Patrocinado porPatrocinado por

«Non sabería vivir sen as vacas»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

Pereda cree que aínda debe haber sitio para pequenas explotacións de gando vacún
Pereda cree que aínda debe haber sitio para pequenas explotacións de gando vacún PALACIOS

José Pereda, gandeiro ecolóxico de Cospeito, reabriu a súa explotación tras decidir pechala e vender todas as vacas

31 ago 2022 . Actualizado a las 09:31 h.

José Pereda coida as súas vacas na Veiga do Pumar (Cospeito). Ducias e ducias de gandeiros fan o mesmo ca el nese concello e noutros da comarca da Terra Chá. Non é o único que traballa nunha explotación montada por seus pais, nin o único que traballa en réxime ecolóxico, aínda que foi pioneiro en elixir, hai xa máis de vinte anos, ese sistema de produción.

O que o fai un pouco singular é que continua coa explotación despois de ter pensado pechala e de ter vendido os animais. Pero o mundo que coñece dende pequeno seguiu presente nel e decidiu comezar unha nova etapa.Comprou vacas de razas flekcvic en Austria e frisoas en Dinamarca. Cada unha custoulle algo máis de 2.000 euros. Mercou tamén vacas frisoas en Ourense, aínda que esas cun prezo máis baixo, algo máis de 1.000 euros. Da súa vocación gandeira non semella haber dúbidas: «É o que sabes facer», di. Por un litro de leite producido en réxime ecolóxico cobra arredor de 0,60 euros, engade.

—Chegou a ter máis de 30 vacas e agora ten 24. Medrará algo a súa explotación?

—Non moito máis. Chegarei a 30 ou así, que é máis ou menos o número de animais que se poden manter coas miñas 18 hectáreas de terreo. [Unha parte do terreo está ao lado da explotación, e a outra, a un quilómetro e medio].

—Cre que hai cada vez máis interese na sociedade pola produción ecolóxica?

—Cada vez se fala máis. Parece que a maneira de coidar o gando vai por aí.

—En certo modo, tamén se trata dunha volta a maneiras tradicionais. Está de acordo?

—Si. Está claro. Trátase de coidar a natureza.

—É viable unha explotación coas dimensións da súa?

—Depende. Para min, si. Se non tes que comprar moito, se non dependes moito de produtos de fóra, si pode selo.

—Ten sitio unha granxa pequena?

—Eu estaba na gandería ecolóxica e sigo a estar. Investín diñeiro e creo que pagará a pena.

—Parécelle aconsellable para outros o sistema ecolóxico, que vostede escolleu hai máis de 20 anos?

—Tendo terreo do que sacar herba... O gando ten que saír pacer. Habendo medios, si me parece aconsellable.

—Tivo outros traballos antes de ser gandeiro. Que hai de especial neste para seguir nel?

—Estás no campo, non tes que coller o coche para ir traballar, aforras en transporte...

—Que é realmente ser gandeiro: un traballo ou algo así como unha vocación?

—Visto dende fóra, pode parecer que vale calquera para isto, pero fai falta amor ás vacas. Este é un traballo de todos os días. Hai que ter amor ás vacas, e eu téñoo.

—Sabería vivir sen as vacas?

—Ás veces penso ‘que ben se está sen gando'; pero logo penso ‘que fago todo o día'. Si as botaba de menos, non sabería vivir sen as vacas.

—Dependendo dos prados para a alimentación, canto nota a seca?

—Nótase moito nos prados. As vacas están a comer silo que en principio había quedar para o inverno.

 

Comezo. Pereda comezou a traballar na explotación en 1997. No 2000 decidiu cambiala ao réxime ecolóxico, e no 2002 recibiu o selo oficial.

Evolución. Ten 24 vacas, pero prevé que o número de animais medre ata os 30.

Razas. Ten vacas flekcvic, compradas en Austria, e frisoas, compradas en Galicia e en Dinamarca.