Patrocinado porPatrocinado por

As granxas de leite esquivan os efectos máis duros da pandemia

Ana F. cuba FERROL

GANADERÍA

JOSE PARDO

A actividade mantívose nun sector recoñecido como esencial desde marzo

02 feb 2021 . Actualizado a las 21:10 h.

O Goberno central declarou o sector lácteo como esencial cando se decretou o primeiro estado de alarma, o 14 de marzo de 2020, por producir un alimento básico. A pandemia apenas repercutiu na actividade diaria dos gandeiros, dada a tipoloxía das explotacións da comarca, a maioría de carácter familiar e con pouco ou ningún persoal externo. Dentro da granxa apenas se requiren medidas de prevención do covid-19, agás nas zonas de recollida do leite.

Algúns estudos indican que o consumo deste produto incrementouse durante o confinamento da pasada primavera, algo que non se reflectiu nos prezos, inalterables desde que se asinaron os contratos aínda vixentes, entre finais de marzo e comezos de abril do ano pasado. Algún dos produtores consultados vaticina que as tarifas se manterán nos novos contratos, e outros prevén unha rebaixa. De momento, esta crise non os golpeou coma outras.

David Arnoso granxa Racamonde TC, no Forgoselo (San Sadurniño)

«Somos case autosuficientes, compramos unha vez ao mes»

«A verdade é que estamos ben», confesa David Arnoso, responsable da única explotación láctea da serra do Forgoselo, no lugar de Racamonde (San Sadurniño), xunto coa súa muller, Mónica Anta. «O que máis nos preocupa son os nenos, que van ao colexio, aínda que os pequenos son os que mellor seguen todas as recomendacións e non quitan a máscara en toda a mañá [...]. Polo demais, na granxa a vida é normal. Ao non ter empregados e ser todos da familia, non nos afecta. E procuramos saír o mínimo posible», relata.

Ao vivir na granxa, son moito menos dependentes. «Somos case autosuficientes. Aquí tes comida, patacas, outros produtos da horta, leite, carne de vacún, polo, coellos, ovos... Con facer a compra grande unha vez ao mes xa che chega. O único que necesitas máis a miúdo é a froita e o peixe fresco», explica. Desde que comezou a pandemia, optaron polo reparto a domicilio. «Compramos o máis cerca posible, apostamos polos produtos de proximidade, cada vez máis, e tráennos a compra á casa. E se tes que desprazarte procuras non meterte onde hai moita xente», sinala. Ten 42 anos, e con 22 xa se fixo cargo da granxa familiar, que fundaron os seus avós hai cerca de sete décadas. El era da Capela e ela de Naraío, e compraron terras no lugar de Racamonde.

Na casa conviven tres xeracións (á familia chegou hai pouco o terceiro neno). «Cambios non notei, agás que non saes, pasas máis tempo na casa, fas o churrasco aquí ou vas dar unha volta polo Forgoselo cos nenos, báixaste no medio do monte e móveste sen complicacións», subliña, consciente das vantaxes de vivir illado, con ou sen pandemia.

O seu é un negocio «prioritario», polo que non tivo que parar a actividade en ningún momento. «A efectos de empresa tampouco notamos ningún cambio, o 2020 foi un ano normal, houbo demanda forte de leite durante o primeiro estado de alarma, pero de darnos propina [as empresas], nada de nada [risos]. Tes unhas condicións asinadas e xa non contas con outra cousa», recoñece este produtor. Di que nalgunha fábrica si baixaron os prezos e non teme cambios nas tarifas nos vindeiros meses (os contratos renóvanse na primavera).

Vacas de pastoreo

Na faena diaria tampouco lles afecta o covid-19. «O transportista recolle o leite do depósito, e despois desinfectamos os dous sitios nos que sabemos que toca. Se falamos é a cinco ou seis metros de distancia», comenta este granxeiro. Na explotación ten 40 vacas de raza frisona, conta cunhas 26 hectáreas de terreo para pasto ao pé da casa, e complementa a súa alimentación con silo, herba seca e penso (si prevé un aumento do prezo pola subida da cotización dos cereais).

JOSÉ LUIS SANJURJO GANDARÍA SANJURJO (BARDAOS-S. SADURNIÑO)

«Agora mantémonos grazas ao queixo e ao requeixo que elaboramos, non ao leite»

Na vida diaria na granxa, a pandemia parece algo alleo. «Funciona exactamente igual, ás vacas hai que darlles de comer igual, e o leite véndelo igual, ao mesmo prezo». Pero o resultado varía: «Vese mermado porque tamén elaboramos queixo fresco e requeixo, e as vendas baixaron, e temos horta, e ao estar pechados os mercados non temos venda, agás a algún froiteiro maiorista ao que lle distribuímos o excedente». É o balance de José Luis Sanjurjo, que xestiona a gandaría Sanjurjo, en San Sadurniño, man a man coa súa muller, Ana Pérez. Bardaos, parroquia onde se sitúa a explotación, é a marca coa que comercializan os produtos lácteos que fabrican.

«A vida diaria é a mesma, os rendementos non», sintetiza este granxeiro. Coa pandemia mudou tamén o xeito de comprar. «E nas tendas coas que traballamos notan que as vendas non seguen unha liña continua. Un día véndese moi ben e pasan dous ou tres moi baixos. Xa foi así no confinamento da primavera, a xente fai compras grandes para ir menos á tenda, é todo máis irregular. Antes sabías o que vendía cada tenda e agora é máis difícil axustar os pedidos», explica. O seu sistema de traballo réxese polas encargas que recebe dos clientes minoristas. O peche temporal do mercado dos sábados en Moeche, por mor da incidencia do covid-19, prexudícao. «Aínda que estivera aberto, só coa xente deste municipio non funciona, veñen dos concellos limítrofes, e agora non se poden desprazar», constata. Aos empregados (dous na granxa e un na horta) estalles dando días de vacacións, «para ir xogando un pouco entre todos, porque non hai vendas, e temos que aguantar mollándonos algo todos», sinala este empresario. «A granxa, agora mesmo, mantense grazas aos produtos que elaboramos, non ao leite», recalca.

CÉSAR BECEIRO, GANDEIRO DE mOECHE

«A preocupación é se enfermas e non podes traballar, non hai xente con experiencia»

A César Beceiro e á súa familia tocoulles estar confinados uns días porque un dos seus fillos tivera contacto cun positivo, na escola. Están todos ben, pero a este gandeiro de Moeche preocúpalle enfermar, «porque se estás fastidiado e non podes traballar, non atopas xente cun mínimo de experiencia, ao marxe de que cada granxa ten o seu manexo, diferente das outras». «Na hostalería, por exemplo, baixas a persiana e listo, aquí hai que seguir ordeñando pola mañá e á noite, e hai que seguir alimentando as vacas». Ten 46 anos e hai 25 que tomou o relevo dos seus pais nesta granxa de Moeche, que antes fora dos seus avós.

Na explotación, de momento, a pandemia afectoulles pouco, pero César teme que a industria láctea atope algunha escusa para baixar o prezo do leite, na renovación dos contratos que se formalizará a comezos de abril. «Seguramente aproveitarán iso para baixalo, é o runrún que se escoita. A carne tamén a baixaron, agora páganche un becerro case á metade que antes. Non o entendo, porque comer séguese comendo carne, se non é nos restaurantes é nas casas», sostén.

A actividade diaria non se veu alterada nestes meses. «Agora non, pero no verán tivemos empregados, e o que faciamos era tomar máis medidas, mirar a febre todos os días [...], cos provedores non houbo ningún problema, e os comerciais veñen menos, chámante por teléfono». As arredor de 120 cabezas de gando vacún da explotación (a metade, en produción) botan o inverno no establo e a partir da primavera saen pastar. Este gandeiro é consciente dos beneficios de vivir no rural nestes tempos, máis aínda se se compara cos compañeiros das áreas urbanas, pero cre que a aldea «tampouco é coma antes». «Si, bótanse patacas, pero non se cultiva de todo e tes que saír comprar».