Crear paisaxes resilientes, a fórmula para frear o «0,2% dos lumes» que son capaces de queimar o 40 % do territorio
FORESTAL
Juan Picos, da Universidade de Vigo, defende en Bruxelas unha estratexia baseada en priorizar a vexetación que faga fronte ás novas vagas de lumes
13 may 2026 . Actualizado a las 09:53 h.Galicia é moi susceptible a unha das grandes debilidades naturais de Europa, os lumes forestais. Os últimos anos teñen amosado o empeoramento das vagas por mor do cambio climático e a necesidade de mecanismos de prevención e resiliencia a nivel continental. Un destes xeitos de prevención son as solucións naturais, o tema central do panel celebrado no Parlamento Europeo que contou coa participación de Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo, e organizado polo eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares.
Picos, doutor en Enxeñaría Medioambiental, centrou a súa intervención na construción de paisaxes resilientes contra os lumes forestais. Neste eido, o profesor e investigador da UVigo destacou o problema da aparición de incendios en lugares sen historial e que, por iso, os seus mecanismos de extinción non están adaptados, así como a súa crecente achegada a áreas urbanas e o seu impacto nas infraestruturas. Sobre as paisaxes resilientes, o profesor puxo como exemplo a eliminación de especies como as acacias, unha especie invasora que ten que ser erradicada e controlada como se fixo recentemente en Ridimoas-Beade, na provincia de Ourense. Pola contra aboga por unha estratexia baseada en priorizar a vexetación que faga fronte ao lume, promovendo a rexeneración natural de especies autóctonas
«Nos últimos 15 anos percibimos unha transición moi rápida nos incendios. Agora hai o 10% dos incendios que tiñamos nos anos 90, pero a súa intensidade e os danos que causan son máis importantes. Temos que adaptarnos», destacou Picos tralo evento. Segundo el, é vital a proactividade para que o terreo estea mellor preparado. Sobre como compaxinar as estratexias a medio e longo prazo cunha actuación inmediata, o experto destacou o equilibrio como estratexia de futuro. «Cómpre defendernos dos lumes de sempre, pero o que non é de recibo é que todos os anos digamos que isto nunca pasara. Analizamos, nos últimos 15 anos, 31.000 incendios forestais en Galicia e o 0,2% queimou o 40% do territorio», denunciou o galego, que explicou que «para gañar a liga tamén hai que gañar o domingo».
Nicolás González Casares, un dos organizadores do panel, defendeu unha achega europea a un problema local, pero común con territorios que tamén estiveron representados como Grecia. «Era importante ver diferentes solucións a nivel europeo e as que se están a desenvolver en Galicia e Portugal. É un problema que vai medrar nos vindeiros anos», explicou o eurodeputado socialista. Para el, é preciso involucrar a paisaxe, sectores como a silvicultura. «O cambio climático está aí, estes fogos son cada vez máis intensos e a nosa resposta non pode ser sempre a mesma, simplemente ter máis medios de extinción. Temos que actuar con estas solucións e pensar que tipo de monte queremos os galegos», valorou Casares.
No mes de marzo, a Comisión Europea presentou a súa nova estratexia de prevención de lumes forestais baseada nas paisaxes e ecosistemas resilientes, a mellora do coñecemento e concienciación entre a poboación, a organización da resposta rápida e a restauración dos espazos calcinados. O Executivo comunitario busca reducir o impacto dunhas vagas de lumes que, no ano 2025, calcinaron na UE unha superficie similar á rexión de Murcia.
