Patrocinado porPatrocinado por

«Estamos definindo novas figuras de xestión conxunta do monte, ademais das Sofor»

María Cedrón REDACCION

FORESTAL

XOAN A. SOLER

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, avoga por crear en Galicia a figura recoñecida por Bruxelas de «monte modelo», para que os propietarios teñan un exemplo no que inspirarse e poidan poñer en valor tódolos aproveitamentos do bosque

17 jun 2019 . Actualizado a las 19:11 h.

O monte galego ten dúas frontes abertas: os lumes e o abandono. As Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), creadas no 2011, tratan de loitar contra estes dous problemas que, de feito, están asociados. Aínda que este ano está prevista a constitución de doce novas agrupacións deste tipo, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, recoñece que pór a xente de acordo para facer unha xestión conxunta do monte «non é doado». Para facilitar as cousas aos propietarios avanza que dende o departamento que el dirixe están traballando «para, ademais das Sofor, crear novas fórmulas para a xestión conxunta do monte. Porque, aínda que a figura de sociedade limitada das Sofor ten unhas vantaxes moi importantes para atraer capital privado, imos tratar de crear tres ou catro figuras máis cun grao de complexidade menor e que poden ser máis acaídas para buscar unha xestión conxunta. Por exemplo, facer unha xestión do territorio para froiteiras, montes de varas... Estamos traballando internamente na procura doutras fórmulas que nos permitan ampliar ese abano de modelos asociativos dentro da lei vixente para darlle máis facilidades aos propietarios do monte».

-Que figuras poderían ser?

-Hai que especificalas para xestión forestal. Estamos traballando coas que están establecidas legalmente como sociedades sen ánimo de lucro, comunidades de bens, SAT ou cooperativas. Estamos estudando esas figuras para ver que poidan ser acaídas para a xestión forestal e ver tamén para qué tipo de xestión forestal. Ofrecer ese abano de opcións é tamén unha recomendación do ditame da comisión parlamentaria que se fixo a raíz dos lumes do 2017.

-Dar un uso á terra abandonada é un dos obxectivos da Lei de Mobilidade de Terras. Como está a norma e cal é o seu punto forte?

-Primeiro ten que saír e ten que aprobarse. Internamente está bastante avanzada, polo que en breve iniciará a súa tramitación, pero afecta tamén a outras direccións e é o conselleiro quen debe liderar a súa presentación. O que pretende é mobilizar aquelas terras que están abandonadas, moitas veces porque os propietarios xa non saben nin onde as teñen. Despois hai que poñelas en produción, vendo aquelas que son máis aptas para unha determinada produción. Por iso vai encamiñada en dúas liñas: unha é a creación de polígonos agroforestais, marcar un territorio para lograr mobilizar a produción agroforestal nese determinado espazo; a outra céntrase en buscar fórmulas que faciliten a xestión conxunta desas propiedades forestais para tratar de xestionalas baixo criterios de multifuncionalidade e sostibilidade. Non é só fomentar a produción madeireira, senón tratar de buscar a xestión de tódolos aproveitamentos que pode dar o monte en Galicia: madeira, castaña, resina, cogomelos e tamén os valores naturais que dá o ecosistema forestal en Galicia, como a fixación de carbono, e a conservación da biodioversidade.

-Todo isto é bioeconomía.

-O monte en Europa, en España e en Galicia ten unha alta produtividade, e está encamiñado a ser un dos piares fundamentais do medio rural activo economicamente e, por tanto, vivo e xerador de emprego. Tanto na estratexia forestal europea como na estratexia 20-30 para cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sostible a madeira, como recurso natural renovable, xoga un papel moi importante: fixa carbono e usa pouca enerxía na súa transformación. Hai que pensar en tres grandes eixes, que son a bioenerxía, onde a madeira pode usarse como substituta dos combustibles fósiles; a bioenxeñaría, usando a madeira para pór no lugar de materiais que non son sostibles como o aluminio; e a bioconstrución, un piar que non está nada desenvolvido en Galicia nin en España.

-Pero volvemos ao mesmo: o problema é que hai moita xente que non sabe onde están as súas terras ou hai leiras que pertencen a emigrantes, ou xente que herdou e non ten nin idea de onde están... Como se poden xestionar eses espazos?

-En todas estas figuras nas que traballamos o que se establecen son ferramentas para mobilizar propiedades de descoñecidos ou coñecidos ausentes. Establécense unhas liñas de actuación. Pero deixemos que saia a lei para ver como as asociacións poden incluír eses terreos dentro da xestión conxunta. Hai diferentes fórmulas legais.

-Á xente cústalle pórse de acordo, pero a sociedade vaise concienciando pouco a pouco do que supón traballar en común?

-Vaise concienciando a xente que ten mentalidade activa. Pero tamén hai que establecer un monte modelo para que poidan copiar. Nas zonas da Estrada, Lalín, Dumbría ou outras zonas de Lugo que teñen as Sofor, por exemplo. Cando se instalan este tipo de figuras nunha zona outras que están preto teñen un exemplo claro; polo tanto, hai que divulgalos. Cando hai algo que se ve a todos nos é máis fácil copiar.

-Hai xa montes modelo en Galicia?

-É unha figura legalmente establecida a nivel europeo, e gustaríanos impulsar esa creación ao longo desta lexislatura. De feito, é un dos obxectivos desta dirección xeral creada en decembro. Imos tratar de ver qué montes teñen valores deste tipo para podelos meter dentro desa figura. Porque a xestión forestal non ten por que estar só enfocada á madeira, senón que tamén pode haber gando ou outros aproveitamentos que pasan tamén pola conservación da biodiversidade e a conservación do patrimonio. Non todo é aproveitamento da madeira de crecemento rápido: hai que facer complementarios os usos e servizos que nos dá o monte. Non cabe dúbida de que é un sumatorio do económico, o medioambiental e mailo social.

-Ata podemos plantar té...

-Non pode esquecerse que hai iniciativas moi interesantes, como as plantacións de froitos vermellos propios do ecosistema galego -como pode ser o arando-, outras de plantas aromáticas e medicinais... A ordenación forestal é un dos obxectivos do Plan Forestal, que é un documento no que estará posto cómo planificar o territorio. É un documento que fixará as regras do xogo no período 2020-2040.