Patrocinado porPatrocinado por

«Galicia é unha potencia apícola, pero o problema é que non lle damos valor ao mel e llo regalamos ao veciño»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

GANADERÍA

CARLOS CASTRO

Pablo Piñeiro, presidente da asociación dos apicultores de Lugo, afirma que o sector está a profesionalizarse con xente nova

30 sep 2019 . Actualizado a las 18:43 h.

A Asociación Provincial de Apicultores de Lugo, que preside Pablo Piñeiro dende hai oito anos, ten case 400 socios. A provincia lucense é, despois de Ourense, a que máis mel produce en Galicia, e a colleita deste ano vén con boas perspectivas, Piñeiro subliña que o mel de Galicia ten unhas propiedades que afastan da doutras zonas de España. «Os meles do sur, máis claros, son de flores, de vexetación baixa. O mel de Galicia está ben valorado, ten un gusto máis intenso», di Piñeiro.

—É Galicia unha potencia apícola?

—Éo. Pero o problema é que non lle damos valor ao mel, regalámosllo ao veciño. Ninguén regala percebes. A xente ten que ver que a apicultura é unha profesión, que se gañan cartos, que é rendible. É certo que se está a profesionalizar, o cal está moi ben.

—Vaise atopando relevo xeracional, ou é ese un problema, como hai noutros sectores?

—Houbo ese problema, que antes era o gran problema de Galicia. Somos uns 400 socios, e uns 300 pasan dos 55 anos; pero a xente que está a tomar as cousas en serio no sector é xente nova, aínda que a xente maior tamén o fai. Na apicultura apréndese moito da experiencia; a xente maior sabe moito, e esta é unha profesión que se fai moito cos anos.

—Funciona a IXP Mel de Galicia, organízanse catas... Está xa percorrido todo o camiño para darlle sona e prestixio ao produto?

—Aínda non está conseguido completamente. En Galicia, aínda non se lle dá ao mel todo o valor que ten. Os verdadeiros apicultores saben ben o traballo que dá o mel. Fóra de Galicia o mel está ben valorado; aquí menosprézase ese produto.

—Sófrese xa en Galicia perda de diversidade botánica ou aínda se conserva?

—Aínda a hai. O problema é o tempo, o cambio climático está a facernos dano. O que pasou esta noite [a do venres ao sábado, con temperaturas frescas que contrastaban moito coas da tarde anterior] é un problema grande para as colmeas, porque as abellas non traballan ata que a temperatura chega a 18 ou 19 graos.

—Como romper inercias como a de dar o mel como agasaallo e non velo como un produto co seu valor e o seu prezo?

—Hai que traballar. Se se dá como agasallo, non se lle recoñece valor. Cada cousa ten o seu prezo, e o prezo do mel [un bote dun quilo] non pode baixar dos oito euros.