Ribadumia acapara todos os premios aos mellores tintos

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

AGRICULTURA

Elena Fernández

Ramón Lede Noya, de Leiro, fíxose co galardón trala cata final; na categoría de variedades autóctonas venceu o cambadés Francisco Javier Vieites Santos

08 jun 2026 . Actualizado a las 08:53 h.

O Concello de Ribadumia segue aínda de festa. Tras unha noite moi longa, o domingo arrincou ofertando aínda unha chea de cousas por facer e a posibilidade de degustar, acompañados duns petiscos, os viños que participan na feira de Barrantes. Onte foi o día máis intenso do programa. Durante o xantar déronse a coñecer os nomes dos adegueiros que venceron o concurso de catas desta 53 edición da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas. Os integrantes do comité de catas escolleron como mellor tinto o de Ramón Lede Noya, seguido por Rafael Núñez Serantes, Irene Lojo Abal, Javier Jamardo Costas, José Carlos Lorenzo e o Bar Santiaguiño. En todos os casos, son veciños e veciñas de Ribadumia, que amosa así o seu poderío indiscutible nesta materia.

Polo que respecta á categoría de variedades autóctonas, aí quen manda é Cambados, localidade da que son todos os gañadores a excepción do sesgundo clasificado, o meañés Jesús Seijas. De Cambados é o adegueiro que ocupou o primeiro posto, Francisco Javier Vieites, e de Cambadso son tamén Héctor Cores, Dolores Calo, Egenio Núñez e Carmelo Vieites.