Patrocinado porPatrocinado por

Rosa Mosquera: «O proxecto de rexeneración forestal de Quiroga é o primeiro do seu tipo en Galicia»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

FORESTAL

ALBERTO LÓPEZ

Unha bióloga e catedrática do campus lucense da USC coordina un plan de actuación en áreas queimadas polo gran incendio do ano pasado

06 abr 2022 . Actualizado a las 11:16 h.

A bióloga Rosa Mosquera, catedrática de Produción Vexetal, coordina un grupo de investigadores da Escola Politécnica Superior do campus da USC de Lugo que desenvolve un proxecto de restauración forestal nas áreas afectadas polo gran incendio que se rexistrou o ano pasado no municipio de Quiroga. A iniciativa encádrase no programa europeo Life Vaia, no que tamén participan grupo de Italia e Francia.

—Por que hai varios países implicados neste proxecto?

—O obxectivo común é promover a restauración forestal en áreas afectadas por sucesos extremos. O nome do programa vén da tormenta Vaia, que no 2018 causó unha gran devastación forestal na rexión italiana do Véneto. No noso caso trátase dun incendio de grandes dimensións no que se alcanzaron temperaturas de entre 400 e 500 graos, e que non só destruiu moita masa forestal, senón que tamén causou unha forte degradación nos solos debido ás altas temperaturas. Cada un dos grupos que traballan no proxecto estará informado sobre o labor que desenvolven os outros participantes. Os criterios de actuación son moi similares, aínda que cada territorio ten as súas características propias e a vexetación é diferente.

—Canta superficie ten a zona na que se actuará en Quiroga?

—Imos actuar sobre unha superficie de cen hectáreas, pero comezaremos traballando en dúas áreas piloto de 2,5 hectáreas cada unha. Conforme vaiamos vendo os resultados que se obteñan nestas áreas piloto, as actuacións iranse ampliando ao resto do territorio.

—Con que criterio se seleccionou a área de actuación?

—Os terreos nos que imos traballar pertencen á comunidade de montes da parroquia de Quintá de Lor e foron escollidos en boa parte pola dispoñibilidade que mostraron os comuneiros. A vexetación da zona estaba formada por piñeiros, carballos, castiñeiros, érbedos, uces, brezos, toxos... O terreo é moi pedregoso e pola zona discorren dúas correntes de auga, o propio río Lor e un regato.

—En que consistirán estas intervencións?

—Un problema fundamental é que o incendio destruíu a microfauna e a microbiología do solo, e hai que estudar a forma de rexeneralas. Temos previsto plantar árbores e arbustos de diversas especies que estaban presentes na zona antes do incendio e os veciños tamén están interesados en que se planten oliveiras. Plantaremos ademais diferentes especies de plantas aromáticas, medicinais e melíferas. A área de actuación é unha zona apícola tradicional e imos colaborar con varios apicultores locais. Por outro lado, faranse avaliacións da rexeneración das poboacións locais de anfibios e insectos e realizaranse comparacións con zonas próximas. O proxecto comprende tamén observacións da evolución dos terreos mediante imaxes de satélite e avaliacións da captura de carbono.

—Cando se levarán a cabo?

—De momento estanse recollendo mostras de terreo para facer análisis e tamén estanse arracando os tocóns das árbores queimadas. As plantacións comezarán en outubro deste ano. As actuacións levarán o seu tempo, porque o proxecto Life ten un prazo de execución de cinco anos. A medida que se vaia desenvolvendo o proxecto organizaremos accións para divulgalo e para explicar os resultados aos cidadáns.

—En Galicia realizouse antes algunha actuación deste tipo?

—Ten habido actuacións de rexeneración forestal, pero que eu saiba, un proxecto deste tipo, no que se utilizarán moitas especies vexetais combinadas, é o primeiro que se desenvolve en Galicia.