«A carne de coello é un alimento xenial para quen quere comer san»

Paula Rodríguez Villamayor, que prepara a tese de doutoramento na Facultade de Veterinaria de Lugo, recoñece que estes animais teñen menos presenza no mercado ca outros aínda que a súa cría é ampla en Galicia


LUGO / LA VOZ

Paula Rodríguez Villamayor (A Estrada, 1994) estudou a carreira de Veterinaria na facultade de Lugo, onde agora está a realizar a tese de doutoramento. Fai parte dun grupo de traballo que estudou e identificou as feromonas dos coellos, e ese labor, que pode mellorar a actividade nas explotacións, permitiu que o equipo publicase un artigo na revista científica «Brain Structure and Function».

—Se se compara a carne de coello con outras, obtense a sensación de que é menos coñecida. Comparte esa percepción?

—Si. Véndese menos. Non se atopa nos supermercados tanto como se pode atopar a carne de porco ou a de vaca. Pero expórtase moito: Galicia é a segunda comunidade produtora de España, e España, o terceiro país produtor de Europa, por detrás de Italia e de Francia. Nós traballamos cunha empresa, Cogal [ten a súa sede en Rodeiro], a maior de Galicia e de importante facturación no norte de Pontevedra. Esa empresa vende a unha cadea de supermercados, pero é unha carne que non se ve tanto coma outras.

—Fálase da carne dalgúns animais polas súas propiedades. Que se pode dicir desta se se queren contar tamén as súas boas condicións?

—É recomendable polo seu baixo contido en graxa, como outras carnes, e porque ten proteínas de alto valor biolóxico. Agora búscase unha alimentación cada vez máis saudable, e a carne de coello é un alimento xenial para a saúde, sobre todo para quen ten hipertensión, diabetes ou obesidade. É unha carne moi sa. Tamén hai que ter en conta a súa cría nunha gandaría sustentable.

—Por que se aprecia ese apartado?

—Está relacionado coa taxa de conversión alimenticia. A taxa é a relación entre o que se necesita para obter ese animal (o gasto en penso, en instalación eléctrica, etcétera) e o que dá o coello. Ademais é un tipo de cría que non xera moitos residuos. E outra cousa importante é que o coello, en comparación con outras especies, ten menor pegada de carbono: é un animal pequeno, ocupa pouco espazo, así que as emisións contaminantes son menores.

—Como se pode aconsellar o consumo de carne de coello a alguén que non coñece esas cuestións e que vai a unha tenda como simple comprador?

—É unha carne con pouca graxa. Ten aminoácidos esenciais, compoñente que outras carnes non teñen. Ten pouco ácido úrico, e por iso é moi boa para a xente que ten gota: a unha persoa con esa doenza, é a mellor carne que se lle pode dar. É, en definitiva, unha carne moi saudable.

—Por que hai ese descoñecemento?

—Por algunha razón, nas casas había vacas, porcos e galiñas, pero coellos, non tanto. Se tes coellos, case é máis para que pasten e se manteña o terreo limpo. Hoxe están a introducirse os coellos como animais de compañía, co cal tampouco se teñen para comer. Por outra banda, o sistema avanza moi rápido: hai granxas de vacas e de porcos moi tecnificadas, e un produtor de coello non pode competir con iso. No último ano, en Galicia pecharon explotacións; non digo que se reducise a produción, pero si que se concentrou en grandes explotacións.

—Evoluciona este sector coma outros?

—Se tes poucos animais, non; pero pasa o mesamo se tes poucas vacas. As grandes explotacións, si. De feito, estanse a introducir novos manexos, co cal os animais se agrupan en lotes, e así se favorece o control.

Premio Talento Mozo

Paula Rodríguez Villamayor foi unha das gañadoras dos Premios Talento Mozo, convocados pola Xunta. O seu recoñecemento concedeuse, na categoría rural. Os premios van dirixidos a estudantes e investigadores de 18 a 30 anos.

Investigacións que axudan a reducir a carga de traballo nas explotacións

Os coellos, explica Paula Rodríguez Villamayor, son animais que necesitan un estímulo ou unha descarga hormonal para ovular. Coas investigacións desenvolvidas, conséguese un bo manexo dos animais e redúcese a carga de traballo nas explotacións. Os estudos sobre as feromonas poden axudar a reducir o estrés dos animais e achegar a súa vida a unhas condicións mellores.

«Hoxe xa non chega con producir, producir, producir... As certificacións de benestar teñen gran valor. Xa non se paga só a carne senón tamén as condicións nas que desenvolveu a produción desa carne», di Rodríguez Villamayor.

Traballos con clara conexión coa actividade do medio rural galego

Non só o Premio Talento Mozo que gañou Paula Rodríguez Villamayor recoñece que as súas investigacións poden xerar beneficios nas explotacións. Ela mesma comenta que a cunicultura ten ampla presenza en Galicia, e hai estatísticas que confirman esas impresións: en Galicia está case a quinta parte dos coellos que se crían en toda España, e as explotacións galegas, máis de 200, concentran case a cuarta parte da produción nacional. Coma noutros sectores, o baixo prezo levou aos productores a amosar algunha vez o seu malestar.

Imaxes

De todos os xeitos, esta investigadora subliña que no sector se teñen dado cambios e que tamén pasou pola evolución do medio rural en xeral. Ademais, as súas investiacións levárona a tirar fotos do sistema vomeronasal dos coellos, coas que gañou un concurso convocado pola Sociedade Española de Neurociencia.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
1 votos
Comentarios

«A carne de coello é un alimento xenial para quen quere comer san»