Patrocinado porPatrocinado por

«Nunha leira dun ferrado, coa maquinaria que hai hoxe, non se pode traballar»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

PALACIOS

Cristian Seoane, gandeiro da Pastoriza, conseguiu máis terreo con axudas da Deputación. As 25 hectáreas que ten abarcan unhas 25 leiras.

09 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cristian Seoane, de 36 anos, é gandeiro e fillo de gandeiro. A súa explotación, que ten unhas 80 vacas, está situada en San Martiño de Corvelle (A Pastoriza). Nesa parroquia comezouse a concentración parcelaria, pero non se rematou. A necesidade de terreo, pois, resulta evidente. A explotación ten arredor de 25 hectáreas de terreo, todas prados do que se obtén herba para alimento do gando. Con un plan da Deputación de Lugo conseguiu unha hectárea e media máis de terreo, que se reparte en dúas leiras e nas que traballará en aluguer durante cinco anos. Un dato resulta evidente sobre a necesidade de acadar máis terreo: as 25 hectáreas que ten están espalladas nunhas 50 leiras.

 -Cre que a falta de terreo é o principal problema que sofre o campo hoxe?

-O problema non é de falta de terreo, que o hai, senón se ordenación territorial. Aquí non hai concentración parcelaria, e xa non se fará, creo. [Na parroquia estase a construír un parque eólico que tamén terá aeroxeradores na Regueira, e Seoane comenta que o que ingresarán os afectados por ocupación de terreos fai perder interese pola concentración parcelaria].

-Faríalle falta agora conseguir máis terreo para as necesidades da explotación?

-Hoxe, para os animais que teño, quizais non necesito máis. Pero se quixera aumentar o número de animais, faría falta máis terreo. Nunha explotación hai que ser autosuficiente para non depender de fóra. Pero tamén hai quen prefire facer plantacións antes que arrendar.

-Hai aínda mentalidade de minifundio?

-Botábase a culpa aos vellos;pero os que veñen detrás aínda pensan que a súa leira é mellor ca a do veciño.

-Que se pode facer contra esa situación?

-Hai que tentar xuntar leiras, comprando ou arrendando. A dispersión das leiras é un problema: é o gran problema

-Como afecta o terreo reducido no traballo diario?

-Nunha leira dun ferrado, coa maquinaria que hai hoxe, non se pode traballar. [Un ferrado equivale na Pastoriza a 504 metros cadrados].

Case 2.000 hectareas recuperadas

Un total de 1.888 hectáreas foron recuperadas na provincia de Lugo nos últimos anos para uso agrario e gandeiro. Trátase dunha iniciativa que promove a Deputación e coa que labregos interesados en dispoñer de máis terreo poden acadar axudas do organismo provincial. O sistema permite que gandeiros e agriculltores, de maneira individual ou como membros dunha agrupación de produtores ou dunha SAT, acceder a fondos. As axudas son de 500 euros por hectárea, cun máximo de 9.000 euros por cada subvención.

As axudas concédense dende hai anos, e o prazo para tramitalas este ano rematou o venres. No último reparto houbo unha partida de 300.000 euros. As axudas chegaron a todas as comarcas da provincia, coa Montaña (42 axudas, 92.300 euros achegados) en primeiro lugar e a Terra Chá (39 axudas, 85.600 euros) en segundo.