Patrocinado por

A Xunta recuperará pastos nos montes veciñais na primavera para previr incendios forestais

ourense REDACCIÓN

GANADERÍA

Santi M. Amil

Das case 750 hectáreas da segunda fase, 178 serán en Ourense

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado, entre outros, do alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, visitou a parroquia de Lucenza, para coñecer os traballos realizados ao abeiro da primeira fase do plan de pastos de Galicia. Alí destacou que esta iniciativa contempla, en diversas fases, actuacións nun total de 2.250 hectáreas, cun investimento conxunto de 9,5 millóns de euros. A segunda fase do plan comezará na vindeira primavera e permitirá poñer en valor un total de 30 montes veciñais pertencentes a 24 concellos galegos. O investimento programado achégase aos 4 millóns de euros e a superficie da actuación roldará as 744 hectáreas, das que case 178 corresponden ao territorio de Ourense. Os beneficiados serán os concellos de Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso e O Irixo.

O plan busca promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

En Lucenza as labores abrangueron case 22 hectáreas. O conselleiro sinalou que na primeira fase do plan tamén se executaron na provincia pastos en Beariz (case 17 hectáreas), Ramirás (13), Sarreaus (88), Montederramo (34) e Paderne de Allariz (algo máis de 9 hectáreas). En total, máis de 182 hectáreas na primeira fase.

José González agradeceu a implicación dos veciños de Lucenza nestes labores, unha disposición que lles fixo acredores, o pasado ano, ao premio Agader dentro da categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras. E recordou que o prazo para presentar candidaturas a estes galardóns neste 2021 estará aberto ata o vindeiro día 11 de marzo. Advertiu, ademais, que a convocatoria vén de publicarse recentemente no Diario Oficial de Galicia e que establece unha contía económica de 80.000 euros para repartir entre as oito categorías establecidas. Uns fondos que deberán ser reinvestidos nos proxectos galardoados González afirmou que con estes premios a Xunta pretende recoñecer aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.

José González sinalou que, no marco da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, é preciso converter o rural galego nun territorio resistente aos incendios forestais mediante a instalación de actividades económicas como, neste caso, a gandaría en extensivo e outras iniciativas que permitan anticiparse ao lume.