Sector, Administración e universidade urxen a Lei de Recuperación da Terra para que Galicia non perda a oportunidade de explotar todo o potencial dos predios que non están suficientemente traballados

carmo lópez

Galicia ten no aproveitamento da terra unha ferramenta fundamental para dar solucións a problemas como a falta de base territorial das explotacións agrogandeiras, a remuda xeracional nas granxas, a repoboación do medio rural con xente e proxectos que convertan os sectores agrario, gandeiro e forestal en motores económicos moito máis poderosos do que xa son, e tamén, como non, poñer freo á lacra dos lumes.

Dar valor ás «máis de medio millón de hectáreas de terreo infrautilizado que hai na comunidade e que poderían xerar valor engadido», como di o catedrático de Economía Aplicada Santiago Lago, non só para os propietarios das parcelas ou os que as queiran traballar, senón tamén para o conxunto da sociedade. É por iso que a súa recuperación é unha das liñas estratéxicas do traballo da Xunta. Todo enfocado tamén á procura desa sostibilidade que impulsa a UE e que vai ser unhas das directrices da nova PAC.

Agora, a idea é impulsar todo ese traballo coa Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Esta norma, aberta a suxestións durante a súa tramitación parlamentaria, dará natureza legal ás aldeas modelo, xa en marcha, aos polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario.

Sobre a oportunidade que supón para a sociedade galega en xeral aproveitar «esa caixa de ferramentas» que articula a lei falaron nunha mesa redonda difundida a través da web de La Voz e das súas canles de YouTube e Facebook o conselleiro de Medio Rural, José González; a profesora de organización de empresas da USC, María Bastida; o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; a responsable do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba; o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago, e o profesor de Economía Aplicada e membro do grupo Agrasoc da USC, Edelmiro López Iglesias.

Todos —sector, Administración e universidade— coincidiron na importancia de que unha lei pensada para solucionar todos eses problemas bote a andar. «É necesario un consenso político e suficiencia económica para sacar adiante unha lei que se leva pedindo dende hai tempo», dixo Roberto García.

«É necesario un consenso político e suficiencia económica»

Edelmiro López destacou a urxencia de lograr ese «consenso político e social» para que poida desenvolverse unha norma que, como dixo María Bastida, «combina o crecemento económico coa sostibilidade» dado que pon os cernes para entrar nese novo xeito de facer economía que demanda a sociedade porque as fórmulas que articula fomentan a «proactividade ao ir máis alá de solucionar os problemas; a voluntariedade e flexibilidade». E ademais, como coincidiron Roberto García e Edelmiro López, resulta importante dotar esas fórmulas de medios económicos e humanos e dun plan de control para vixiar que funcionen.

Neste senso, o conselleiro José González avanzou a dotación orzamentaria coa que se conta xa este ano para o desenvolvemento de varios proxectos piloto ou a reordenación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para dotala dos medios materiais e humanos necesarios para levalos a cabo.

Porque como dixo Isabel Vilalba, ábrese un camiño e «aínda que é cedo para ver que dan de si estes instrumentos (...), entre todo o mundo temos que tratar de que vaian adiante para responder aos problemas que temos». E tamén, como apuntou Edelmiro López, é unha oportunidade para que para a maioría «deses 1,7 millóns de propietarios de terreo rústico que están desvinculados da xestión desa terra, ter un terreo non acabe sendo unha dor de cabeza».

«É unha oportunidade para que para a maioría deses 1,7 millóns de propietarios de terreos rústicos que están desvinculados da xestión da terra, ter un terreo non implique unha dor de cabeza»

Todo iso foi sazonado por Santiago Lago con datos macroeconómicos do que suporía sacar toda esa terra, equivalente á máis da superficie da provincia de Pontevedra, do letargo: «No curto prazo de máis do 1 % do PIB, na renda do país, estariamos a falar do entorno dos 600 millóns de euros, pero no longo prazo, cando un mira a incidencia que tería iso sobre as cadeas de valor podería chegar a triplicarse. Estariamos falando de case 2.000 millóns de euros que estamos perdendo tódolos anos por ter todas esas terras abandonadas».

«A lei inclúe unha interlocución co Estado para lograr melloras fiscais no sector primario»

«A lei busca resolver os problemas que existen no sector primario, pero tamén busca atraer xente ao medio rural para lograr unha sostibilidade». Tanto para o conselleiro de Medio Rural como para os representantes do sector e da universidade iso pasa, entre outras cousas, por contar cos servizos axeitados para que sexa atractivo vivir no rural e por, como dixo José González, «facer un esforzo fiscal como sociedade».

É por iso que a lei galega, ademais de completar o programa de impostos cero no rural posto en marcha pola Xunta, inclúe medidas como a regulación «dunha dedución fiscal para a adquisición de vivenda habitual nas aldeas modelo de Galicia».

Pero tamén leva, como detallou, «unha norma de interlocución co Estado para lograr unha discriminación fiscal positiva a prol de agricultores, gandeiros e silvicultores». Entre as propostas están, por exemplo, «que aqueles que arrenden as súas terras a través do Banco de Terras poidan ter unhas bonificacións nos rendementos de capital inmobiliario».

Porque como ben dixeron Roberto García e Isabel Vilalba, «non pode ser que aqueles gandeiros xubilados que aluguen a súa terra ou a súa granxa sufran despois unha penalización no complemento de mínimos na súa axuda de xubilación porque supón que xa non queiran arrendar nada».

A Administración guiará os mozos que vaian ao Banco de Explotacións para incorporarse

O abandono da terra en Galicia vai tamén ligado ao feito de que moitas explotacións non atopan remuda xeracional. É por iso que a lei articula unha figura, a do Banco de Explotacións, que pretende poñer en contacto a xente que quere incorporarse con aqueles gandeiros que non atopan relevo na familia. Diso tamén se falou na mesa redonda, onde o conselleiro, ademais de destacar que haberá plans de formación específicos para aqueles mozos que queiran emprender nos sectores agrario, gandeiro ou forestal, anunciou que, da man de profesores como Edelmiro López, estase a artellar un plan de acompañamento para os rapaces que recorran a ese banco. E ademais garantiu aos propietarios desas granxas que se controlará que as explotacións estean correctamente traballadas.

MONICA IRAGO

Fórmulas diferentes para distintas demandas

No campo galego hai distintas realidades e necesidades. Por iso a lei, como explicou o conselleiro, artella diferentes modelos adaptados ás demandas e características de cada zona que vai detallar o Catálogo de Usos da Terra.

Un modelo, innovador en Europa, é o dos polígonos agroforestais: «Respectando a propiedade privada e a voluntariedade —ten que haber un acordo dun mínimo do 70 % dos propietarios— o que se pretende é facer reconcentracións das parcelas, ofrecendo un tamaño mínimo que variará en función do uso que se queira facer». E recordou que o que se lles ofrece aos propietarios deses terreos é «a obtención dunha rendibilidade a través da intermediación da Xunta que é quen se encarga de poñer en contacto a eses propietarios, que poden vender ou arrendar, con aqueles que queiran desenvolver unha actividade agrícola, gandeira ou forestal».

No caso das agrupacións conxuntas, dixo tamén, o que se pretende é que os propietarios se poñan de acordo para facer unha xestión en común das terras. E nas aldeas modelo, ademais de promover os arrendamentos no seu perímetro como unha fórmula que sirva para frear os lumes, tamén se pretende actuar posteriormente no núcleo para recuperar esas aldeas tradicionais e fixar poboación nesas áreas.

E que pasa coas parcelas de propietario descoñecido? A lei, explicou tamén o conselleiro, dá potestade á Xunta para investigar de quen é a terra. Unha vez catalogada como de propietario descoñecido, os donos terán un prazo de cinco anos para reclamala sen ter que ir aos tribunais, como ocorría ata agora.