Patrocinado porPatrocinado por

O can de palleiro, o animal que ten un carácter semellante aos galegos

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

CEDIDA

O seu labor en funcións terapéuticas e de compañía faino moi valioso, como recoñece o chairego José Basanta

29 mar 2020 . Actualizado a las 20:44 h.

Valentes, só con medo a que o ceo caese enriba das súas cabezas, afeccionados a comer e a beber ben, amigos dos amigos... Eses eran algúns dos trazos dos galos, segundo se presentaban Astérix e Obélix nunha das aventuras xurdidas do maxín de René Goscinny e de Albert Uderzo. Os galegos, que tamén formamos parte da Europa occidental, somos un pouco reservados ao principio e abertos despois: así fixo onte esa descrición José Basanta, veciño de Muimenta.

Basanta comentou que o can de palleiro é nobre, quizais un pouco desconfiado, reservado ao principio e aberto despois pero sempre sociable e disposto a axudar ao da casa. «Como somos os galegos», dixo. Se o can ten un carácter moi semellante ao das xentes dese territorio, non sorprende que se empregue como animal de compañía.

En Muimenta, dende hai anos, funciona unha casa de acollida da que José Basanta fai parte e na que os cans se empregan en terapia cos nenos. Ese labor na vivenda foi desenvolvido antes por pastores alemáns. Aínda hai algún, pero os cans de palleiro remataron por ser maioría. A razón pola que se foi impoñendo esta substitución é lembrada por Basanta dunha maneira abondo sinxela: trátase, di, dunha aposta polo autóctono.

Hainos de tres clases -marelos, alobados e negros-, explica Basanta, que comenta que os primeiros abundan máis. Os outros dous eran máis doados de confundir co lobo e acabaron por ser menos empregados. Para ir conseguindo os animais para Muimenta, houbo que visitar primeiro concellos da contorna e logo ir á zona da montalña, pois na Fonsagrada e no oriente galego en xeral conservábase máis a raza. Agora, na casa de Muimenta hai femias de un a sete anos e algún macho que xa é fillo de cans chegados a Terra Chá.

Basanta cre que o can de palleiro vale perfectamente para gardar o gando -tanto animais grandes coma pequenos, subliña-, se ben o uso que neste caso se fai deles é máis ben terapéutico. A alimentación que se lles dá é a mesma que se lle pode dar, por exemplo, a un pastor alemán, con abundancia de penso. Onde si hai diferenzas é en cuestións médicas: por unha banda, os partos son doados, cousa que, di este dono de cans, non ocorre noutras razas; por outra, son fortes, e poucas veces presentan problemas de pel, de cadeira ou de intestino.

Agás algunhas infeccións que se poden presentar, estes animais, segundo Basanta, dan pouco traballo aos veterinarios. Aínda que as circunstancias teñan cambiado, esta é unha raza máis ben rústica, que, afirma Basanta, ten na resistencia e na capacidade de adaptación dous dos seus trazos básicos. E tamén, xaora, o valor de ser un bo amigo para o home, como era o can Idéfix para Obélix.