Patrocinado porPatrocinado por

«A produción ecolóxica é un modo de vida, pero ten que ser rendible»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

CEDIDA

Concha Campos, gandeira de Friol, está a comezar a produción de queixo con leite das vacas da súa explotación

16 may 2020 . Actualizado a las 12:38 h.

Concha Campos acadou para súa explotación, situada na parroquia de Condes (Friol), o selo ecolóxico no 2014, tras anos de xestións e de espera. A explotación, con 55 vacas en produción leiteira e máis de cen en total, leva o nome da familia e mantén unha maneira de traballar no terreo e cos animais que semella case unha continuación do que viu facer dende nena na súa casa. Por iso, as súas consideracións sobre o labor gandeiro en xeral e sobre o sistema ecolóxico en particular son unha mestura de asuntos económicos e case sociolóxcos.

«Por cuestións económicas, non paga a pena estar, e máis agora, que nos ameazan con baixar o prezo», di sobre a pertenza ao sistema de produción ecolóxico. De todos xeitos, ela emprega unha palabra, desintensificación, para describir o proceso comezado hai anos na explotación, máis orientado a un modelo extensivo . «Defender o noso sen desprezar o dos demais», di Blanco sobre o criterio con que ela e os seus socios tentan desenvolver o labor cotián.

Máis alá dos trazos que cambien no traballo cando se deixa a produción convencional, Campos subliña outros matices. «A produción ecolóxica —di— é un modo de vida, pero ten que ser rendible». Nese senso, recoñece que os gandeiros de leite téñen unha situación algo mellor ca os de carne e que estes tamén están mellor ca os produtores de horta. Afirma que o produto ecolóxico ten todos os certificados necesarios para garantir as condicións que se lle supoñen, pero engade: «O consumidor debe apoiar», comenta.

«Falta pedagoxía, mesmo nos políticos», asegura sobre as posibilidades do sector agropecuario en xeral e do ecolóxico en particular. Recoñece a conveniencia de que a xente nova se incorpore ao campo, pero sen que as cuestións burocráticas sexan unha das maiores preocupacións e garantindo un coñecemento mínimo. «Se se quere manter o rural, hai que ter formación», di.

Quedar no rural esixe, segundo ela, unha cuestión básica: «Ten que gustarche. Hai rapaces novos que se incorporan e só pensan en andar nun tractor e en traballos mecanizados. Que che gusten as novas tecnoloxías está ben, pero non cho fan todo», reflexiona. A quen pense que un productor ecolóxico, coas súas apostas algo diferentes, vive alleo ao mundo, advirte: «Movemos a economía, pero cara outro lado; movemos outro tipo de economía».

Que non se esquece a economía vese, no seu caso, na extensión da actividade á fabricación de queixo. Está a comezar a produción, que non se fai todos os días e na que se usan uns 400 litros en cada xornada. As pezas teñen un quilo de peso, e a maneira en que se ensaia a distribución é a venda directa. Trátase dun produto curado, que ela define como queixo do país e ao que lle ve posibilidades de futuro: «É un campo para medrar», cre.

Blanco, de todos os xeitos, salienta que a clave está no recoñecemento que haxa no mercado: «Ten que haber un prezo digno», subliña. Coma noutras moitas casas de Friol, na súa a elaboración de queixo xa era coñecida. «Se reparte pan, tamén ten que ser normal repartir queixo», afirma.