Patrocinado porPatrocinado por

«Cando estaba na universidade, souben que quería ser gandeira»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

Lidia Díaz amósase satisfeita de ter tomado a decisión de traballar de gandeira
Lidia Díaz amósase satisfeita de ter tomado a decisión de traballar de gandeira PALACIOS

Lidía Díaz estudou no campus de Lugo e traballa na explotación familiar, en Abadín

01 ago 2022 . Actualizado a las 10:22 h.

Lidia Díaz Otero pode ser considerada un caso desa remuda xeracional que tantas veces se cita como obxectivo para o medio rural. Naceu en Abadín, e traballa na explotación familiar de gando vacún de carne, que ten arredor de 200 cabezas.

Pódese pensar que o seu é un caso de vocación xurdida na nenez, pois sempre axudou algo a seu pai. Se se engade que estudou na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo (USC), mesmo se pode supoñer que se matriculou no Campus Terra para acadar a formación necesaria. Ela, porén, explica que o proceso foi diferente: «Non valoraba isto. Eu quería ser enfermeira, pero non me chegaba a nota para entrar, así que elixín outra cousa. Cando estaba na universidade, souben que era isto o que me gustaba e que quería ser gandeira», di.

Non só non se arrepinte senón que mesmo cre que tomou a mellor decisión posible. Comenta que se fose enfermeira, pasaríao mal, porque en realidade só quería ser comadroa, sen interesarse por outras cuestións desa profesión: «Non creo que o fixese ben», admite. E aínda que foi no campus de Lugo onde comprendeu que o seu futuro estaba no campo, non se considera unha universitaria que elixiu ser gandeira: máis ben se sente unha gandeira que foi á universidade.

 Vacacións

Na explotación ten a axuda de seu pai, pero de todos os xeitos subliña que o traballo, aínda sendo duro ás veces, xa non é coma antes. De feito, ten previsto coller uns días de vacacións neste verán, e explica que a maior parte dos labores fanse con maquinaria: xunguir os bois é algo que ela coñece, pero ao que se refire como parte dun pasado que queda lonxe e superado.

O que non nega son as dificultades de traballar co gando vacún de carne e de vivir nun concello rural. Lidia Díaz sente que a gandaría de leite acada máis protagonismo sen ter os mesmos trazos. Ela, de feito, fixo, depois da carreira, un máster en produción de leite porque era o único que podía escoller relacionado co sector gandeiro. Tamén cre que a formación recibida foi moito máis teórica ca práctica, aínda que iso, lembra, tamén o sentiron compañeiros seus que estudaron carreiras vencelladas co agro.

Poucos servizos

Canto ao feito de vivir nun concello como Abadín, Lidia Díaz recoñece que supón inconvenientes: «Aquí, case non hai servizos; para todo tes que desprazarte», di. Por iso, engade que se fala do medio rural con certo descoñecemento: «Non é igual vivir aquí dous días que estar todo o ano, que é cando notas as carencias», asegura. Pero nin así rexeita a idea dunha vida futura no rural: «Aquí crías fillos cunha liberade que noutros sitios non hai».

Entre os baixos prezos e a selección da raza das vacas

O problema dos baixos prezos é algo que aparece en calquera conversa con gandeiros. No caso dos criadores de carne, as queixas teñen características concretas que nos últimos meses foron medrando. Por unha banda, os prezos da carne son baixos; por outra, os custos de produción subiron porque aumentaron os prezos do gasoil ou do penso. Trátase dunha cuestión que unha gandeira coma Lidia Díaz coñece ben malia a súa xuventude.

O comentario seu non ten nada de novidade, pero non perde actualidade: di que unha gandeira sabe o que lle custa producir carne, pero que descoñece o prezo que lle pagan ata o momento en que recibe as facturas. Un gandeiro que vende a súa carne como Ternera Gallega Suprema vén cobrando nos últimos tempos arredor de cinco euros por quilo.

A explotación de Lidia Díaz ten, entre vacas e xatos, arredor de 200 cabezas. Nunha nave e en prados situados na parroquia de Quende está unha parte dos animais. Hai tamén reses en terreos do barrio de Espiñarcao, aínda que nese caso atendidos de maneira diferente. Os deses terreos conviven, en monte comunal, cos doutros propietarios, que van facendo quendas para darlles a comida e coidalos.

A explotación ten vacas de varias razas, se ben a intención actual é a de ir facendo unha selección para ter vacas de raza lemosín. Marcelino Díaz, pai de Lidia Díaz, comenta que eses son animais de moita calidade e que en comunidades coma o País Vasco hai boas explotacións desas vacas.

Malia os problemas do sector, non só Lidia Díaz amosa satisfacción por ser gandeira, senón que seu pai sempre a animou a dicir con satisfacción que era de familia dedicada á gandería. O seu exemplo amosa que o campo xa non é un refuxio de quen non ten outras saídas laborais, algo que comenta seu pai con evidente satisfacción.