Patrocinado por

«O porco celta debera entrar no menú de comedores escolares e de residencias de maiores»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

Barreira (esquerda) e Rodríguez (dereita) salientan que hai máis demanda de porco celta ca oferta
Barreira (esquerda) e Rodríguez (dereita) salientan que hai máis demanda de porco celta ca oferta PALACIOS

O presidente e o director técnico de Asoporcel cren que o interese de novos produtores amosa a posibilidade de crecemento dun sector que leva anos medrando

14 jul 2021 . Actualizado a las 10:02 h.

A asociación de criadores de porco celta (Asoporcel) acadou unha das distincións deste ano nos Premios Galicia Alimentación, que concede o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A esa satisfacción engádese a sensación, apoiada en datos, de que o colectivo segue a medrar en produción e en número de socios. Para o presidente, José Barreira, e para o director técnico, Iván Rodríguez, a situación amosa razóns para o optimismo: «A demanda de porco celta é superior á oferta», di o segundo.

—A cría de porco celta comezou sendo unha actividade complementaria. Deu xa o salto para converterse en principal?

—[Iván Rodríguez] Hoxe xa se ve como actividade principal. O que se quere é profesionalizar o sector, non industrializalo. Temos que acadar explotacións sustentables e eficientes.

—[José Barreira] Está ben ter complementos na economía; pero a cría de raza de porco celta ten que ser tamén un medio de vida para a xente. Poden convivir os dous modelos sempre que non sexa algo industrializado, xaora.

—Se medra o número de explotacións e aumentan os animais, hai risco de que baixe o prezo da carne de porco celta?

—[I. R.] Aínda hai mercado parra medrar. Hai anos, comentábase que os chineses levarían toda a produción de porco celta se houbese contedores para transportala. E hai países que valoran o noso máis ca nós: debemos crer no que temos aquí.

—[J. B.] O porco celta é un produto de alta cociña, pero debera entrar no menú de comedores escolares e de residencias de maiores. É un produto que vale, pola calidade, para a alta cociña pero tamén para entrar neses menús.

—[(I.R.] O neno come algo no colexio e chega á casa dicindo ‘comín isto no colexio, estaba bo'.

—Hai algunha experiencia que axude a pensar na eficacia desa posibilidade?

—[I. R.] Falei con xente da cociña dalgún hospital que me dixo que a carne era espectacular. Un díxome que fixera un menú con pasta e carne de porco celta e que había tempo que as bandexas da comida non volvían tan limpas.