Patrocinado porPatrocinado por

«A industria da madeira ten que situarse no centro da bioeconomía»

FORESTAL

XOAN A. SOLER

Ignacio Lema, director da Axencia Galega da Industria Forestal, remarca que o sector galego da madeira  xa ten coñecemento acumulado que lle permite estar á vangarda das novas tendencias de mercado

12 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ignacio Lema (Brión, 1961), director da da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), fala de dúas demandas para o sector: unha de carácter conxuntural a causa do desabastecemento puntual de materias primas e outra demanda estrutural que é a auténtica oportunidade de futuro.

—É un bo momento para investir no sector forestal?

—Si [sorrí]. Unha vez pasado este momento de desabastecemento conxuntural, hai unha demanda de futuro que propón non só investir en madeira ou facer inmobles ou mobles con madeira, senón investir no monte en coníferas. Nós, dende a Consellería de Economía, tentamos colocar a industria da madeira na cabeza das novas tendencias de mercado, principalmente europeo, porque son as de maior valor engadido.

—Unha delas é a construción.

—Todo isto ten un marco xenérico, que é a bioeconomía circular, que se fundamenta en materias primas de orixe biolóxico que sexan xestionables de forma sustentable. A madeira certificada é o produto estrela da bioeconomía circular, porque retén secuestra e mantén o CO2. Tamén hai unha demanda do mercado polas súas condicións e ademais, favorece a construción pasiva, eficente enerxéticamente. Hai un proxecto con socios franceses, españois e portugueses que investigan como construír en madeira a media altura cun contralaminado de madeira e xa hai unha fábrica galega. A industria xa está colocada na vangarda da tendencia de mercado. Facemos tamén formación específica e obra pública, e sobre todo aquí está colaborando o Sergas con centros de saúde que se construíron en madeira, como o da Laracha, ou que xa están proxectados. E para o próximo ano temos unha orde de axudas de catro millóns de euros para fomentar a construción pública e privada e solicitamos dos fondos Next Generation 29 millóns para este impulso .

—A outra é a da fibra téxtil.

—Hai un estudo da ONU que di que a forma de consumir téxtil non era sostible. O Fashion Pact de 2019 conduce cara a un modelo de fibras téxtiles sostibles, que teñan un impacto medioambiental baixo ou promovan a loita contra o cambio climático. O proxecto Next Generation que presenta Galicia sobre o téxtil mantén esas condicións: parte do material debe se reciclable, toda a madeira debe ser certificada, que se utilicen diferentes tipos de madeira, que o ciclo produtivo sexa medioambientalmente respectuoso e que esa materia sexa transformada en Galicia como materia textil. É un exemplo de economía circular. E estamos fomentando a creación dun laboratorio industrial no CIS-Madeira que axude en construción e fibras a caracterizar as especies locais e a revalorizar os residuos.

—Precisa o sector dunha adaptación para traballar nestas novas tendencias de mercado?

—Temos un gran potencial. O reto máis importante é promover o desenvolvemento da bioeconomía circular en todos os demais sectores industriais, é dicir, situarnos no centro da bioeconomía e axudar as demais industrias a utilizar produtos que melloren o seu impacto ambiental. Mesturar madeira con plástico no automóbil fai que o seu impacto medioambiental sexa menor. O uso de madeira estrutural en construción supón unha nova cadea de valor que non existía en Galicia, e que produce con gran valor, de usar e permanecer, que é unha tendencia que se ve tamén no téxtil e tamén no packaging para a alimentación, ben en celofán ou caixa de madeira. Galicia ten empresas que xa están enfocándose cara a esa nova actividade e hai moito máis coñeemento do que se cre. Hai industrias que están na vangarda destes mercados, pero como son produtos que non son de consumo final, a sociedade non o coñece. Pero hai un potencial económico moi grande dende a perspectiva da industria da madeira.