poden ser moi útiles para recuperar as terras abandonadas. O que pretendemos é axudar a que no Courel non se repitan os incendios deste ano e a que ao mesmo tempo a poboación local dispoña de máis recursos económicos.