Javier Sampayo: «A calquera lle gusta un queixo galego»

O presidente da D.O. Tetilla afirma que o produto acadou presenza na oferta de restaurantes

Sampayo cre que os queixos galegos teñen un sabor que vale para calquera padal
Sampayo cre que os queixos galegos teñen un sabor que vale para calquera padal

LUGO / LA VOZ

Un ano coma este, marcado pola pandemia, está a afectar á actividade económica. Javier Sampayo, presidente da Denominación de Orixe Queixo Tetilla, cre que o 2020 non ten por que ser malo de todo. Sampayo é de Lalín, onde atende unha queixería.

—É este un bo ano para os produtos agroalimentarios galegos?

—De marzo a xuño medrouse moito en vendas, nos meses seguintes baixouse. Creo que ao final quedaremos igual ca o ano pasado. É algo co que non se contaba estando todos pechados.

—Xa se valora máis o produto galego?

—Pouco a pouco, si. É algo que están facer os consellos reguladores, que no fondo dan máis valor a eses produtos. É un proceso a longo prazo. Ata hai pouco, ías a un restaurante, pedías queixo con marmelo e non che daban queixo dunha denominación de orixe. Agora cambiou algo. Hai que loitar polos nosos produtos con denominación, e creo que a Xunta está a facer un bo traballo.

—Está hoxe o queixo galego ao nivel do que se elabora noutros territorios?

—Por suposto. O traballo que fan os consellos reguladores é excelente. Un queixo, se é galego, vale para calquera padal. A calquera, sexa un neno ou un adulto, lle gusta un queixo galego. Outros poden ser demasiados fortes, demasiado salgados, etcétera; os de Galicia, non. Creo que imos avanzando ben e que se está a facer un produto de alta calidade.

—Os queixos galegos foron acadando sona e prestixio nos últimos anos. Está o queixo Tetilla algo tapado por outros?

—Nós tivemos unha baixada moi forte hai anos. Temos unha boa presenza fóra de Galicia, aí véndese ben.

—Cre que constitúe o queixo un claro exemplo do valor engadido que se lle pode dar ao leite galego?

—Penso que si. Non sei se se podería producir máis, porque ese é un labor lento. O que si vexo, e paréceme ben, é que se loita por espallar máis os nosos produtos.

—Canto axudan as queixerías a manter actividade económica e asentar poboación en zonas rurais?

—Aquí, na queixería, somos 25 persoas. Se non fose polas queixerías, quedaría menos xente. Se elixes venda directa, a evolución da actividade é máis lenta; pero tamén marcas o prezo e o consumidor págao: é un sistema máis agradecido. Cando lle levas á xente un produto á casa, quere que cumpras todo o ano. Hai pequenas variacións na calidade, pero vaise conseguindo. Todos pasamos polo panel das catas, e se non o facemos, non podemos vender como queixeiros da Denominación de Orixe Tetilla. O que se logra, en definitiva, é dar calidade e cumprir os parámetros do Consello Regulador.

—Pode chegar a ser o queixo o gran embaixador da cociña galega, dunha maneira semellante a como o é, por exemplo, en Francia?

—Falta traballo. Estanse a facer cousas; pero, repito, falta traballo. Ás veces elíxense cousas un pouco raras, coma o queixo con leite cru. O queixo que se fai dentro das denominacións, con leite pasteurizado, ten todas as garantías. Pero oxalá os cociñeiros tirasen por nós.

—Ven os cociñeiros galegos o queixo galego como un dos grandes produtos alimentarios de aquí?

—Quero pensar que si. Con Galicia Calidade, por exemplo, estanse a organizar actividades con cociñeiros, e iso demostra que se están a facer as cousas ben. Non me refiro só aos grandes nomes senón a todos os restaurantes en xeral.

Case trinta anos dunha traxectoria ascendente

O Consello Regulador creouse en 1992. As pezas rexistadas en 1994 foron 35.600. Dende aquela houbo anos de moito crecemento e tamén alguna baixada. No 2016, por exemplo, fabricáronse 1,8 millóns de pezas, aínda que tamén houbo anos en que se superaron con amplitude os dous millóns. O queixo da Denominación de Orixe Tetilla faise con leite de vacas das razas rubia galega, frisoa ou pardo alpina.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
0 votos
Comentarios

Javier Sampayo: «A calquera lle gusta un queixo galego»