Patrocinado porPatrocinado por

«Hai que loitar por un campo vivo»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

OSCAR CELA

Francisco Freire, presidente de Amigos da Feira de Castro de Rei, di que a malla que se celebra mañá é un exemplo de colaboración entre veciños

24 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Castro de Rei acolle mañá unha malla. Trátase do terceiro capítulo dunha historia que xa pasou por dous obrigados, a sega e a meda. Na sega, que tivo lugar o sábado 3 nunha leira dos arredores da vila, participaron unhas 30 persoas; na meda, que se celebrou o domingo pasado, arredor de 60. «Quedou ben, moi ben», di sobre a meda, satisfeito, Francisco Freire, presidente de Amigos da Feira, que organiza todas esas actividades. A festa acada este ano as 19 edicións, e o campo da feira é o lugar onde se xuntarán os que traballen e os que acudan de fóra para ver como outros traballan.

-Custa moito organizar unha malla?

-Traballa moita xente, e faino por ilusión. Leva moito tempo, e os que veñen doutras parroquias colaboran moito con nós: traballan na sega, na meda, na comida... Sen toda esa xente, non sería posible. É unha festa que gusta moito.

-Con actividades coma estas, pódese comprobar que o campo ten futuro?

-É o esencial. Hai que loitar para que o campo estea vivo. A malla é algo que gusta moito porque sempre vén moita xente. Estes anos pasados, para comer, xuntáronse varios centos de persoas cada día da malla.

-Paga a pena tanto esforzo?

-Dá moito traballo organizar para que saia todo medianamente ben. Pero logo, pola tarde, ves que a xente queda contenta.

-Como se lle pode explicar a unha persoa dunha cidade que debe ir a Castro de Rei mañá para ver de preto todo o traballo que se fai nunha malla?

-Os que son de fóra deben ir porque é unha maneira de ver como se traballaba antano. Facíase todo a man, e nun día como o de mañá vese como era o traballo que se facía.

-Vale unha malla como una iniciativa para dignificar a vida no campo?

-Que se vexa o que se facía e como se facía.

-Cre que hai realmente futuro no campo?

-Creo que si, pero adaptándose aos tempos de hoxe.

-Hai xente que colabora na sega, na meda e na malla. Con todo iso queda abondo claro, supoño, que a xente do campo é solidaria.

-Hai moita cooperación. Hai xente que vén traballar, e vese moita harmomía. Aínda que se traballa moito, hai xente que di que a malla é a mellor festa que ten. Para a xente de aquí, esta é sen dúbida a mellor festa. A xente xúntase, todos se levan ben... Se non fose así, non sería posible este traballo porque se necesita moita xente. Ás veces hai 60 ou 70 persoas traballando, e xuntar toda esa xente é moito de agradecer.

Un xantar para repoñer forzas e para amosar a unión dos veciños

Nas mallas trabállase arreo, polo que un xantar cando o labor queda feito semella imprescindible. O menú de mañá semella axeitado para dar novos folgos aos que teñan traballado antes do xantar: haberá empanada, cachola, chourizo e queixo con marmelo ademais de café.

Por outra banda, os anos que xa pasaron dende que a malla comenzou a celebrarse e a súa capacidade de convocatoria son dous trazos que non pasan inadvertidos para solicitar a declaración de Festa de interese turístico de Galicia, decisión que corresponde á Xunta. Mesmo o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, recoñece que é unha iniciativa que cómpre estudar e logo expoñer á administración autonómica, xa que é, di, unha das principais festas do concello.