Heroes dos Ancares que teñen vacas e coidan do monte, por Oliver Laxe

O cineasta e a cooperativa A Carqueixa presentan unha serie de entrevistas con algúns dos gandeiros que protagonizaron «O que arde»


Os Ancares / La Voz

Nos Ancares hai heroes que teñen vacas e coidan do monte. A comarca é fácil de idealizar pola paisaxe que a conforma, pero coñecer a realidade cotiá semella tarefa imposible para todos aqueles que non nacen neste lugar. As aldeas espállanse polos vales e convértense en pequenas poboacións que, ás veces, son visibles dende as estradas. Outras, semellan agochadas ao fondo dun camiño que parece levar ao lugar máis pacífico do mundo. O conxunto que forman os montes e as persoas parece digno dunha película. Ou máis ben, parecía. Hai un ano viu a luz a película O que arde, que retratou rostros e xeitos de vida das persoas que viven nos Ancares, pero tamén puxo o seu obxectivo sobre as vacas felices da montaña, criadas nun sistema de liberdade coñecido como extensivo. Detrás da vida destes animais están os gandeiros, que teñen moito que ver co filme de Oliver Laxe posto que algúns deles mailas súas vacas actuaron como figurantes. A metamorfose entre os que conforman a cooperativa A Carqueixa, Laxe e Os Ancares deu como resultado unha serie de vídeos testimoniais que duran entre 60 segundos e un minuto e medio. Neles, baixo o son que desprenden os cencerros das vacas, os cooperativistas soñan cun futuro cheo de vida para a comarca e chámanlles a cada vaca por cadanseu nome. O proxecto audiovisual leva o nome de 'Gandería Heroica' e está enfocado para ser distribuído a través das redes socias de A Carqueixa, O Sabor dos Ancares. 

O proxecto foi presentado na Casa Quindós, un inmoble ubicado na aldea naviega de Vilela que está chamado a converterse nun motor cultural e de desenvolvemento da comarca. Nel, o xerente de A Carqueixa, Román Sánchez; o seu presidente, José Antonio Díaz e o cineasta Oliver Laxe falaron do vínculo da cooperativa con O que arde, pero tamén adiantaron que máis de 3.500 empregados de Inditex comerán carne dos Ancares. Ademais, a venda sen intermediarios pertimitiulles aos socios de A Carqueixa obter entre 100 e 200 euros máis por xato e a cooperativa xa logra unha venda do 30 % a través de Internet. 

O que comezou como asociación de montaña

A Carqueixa leva funcionando 26 anos e o que comezou como unha asociación de montaña que buscaba revalorizar o seu modelo de vida converteuse nun proxecto que engloba a máis de duascentas persoas. A súa Tenreira Galega Suprema chega ata lugares como Barcelona e Madrid e a meirande parte dos socios son de Cervantes e Navia. O máis novo ten 20 anos e os máis maiores, están xubilados e coidan do seu gando máis por paixón que por rendemento. Dende que botou a andar, o número de vacas por cooperativista mudou de catro a 25, o que tamén quere dicir que agora, resultan máis produtivos.

O presidente de A Carqueixa tamén é gandeiro e ten 40 vacas no alto do Cerredo. José Antonio falou na Casa Quindós da transhumancia cas vacas. Dende primeiros do mes de maio e ata as primeiras neves, varios gandeiros camiñan durante oito ou nove horas para deixar as súas vacas nas montañas que limitan Galicia con Castela e León. Alí, os animais pasan a primaveira e o verán pastoreando, ceibes. Esta é ademais a palabra que mellor define o proxecto: entrevistas a heroes que camiñan polos montes coidando dos seus animais e que fomentan un modo de vida baseado na proximidade e na natureza. Escribía Rosalía de Castro sobre o duro de deixar a aldea que coñecía por un mundo que non vira. Pola contra, Laxe, Román e Palillo -así é coñecido José Antonio- loitan dende Vilela por uns Ancares con futuro e esperanza.

As vacas felices dos Ancares

María Guntín

A cooperativa A Carqueixa ofrece produtos gourmet de terneira galega suprema, ten máis de 200 socios e inaugurou hai un ano a súa tenda online, que supón o 20 % das súas vendas

Quen lle diría hai 25 anos a José Antonio Díaz, presidente da cooperativa A Carqueixa, que un proxecto agrogandeiro que xurdiu das entrañas de Os Ancares ía ter tenda online, que os seus produtos viaxarían ata Barcelona ou Madrid e que ía contar con máis de 200 socios de toda a comarca e arredores. «Fixemos unha asociación de montaña e na primeira reunión, aló polos anos noventa, eramos sobre 30 persoas decididas a buscar o xeito de mellorar a nosa forma de vida», explica o presidente da cooperativa. Cunhas vistas capaces de impresionar a todo aquel que chega dunha cidade e desde a cociña da súa casa na aldea de Cerredo, que pertence ao concello de Navia de Suarna, José Antonio comenta entre sorrisos que por Internet se producen o 20 % das vendas desta cooperativa, que ofrece Tenreira Galega Suprema, ademais de mazás nalgunhas ocasións e ata castañas. Desto último, os socios de A Carqueixa teñen máis de 500 hectáreas en ecolóxico.

Seguir leyendo

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
8 votos
Comentarios

Heroes dos Ancares que teñen vacas e coidan do monte, por Oliver Laxe