Patrocinado porPatrocinado por

José Manuel Barreira: «Creo que o futuro do campo está no porco celta e noutras razas autóctonas»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

PALACIOS

O presidente de Asoporcel comenta que estes animais se adaptan ao clima de Galicia mellor ca outros

17 may 2020 . Actualizado a las 13:10 h.

Barreira, que vive en Muimenta, leva catro anos como presidente de Asoporcel, á que pertencen criadores de porco celta de distintas zonas de Galicia. Hoxe, en Lugo, a asociación recolle o premio Aresa, co que se recoñece o labor de colectivos, de empresas e de institucións vencelladas co medio rural.

-É unha moda o porco celta?

-Non o é. O porco celta sempre estivo connosco. Houbo un descenso ao introducírense outras razas, quizais máis comerciais. Talvez se fixo pola cultura de que o que vén de fóra é mellor, e pasou con outras especies, non só co porco. Nos núcleos nos que se conservou, non era unha moda: era unha parte do patrimonio galego.

-Paga a pena elixir esta raza de porcos para a cría e non escoller outra?

-Si. Paga a pena pola polo que ten de adaptación ao clima galego: outras razas non o soportan. Paga a pena pola calidade do produto, pola diferenza no sabor; e paga a pena porque estes animais axudan a coidar os montes. Cando falo de porco celta, falo doutras razas (vacas, cabras, cabalos...). Creo que en Galicia o futuro do monte e do campo está nas razas autóctonas, entre elas o porco celta.

-Decátase realmente o consumidor do valor que ten este produto?

-Hai dous sectores que xa se decatan: por unha banda, nós, os criadores, e a xente próxima a nós; por outra, a hostalaría, pois xa moitos donos de locais apostan polo porco celta. E repito: cando falo do porco celta, falo tamén doutras razas. Quizais falta que se interese máis a xente da rúa, o consumidor medio.

-É quizais o prezo un problema para que o produto chegue a un maior número de compradores?

-Á xente que quere calidade e produtos sans non lle importa paga a diferenza de prezo. A xente convencida de comer san prefire pagar un pouco máis e comprar alimentos bos, entre os que está o porco celta.

-A cría do porco celta faise en réxime extensivo, co cal se necesita algo máis de terreo. Supón iso un problema?

-Foino. Hoxe non se entendería a cría destes animais polas corredoiras ou polos barrios, pero en montes ou en aldeas abandonadas está a introducirse. É outro modelo de cría, e pásase dun modelo familiar, que se conserva, a un sistema máis extensivo. Tamén se está a introducir para limpar terreo abandonado.

-Dá máis traballo este sistema? Hai máis preocupación para o criador?

-Non. O investimento é menor. Non fan falta grandes naves, como pasa nas granxas. Os peches tampouco son caros. É menos custe e menos traballo

-Trátase dun complemento de rendas agrarias ou tamén de algo máis?

-Ata agora foi un complemento de xente que tiña outros labores, un coidado para non ter abandonadas as leiras ou unha axuda económica. Agora está a aparecer xente nova, con outras ideas, que quere vivir en exclusiva disto.

-É posible ese obxectivo?

-É posible. Téñense que dar condicións coma noutras gandarías, pero sería posible.

-O consumidor, cando compra, guíase por varias razóns, entre elas a económica. Paga a pena dedicar un pouco máis de diñeiro e elixir o porco celta?

-Si. Falta que ese consumidor se decate, porque o prezo medio non é tan esaxerado. Outro sistema que se está a dar é facer todo o proceso, con elaboración incluída ademais da cría, sen intermediarios.

 Un galardón que constitúe unha dobre satisfacción

Barreira recoñece, como presidente de Asoporcel, que recibir o premio Aresa, cuxa entrega ten lugar esta noite en Lugo, supón unha dobre satisfacción. «Viñamos -di- dunha época feble, con moitos traballos. Que te recoñezan é un dobre premio: por unha banda, recóllelo; por outra, anímante a seguir traballando. Cando as couas se fan ben, en equipo, iso nótase».

Porén, que se teñan dado pasos non significa que estean conseguidos todos os obxectivos máis ou menos factibles. Barreira comenta que unha cuestión aínda pendente, coma noutras especies, é a relacionada co sacrificio dos animais: di que se se introducisen outros criterios, non sería necesario acudir aos matadoiros e poderíase dispoñer de instalacións propias.

Unha solución aconsellable para manter limpos os montes

Cando se lle pregunta se a cría de porco celta é una medida aconsellable para manter limpos os montes, co que iso supón de vantaxes e mesmo de menor risco de incendio, Barreira non dubida en explicar a súa opinión: «Sería o ideal», di. «Hai monte comunal no que non se dan posto de acordo os veciños», engade sobre os casos nos que o terreno non acaba un rendemento que se podería obter sen moito esforzo.

De todos os xeitos, tamén hai casos nos que se observa a tendencia inversa, como subliña Barreira. Un deses casos é o da comunidade de montes de Carballo (Friol), onde se ten introducido o porco celta, de maneira que non só se mantén limpo o monte senón que tamén se persegue a maneira de acadar un maior proveito económico do terreo.