O monte tamén é das mulleres

Un volume presentado onte na Escola Politécnica Superior de Lugo analiza o protagonismo feminino en labores agrarios e forestais


LUGO / LA VOZ

Nin todas as árbores arden coa mesma facilidade nin todos os lumes que se fixeron e se fan nos montes son promovidos por incendiarios sen preocupación ningunha pola contorna e polo futuro. Un libro que se presentou onte ao mediodía na Escola Politécnica Superior de Lugo, «Árbores que non arden», lembra o importante labor desenvolvido polas mulleres no monte, cando ese terreo era un escenario importante dos traballos agrícolas e gandeiros e non estaba aínda dominado case por completo pola dimensión forestal.

Que as mulleres resultasen importantes nese ámbito non significa, porén, que sexan coñecidas ou recoñecidas. Para chegar a un libro coma o presentado onte houbo que comezar por unha iniciativa, o Proxecto Batefogo, orientado a previr os incendios e asemade a buscar a dinamización socioeconómica do medio rural. «Os lumes son fundamentalmente un problemas social», dixo onte, na presentación, o profesor Miguel Pardellas. E con esa dimensión social, engadiu, deben combaterse.

O devandito proxecto chegou a realizar algún traballo impulsado por Administracións públicas. Ao pasar da teoría á práctica, nalgunhas comarcas observouse que as mulleres semellaban invisibles no mundo forestal en xeral, e na prevención de incendios en particular. As voces implicadas nas distintas caras desa situación eran de homes -gandeiros ou madeireiros, por exemplo-, e só aparecían as mulleres cando se tentaba falar con xente protagonista en proxectos de dinamización social.

Beatriz Rodríguez, investigadora da USC, afirmou que as mulleres semellaban reducidas a desenvolver traballos de coidados forestais, pero alleas a cuestións de planificación e de xestión, reservadas a homes. Ese feito vén reflectir, dixo, como na visión do traballo hai unha dimensión social, da que resulta unha situación de marxinación. Tamén comentou que a bibliografía sobre este sector non incluía unha perspectiva de xénero.

A profesora Ana Cabana lembrou como o monte, sobre todo na segunda metade do século XX, pasara de ser unha ferramenta complementaria de labores agrarios a converterse nun problema: mudaron a maneira, as causas e as consecuencias de facer lume. Porén, no estudo deses cambios non é doado atopar pegadas da presenza de mulleres, malia adoitaren cavar ou levar o gando. «Non eran iguais, pero si estaban presentes», salientou.

Coa introdución de criterios máis forestais e de labores de xestión, foise diluíndo o protagonismo feminino. «A muller quedou en segundo ou terceiro plano», comentou Cabana. Por outra banda, a muller non só quedou fóra de responsabilidades de xestión no monte, senón tamén envolta nunha certa condescendencia: vese, por exemplo, que houbo comentarios exculpatorios a mulleres que prenderan lume, coma se elas, dixo Cabana, non tivesen un coñecemento claro do que estaban a facer.

De todos os xeitos, afirmou, os estereotipos son construcións socioculturais que desaparecen da mesma maneira que son creados, o cal implica que a visión sobre o papel das mulleres neste ámbito pode cambiar. En certa maneira, pode dicirse, xa comezaron a transformarse: a investigadora Beatriz Rodríguez admitiu que aínda eran moi poucos os casos de análises socioeconómicas feitas cunha perspectiva de xénero, polo que loou a idea de terse proxectado a obra que se presentou onte.

Cambios que equivalen á rotura dun dique

Lembrando situacións e mentalidades de hai anos, a profesora da USC Mar Pérez Fra explicou que a perspectiva de xénero nin estaba presente nin era imaxinable na elaboración de certos traballos. Libros coma o presentado onte reflicten, na súa opinión, a fondura de certos cambios: «Rompeuse un dique», dixo a profesora, que tamén subliñou que cada vez é maior o número de persoas que traballan tendo en conta esa perspectiva de xénero.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
0 votos
Comentarios

O monte tamén é das mulleres