Patrocinado porPatrocinado por

Miguel Pernas, gandeiro de Ortigueira: «Tes que poder vivir no rural, do rural, non sobrevivir»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

GANADERÍA

Miguel Pernas (izquierda) y María Rebeca Yáñez, junto al hostelero eumés Antonio Díaz, uno de sus principales clientes
Miguel Pernas (izquierda) y María Rebeca Yáñez, junto al hostelero eumés Antonio Díaz, uno de sus principales clientes CEDIDA

Este ortegán e a súa muller, María Rebeca Yáñez, levan 20 anos producindo carne de vaca cachena na gandería Tras dos Ríos, en Loiba

20 sep 2023 . Actualizado a las 16:50 h.

Os seus avós e os seus pais «gañábanse a vida coa música e co arado», tocando en orquestras e bandas, conta Miguel Pernas (Loiba-Ortigueira, 48 anos). El arrepíntese de non ter máis formación musical, pero non de ter seguido os «outros» pasos do seu pai, que montou unha explotación gandeira de leite e fundou, con outros granxeiros, a cooperativa Agrortegal, «que foi punteira en xenética animal». Miguel di que non lle gustaba estudar, e logo dun ano de instituto, «forzado» por seu pai, matriculouse na Escola de Formación Agraria Fonteboa, en Coristanco, para cursar xestión e administración de empresas agropecuarias.

«Gustoume, eramos dezaseis alumnos, tiñamos moi bos profesores e era moi ameno, con estancias temporais en explotacións de Galicia, Cataluña e Córdoba, e o último ano, un mes de prácticas en Francia», relata. Alí aprendeu «a andar polo mundo e pola vida», e tamén como tratar o terreo ou como alimentar os animais. Despois, logo de esgotar todas as prórrogas posibles, veu o servizo militar, «un ano perdido, agás por un curso contra incendios». E en decembro de 1999, cando seu pai se retirou, colleu as rendas da gandería Tras dos Ríos, de Loiba, da man de María Rebeca Yáñez, de O Barqueiro, con quen casou ao ano seguinte.

De 24 granxas de leite a tres

Pero Miguel veu claro que «o leite era inviable, porque a base territorial [superficie de pasto dispoñible] é fundamental, e se non tes terreo cerca da explotación, con vacas de leite é complicadísimo, porque tes que ordeñar cada día, aparte de que esta zona está lonxe das industrias que recollen o leite...». Por desgraza, como apunta, acertou: «Daquela había 24 ou 25 explotacións en Ortigueira, todas punteiras e moi rendibles, e hoxe quedan tres, porque son grandísimas...». Xa antes de que se xubilara seu pai comezaron a transformación da granxa a gando de carne.

Miguel, alimentando al ganado, en una fotografía de hace varios años
Miguel, alimentando al ganado, en una fotografía de hace varios años MARCOS CREO

«Decidinme pola cachena porque quería probar algo diferente, e soubemos que [a Xunta] estaba intentando recuperar razas autóctonas, e da cachena era da única que se podía conseguir algún animal. Vimos unhas poucas nunha explotación en Curtis, gustounos o manexo, arránxanse soas fóra, sen ter que estar pendentes delas para parir... e conseguimos traer un lote de dez becerras e oito vacas», recorda. Hoxe, andan entre as 50 e as 60 nais, e gustaríalles medrar. «Se puidéramos ter cen nais, podíamos ter unha persoa contratada...». E el non tería que facerse percebeiro. «A titular da gandería é Rebeca, comprei unha planeadora e vou ao percebe, é unha actividade que me dá liberdade e me permite axudarlle», sinala.

Os inicios foron duros, con moitas horas de traballo. Primeiro probaron a carne de vaca cachena na casa e despois convidaban aos amigos a cear para que a degustaran. «Xa vimos que era diferente, pola textura e o sabor, a graxa infiltrada no músculo é o que a fai tenra e dálle un sabor especial. Buscabamos poder vender algo diferenciado», remarca. Despois empezaron asistir a eventos, coa Asociación de Criadores de Raza Bovina Cachena (Miguel forma parte da xunta directiva), e non tardaron en darse conta de que os seus animais se diferenciaban. «Esta zona é boa, o clima é suave, temos uns pastos non moi deficitarios en cal, aféctanos moito a entrada do mar, que aporta microelementos á herba que comen as vacas, e todo iso é beneficioso...».

Destino, a restauración

A colaboración co hostaleiro eumés Antonio Díaz, da empresa Autga Autóctonas, resultou definitiva, primeiro para o restaurante Andarubel e despois tamén nos food trucks, percorrendo media Galicia, ou nos postos fixos de Cabanas (e en breve tamén en Mugardos). É o seu principal cliente, xunto co restaurante Cazador, en A Mezquita, en Ourense, que cada semana lle compra un xato, e no verán, na Semana Santa e no Nadal, dous. O resto son particulares. O inicio da pandemia, co peche da hostalería, sorprendeu á gandería Tras dos Ríos con 39 animais en cebo, pero saíron adiante con menos dificultades que outras explotacións «convencionais».

Esta parella de gandeiros critica o exceso de burocracia, unha traba constante para a vida no rural. A falta de terreo (base territorial), que Miguel atribúe ao minifundio e á «plantación indiscriminada de eucaliptos», frea a gandería extensiva e o crecemento da súa explotación, da que sae carne de calidade, moi recoñecida no sector da restauración e con máis demanda da que son capaces de atender. «Tiñamos unha finca alugada en Ourol, pero tivemos que deixala porque remataba o contrato e vana poñer á venda. Por sorte atopamos outra en Devesos [Ortigueira], moito máis cerca e de 25 hectáreas, case un milagre, por como son aquí».

Só o ano pasado recolleron 300 rolos de silo e 200 de herba seca: «Son moitas horas de tractor, en fincas tan pequenas, e loitando co clima, coma este ano». Pero eles apostaron polo campo. «Se vives no rural, do rural, a achega que fas é incalculable, en moitas parroquias o único que ves limpo é a zona dos gandeiros... o resto está cuberto de silvas. Pero tes que poder vivir, non sobrevivir», subliña Miguel, moi satisfeito de coidar uns animais dos que sae «un produto excelente», moi valorado, e de poder vivir «fóra, en contacto coa natureza».