«O manexo de pastos é a mellor ferramenta para a prevención do lume»

O enxeñeiro agrónomo Joan Alibés fala tamén de que esta é unha ferramenta que permite fixar poboación no rural

Alibés na súa explotación en Meira
Alibés na súa explotación en Meira

Meira / La Voz

Joan Alibés comezará a impartir o luns da semana que vén unha serie de cursos que porán o foco sobre o agro e o territorio galego e que forman parte do Plan de Formación Agroforestal da Xunta. Alibés, que reside en Meira pero naceu en Barcelona, é enxeñeiro agrónomo e cofundador de Beealia, unha entidade de asesoramento gandeiro. Falará dos beneficios do manexo de pastos, de como previr os ataques do lobo e aportará directrices para todos aqueles que teñan dúbidas sobre se emprender cunha explotación no rural.

—De que falará?

—Imos facer tres cursos. O primeiro é sobre convivencia e prevención de ataques de lobo á gandaría e será en colaboración con Luis Llaneza e Laureano Parada. O segundo é de iniciación e mellora da gandería de ovino e cabrún e nel farei un repaso a todo o sector para que os que queiran crear unha gandaría teñan os coñecementos suficientes para saber como facelo e, por outra parte, alguén que xa a teña repase e afonde nos temas que considere. Destes haberá catro edicións, unha en cada provincia. O último curso versa sobre manexo e recuperación de pastos e nel traballaremos os métodos para recuperar terreos abandonados e tamén o manexo en si dos pastos.

—E que dirá do lobo?

—Luis Llaneza falará a parte de bioloxía e de conflito co cánido. Eu falarei de medidas preventivas e de como deben afrontalas os gandeiros. Laureano fará nalgúns dos cursos unha demostración práctica de peches. Deste curso hai dez edicións en A Coruña, Lugo e Ourense.

—Que hai que saber sobre o manexo de pastos?

—É necesario ter claros os pasos que hai que seguir para converter monte en prado, tamén temas de fertilización, adaptación a manexos en ecolóxico e xestión do pastoreo para o mantemento desas zonas.

—Cales son eses pasos as seguir?

—Manexo do pastoreo cun tratamento correcto do gando, a elección de mesturas de especies pratenses adaptadas á zona climática e de como facer unha fertilización ao menor custe pero adaptada, tanto si é en extensivo como si é en ecolóxico.

—Que beneficios ten o manexo de pastos?

—O manexo de pastos é a mellor ferramenta para a prevención de lumes porque os pastos ben pastoreados, non arden. Ademais, dan produtos agrarios. O gando transfórmaos en carne ou leite.

—Como se elixe o gando?

—Primeiro hai que ter en conta a superficie, en cantidade e en calidade. Despois, tamén depende do gandeiro ou da gandeira porque hai xente que non se manexa con vacas, por exemplo ou xente que, pola zona na que se atopa non pode meter cabras.

—E onde non se poden meter cabras?

—Pois as cabras non poden estar en zonas con superficie moi grande na que non se poden facer peches. Ademais, o lobo pode estar presente, polo que os animais non poden estar ceibos porque acabará habendo ataques do lobo.

—Incluso se hai mastíns?

—Os mastíns non funcionan cando o gando está completamente ceibo e sen ningún tipo de peche. Se hai moita superficie, o gando espállase e o lobo acaba atopando a forma de dar con algún animal extraviado nalgún recuncho.

—Cando aumentan as probabilidades de ataque?

—A partir de dez hectáreas de peche os ataques a vacas e xatos aumentan enormemente porque hai animais que se apartan e non hai efecto rabaño. Así o recolle a tese doutoral dunha compañeira e isto vese claramente.

—A partir de que cifra non son asumibles os ataques?

—Iso depende do nivel de tolerancia de cada gandeiro, é algo moi particular, pero xeralmente falamos dun 5 % do censo de animais.

Fixar poboación no rural aproveitando terreos que están abandonados


«O manexo de pastos é tamén unha ferramenta de fixación de poboación no rural e, ao mesmo tempo, a mellor forma de aproveitamento de superficies con escaso valor produtivo. Por hectárea, a gandaría é unha das actividades que xera máis empregos en comparación co forestal, ademais de que tamén contribúe a que a xente quede a vivir no rural. Unha persoa pode ter 50 hectáreas de eucalipto en Pontevedra e vivir en Madrid, pero non pode ter 50 hectáreas de pasto en Lugo e vivir en A Coruña porque os animais precisan atención», explica Alibés, que tamén fala da importancia de manter boas prácticas agrarias.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
0 votos
Comentarios

«O manexo de pastos é a mellor ferramenta para a prevención do lume»