Patrocinado porPatrocinado por

«Montar a queixaría foi un acerto»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

CEDIDA

Modesto Toubes, cabeza visible de Cas Leiras, salienta a importancia da exportación para o queixo de San Simón da Costa, aínda que esa opción está case parada estas semanas

13 abr 2020 . Actualizado a las 21:56 h.

O queixo de San Simón da Costa é sinónimo de tradición, pois moitos vencéllano coas mulleres da aba da serra da Carba que o elaboraron durante séculos. Porén, tamén se pode dicir que equivale a vocación, como é o caso de Modesto Toubes: vive en Vilalba, aínda que é do Saviñao, e a súa queixaría, CasLeiras, foi a primeira que tivo as instalacións -están situadas na parroquia de Oleiros- fóra da zona tradicional de fabricación.

Pasados máis de dez anos dende o comezo da actividade, Toubes explica que non se sente nada arrepentido da decisión que tomou: «Volvería facelo», di. Daquela o queixo comezaba unha etapa de crecemento que tivo máis trazos visibles: o ámbito de fabricación abriuse a outros concellos da comarca, no consello regulador entraron novas queixarías e algunhas marcas mesmo construíron naves no polígono industrial de Vilalba.

Toubes intuía que a fabricación de queixo acabaría tendo importancia na súa vida, pois os seus estudos orientáronse á industria alimentaria, na que traballou ao rematar a formación. «Ocorréuseme montar a queixaría. Foi un acerto», afirma. O do queixo é un sector no que semella estar a gusto: «É mundo que me apaixona», confesa.

Os pasados foron anos de cremento da produción da Denominación de Orixe San Simón da Costa e de chegada a novos mercados. Aínda que en cifras absolutas non teña acadado unha porcentaxe alta, a exportación non só se converteu nunha nova vía de promoción senón tamén nun camiño aínda pouco coñecido. O queixo chega a moitos países, algo que no caso de CasLeiras, nome da queixería promovida por Modesto Toubes, se comproba con claridade.

Por unha banda, arredor do 40 % da produción adoita mandarse a Estados Unidos e aos Emiratos Árabes; por outra, nestas últimas semanas, co coronavirus xa estendido por boa parte do mundo, mesmo recibiu pedidos de Xapón. As circunstancias remataron por impoñerse, e agora o mercado nacional. no que o queixo se vende en supermercados e nalgunha tenda, é a única saída. As restriccións derivadas do coronavirus tamén impediron a celebración da feira anual de Vilalba, que estaba prevista para o sábado e para o domingo da semana pasada.

Que o produto gusta non admite dubidas para Toubes, convencido de que quen o proba aprecia o seu sabor e de que esa é unha das claves para amosalo en máis mercados. É unha das conclusións ás que ten chegado despois de máis de dez anos de fabricación, unha tarefa na que as cuestións aprendidas como estudante se puxeron en práctica: para el, dominar aspectos coma a temperatura ou o traballo coa pasta é cuestión de técnica.

Por outra banda, a calidade do queixo tamén está recoñecida pola súa pertenza ao selo Galicia Calidade, do que a queixaría fai parte xa dende os primeiros tempos de actividade. Con eses vimbios semella, pois, que o produto está listo para volver aos mercados de sempre e chegar a outros. Toubes cree que será posible «cando todo isto remate».