Patrocinado porPatrocinado por

Miguel Rodríguez Pérez: «Entre as abellas e ser electricista non sabería con que quedar»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

GANADERÍA

Miguel Rodríguez en pleno proceso de captura dun enxame silvestre,  o método co que montou a maior parte das súas primeiras colmeas
Miguel Rodríguez en pleno proceso de captura dun enxame silvestre, o método co que montou a maior parte das súas primeiras colmeas CEDIDA

Só leva catro años coas colmeas e xa acaba de gañar o premio ao mellor mel galego feito con flor de castiñeiro

03 dic 2022 . Actualizado a las 17:19 h.

Miguel Rodríguez Pérez é electricista e tamén apicultor, e as dúas cousas lle gustan por igual. Tanto que non sabería que elixir no caso de terse que decidir por algunha. Ten 26 años a apicultura acáballe de dar unha satisfacción porque un dos meles que elabora gañou o primeiro premio da edición deste ano do concurso que organiza a Asociación Galega de Apicultura. O xurado decidiu que o seu era o mellor mel de castaño dos 13 presentados a concurso.

—Canto tempo leva como apicultor?

—Hai catro anos puxen as 15 primeiras colmeas.

—Só catro anos como apicultor e xa un premio.

—Si. A verdade é que me presentei por probar, non contaba con gañar. Xa me presentara tamén ao concurso do 2020 e ese ano non gañara nada. Este ano decidín volverme presentar porque ampliei produción e porque tamén fun ao concurso de Mieladictos en Valladolid e quedei cuarto.

—Tiñan colmeas desde sempre na súa familia ou aprendeu doutra maneira?

—O meu avó tivera algunhas colmeas en trobos de corcho, pero non aprendín con el. A apicultura gustábame e fun lendo algo e aprendendo por aí con algún amigo que tamén ten abellas. E hai catro anos puxen as primeiras 15 colmeas. Comprei cinco enxames e os outros 10 funos collendo por aí.

—Cantas ten agora?

—Algo máis de 100 e este ano saquei delas uns 1.100 kilos de mel. Foi moito máis que no 2021, porque o ano pasado dediqueime a facer moita división de enxames para ter máis. A miña idea é ir medrando pouco a pouco, con divisións dos enxames que xa tiña e tamén comprando outros. Se non teño máis é por falta de tempo.

—Nuns anos máis igual pode deixar de traballar como electricista.

—É posible, pero é que traballar como electricista tamén me gusta moito. Se tivese que elixir entre as abellas e ser electricista non sabería con que quedar. Prefiro seguir facendo as dúas. Neste momento, para min a apicultura é máis ben un pasatempo. E coa produción que teño estou xa cerca do límite do que podo atender, e iso contando con que teño axuda da familia para traballalas. Aínda podería montar algún colmear a maiores, pero non moito máis.

—Pero venderá o mel que fai.

—Si que o vendo. A miña marca é Casa Severa, que é o nome da casa da miña familia na Pobra do Brollón.

—E onde se pode encontrar?

—Vendo directamente a particulares e tamén en tendas de barrio e algún supermercado pequeno. No posto de Terras de María Castaña na praza de abastos de Monforte, por exemplo.

«Este ano perdín vinte enxames por culpa das velutinas»

Os controis que certifican que un mel é monovarietal garanten quen ten como mínimo unha porcentaxe determinada de pole desa flor en concreto. No caso do mel de castiñeiro, a categoría do concurso na que gañou Miguel Rodríguez, esa porcentaxe ten que ser polo menos do 70%.

—Todo o mel que produce é de castiñeiro?

—Non. De feito cando me presentei ao primeiro concurso, o do 2020, fíxeno na categoría de mel de bosque. Cando este ano decidín participar tamén no de Mieladictos vin que na análise que lle fixeron daba unha porcentaxe moi alta de castiñeiro, suficiente para consideralo monovarietal, así que ao concurso da Asociación Galega de Apicultura xa fun nesta categoría. Eu agora vivo en Monforte, pero ser son da Pobra do Brollón e nese municipio, na parroquia de Castroncelos, é onte teño boa parte das colmeas. As demáis están en Doade, en Sober. O mel de castiñeiro sae sobre todo de Doade e, en menor medida, dalgún dos colmeares de Castroncelos no que tamén hai castiñeiros.

—Está tendo problemas coa velutina?

—Si. Este ano perdín ao redor de vinte enxames por culpa das velutinas. Atacaron tanto en Sober como na Pobra. Primeiro comezou nun punto e despois foise estendendo.