Convocan axudas para a reforma dos mercados municipais de productos agroalimentarios
AYUDAS

O presuposto das achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), supera os 1,7 millóns de euros. O prazo para pedir estas subvencións estará aberto ata o 6 de marzo.
22 ene 2020 . Actualizado a las 21:21 h.Más de 1,7 millóns de euros. Ese é o orzamento para este ano e o que ven das axudas que ofrece Medio Rural, co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), para a rehabilitación de mercados municipais. O obxectivo destas achegas publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), enmarcadas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, é potenciar a comercialización de produtos agroalimentarios nos mercados municipais e prazas de abastos, que serven de dinamización económica e social dos territorios. Os consumidores valoran tanto o trato persoal recibido como a calidade e a proximidade dos produtos que mercan e a finalidade é mellorar a experiencia do usuario cunhas infraestruturas renovadas.
O prazo para pedir estas axudas estará aberto durante 45 días naturais a partir de mañá. é dicir ata o 6 de marzo. Poderán beneficiarse destas achegas os concellos galegos que pretendan rehabilitar ou reformar mercados ou prazas de abastos de titularidade municipal. Subvencionaranse as obras que afecten á estrutura da edificación, a habilitación de espazos de uso común ou instalacións de uso colectivo dentro dos inmobles. Tamén se poderá recibir axuda para facer fronte á redacción do proxecto e á dirección de obra, ata un máximo do 12 % dos custos subvencionables.
Os concellos interesados deberán complementar a solicitude co proxecto de obra que queiran acometer e remitilo todo exclusivamente por medios electrónicos. As subvencións convócanse en réxime de concorrencia competitiva. Os criterios de baremación atenden á localización xeográfica da obra, á boa xestión acreditada polas entidades locais e ao contido das actuacións propostas. Os seleccionados recibirán unha porcentaxe de axuda do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 50.000 euros.