Patrocinado porPatrocinado por

Medio Rural inviste catro millóns de euros na promoción dos produtos de calidade

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

AYUDAS

JOSE PARDO

Poderán acollerse a estas axudas as agrupacións de produtores amparados por un réxime de calidade

17 ene 2020 . Actualizado a las 11:55 h.

Dar a coñecer os produtos de calidade galegos e axudar ás organizacións de produtores que levan a cabo esa tarefa é o principal obxectivo da nova liña de axudas que onte fixo pública a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). En total, serán catro millóns de euros os que se repartirán entre agrupacións de produtores que estean amparados por un réxime de calidade. O orzamento divídese en dúas anualidades, a de 2020 con 2,4 millóns de euros e a de 2021 con 1,6 millóns. Está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) para Galicia.

A resolución sae publicada no Diario Oficial de Galicia e nela indícase que os beneficiarios poderán ser calquera agrupación de produtores amparados por un dos réximes de calidade que existen na comunidade. Poderán subvencionarse con estes cartos todas aquelas actividades que pretendan dar a coñecer un produto cun selo de calidade diferenciada para fomentar o seu consumo. Deste xeito, deberán resaltarse as características ou as vantaxes específicas destes alimentos como a súa calidade, os seus métodos de produción ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao programa de calidade que se trate.

A organización ou participación en feiras e exposicións, a publicidade nos medios de comunicación ou en puntos de venda e as actividades de relacións públicas son algúns dos gastos que se poden subvencionar con estas axudas. Tamén se poderán pagar estudos de mercado relacionados directamente coas campañas de promoción e outros de avaliación do impacto destas accións sobre os consumidores.

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica co formulario específico que acompaña esta orde dirixido á axencia Galega da Calidade Alimentaria. O prazo de presentación é dun mes. Máis información en https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200115/AnuncioG0528-261219-0001_gl.html