Patrocinado porPatrocinado por

«O manexo de pastos é a mellor ferramenta para previr o lume»

María Guntín
maria Guntin LUGO / LA VOZ

GANADERÍA

ALBERTO LÓPEZ

O enxeñeiro agrónomo Joan Alibés avanza como manexo correcto dos pastizais pode axudar a atraer poboación ao rural

21 ago 2020 . Actualizado a las 10:17 h.

Os pastos ben pastoreados, non arden». Contao o enxeñeiro agrónomo Joan Alibés, quen o luns comezará a impartir, dentro do Plan de Formación Agroforestal da Xunta, un curso sobre o manexo e recuperación dunhas superficies que contribúen a fixar poboación no rural.

—Que é o máis importante sobre o manexo de pastos?

—Facer un tratamento correcto do gando, elixir mesturas de especies pratenses adaptadas á zona climática e facer unha fertilización ao menor custe pero adaptada, tanto si é en extensivo como si é en ecolóxico.

—E que beneficios ten?

—O manexo de pastos é a mellor ferramenta para a prevención de lumes porque os pastos ben pastoreados, non arden. Ademais, dan produtos agrarios. Son tamén unha ferramenta de fixación de poboación no rural e, ao mesmo tempo, a mellor forma de aproveitamento de superficies con escaso valor produtivo.

—Que hai que ter en conta para elixir o gando a incorporar?

—Primeiro, a superficie, en cantidade e calidade, aínda que tamén depende do gandeiro ou da gandeira porque hai xente que non se manexa con vacas, por exemplo.

—O lobo pode estar presente.

—Así é. Os animais non poden estar ceibos porque acabará habendo ataques. Os mastíns non funcionan cando o gando está completamente ceibo.