Fernando Veiga, ex xerente de Horsal: «A horta é unha actividade que pode xerar unhas rendas máis que dignas»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

Fernando Veiga deixou esta semana de ser o xerente de Horsal
Fernando Veiga deixou esta semana de ser o xerente de Horsal Martina Miser

Deixa o cargo tras trece anos ao fronte da cooperativa e explica que estes cultivos teñen mercado de sobra para seguir medrando

08 jun 2026 . Actualizado a las 09:00 h.

Fai xa trece anos que Fernando Veiga se puxo ao fronte da xestión da principal cooperativa de horta de Galicia, Horsal. Unha etapa que agora considera rematada e que deixa atrás para centrarse noutras cuestións. «Foron anos de traballo intenso», lembra agora, nos que a cooperativa se modernizou, innovou e atopou socios por toda Galicia. Pero tamén foron tempos de traballo en equipo, asegura, de formar parte dun proxecto común cuns socios dos que leva moi bo recordo, e que non querían velo marchar. Veiga está convencido de que os que veñen atrás traballarán «aínda máis intensamente» para seguir consolidando o cultivo da horta en Galicia. Un sector, asegura, no que se pode vivir moi dignamente, «sempre que che guste, claro está».

—Fai xa trece anos que chegou á dirección de Horsal ¿que se atopou entón?

—En esencia, era un grupo de xente que estaba implicada nun proxecto común para afrontar os problemas, que é a base e o máis importante do proxecto cooperativo. Érao daquela e segue a selo hoxe. É certo que había menos socios, menos produción e un ámbito territorial de socios máis reducido, ademais de que se traballaban produtos de referencias máis básicas, con menor valor engadido e menor diversificación.

—Tal e coma están as cousas hoxe en día, ¿Horsal ten potencial para seguir medrando?

—O mercado ao que se dirixe Horsal, que é a esquina noroeste de España, consume moita máis horta da que produce. Nese sentido, hai posibilidades de crecemento. A nivel de recursos e de potencial produtivo, habería marxe para máis. Pero en moitos casos as zonas con mellores aptitudes hortícolas teñen que competir con outras producións que tamén son atractivas e se non hai dispoñibilidade de persoas, non hai máis de onde tirar.

—¿Está o sector da horta a medrar nos últimos anos?

—Máis xente non hai e tampouco hai un aumento significativo da superficie que se cultiva, pero si é certo que a xente que se dedica a isto está collendo máis dimensión. Hai zonas de Galicia onde había moita máis presenza de cultivos da horta que foron desaparecendo. No Ribeiro, por exemplo, había unha cooperativa que desapareceu, igual que no Ulla, aínda que quedan algúns produtores individuais. O mesmo pasa nas Mariñas coruñesas ou na Limia. En xeral si que hai menos activos agrarios, menos organizacións, aínda que pode haber un aumento da dimensión dos que quedan traballando a horta.

—¿Cree que o cultivo da horta é un sector atractivo para as novas xeracións?

—En Horsal temos unha media de idade que é máis baixa ca doutros sectores, coma o gandeiro. No noso consello reitor temos xente de corenta e poucos, de menos de corenta e so un de sesenta. E si que hai xente nova que se vai incorporando todos os anos.

—No Salnés hai anos se abandonaba a horta para plantar viño. ¿Cree que agora se podería dar o movemento á inversa?

—De forma masiva non o vexo claro. A viticultura se enfoca coma unha actividade de inversión, de alguén que non traballa no campo e, de feito, a maior parte do traballo o fan empresas de servizos. A horta esixe unha dedicación, que se traballe nela. Por iso vexo complicado o cambio. O que si que temos socios que teñen viño e que, en vez de ampliar, agora están diversificando e apostando por outros cultivos, como é o aguacate.

—Diversificación e innovación foi o que fixo Horsal nos últimos anos. ¿Por aí pasa o cultivo da horta?

—Está claro que todo o que se poida facer en innovación ou en xerar produtos de maior valor engadido, benvido sexa. É certo que os produtos tradicionais seguen a ter o seu mercado, sobre todo se os cultivas e os presentas ben, con bo servizo. Seguen a ter un oco nos mercados que é atractivo. Pero se iso se pode combinar con referencias de novo valor engadido e novas presentacións, será mellor.

—Vostedes apostaron por entrar na cuarta gama e por diversificar.

—Si, porque ese tipo de produtos xera máis valor engadido e nos diferenza nos mercados. No mercado galego temos moita presenza de produtos hortícolas do norte de Portugal e, ás veces, teñen prezos moi competitivos. Se aquí es quen de diferenciarte, esa é unha defensa moi boa das túas producións. Eu estiven trece anos traballando en Horsal con moita intensidade e agora, a xente que queda, estou seguro de que vai seguir con moita máis intensidade e asumindo retos moi interesantes.

—¿Con que se queda deses trece anos en Horsal?

—A experiencia foi enormemente enriquecedora. O ser parte dun proxecto moi vivo, moi sentido polos socios, e con capacidade de transformar o sector e a zona. Ser parte desa realidade é que me queda, o que máis pesa.

—¿A cooperativa é a mellor fórmula para o sector da horta?

—Hai alternativas de comercialización para circuítos curtos nos que os produtores individuais poden atopar alternativas interesantes. Pero os volumes máis significativos de horta se concentran nos supermercados e aí eses produtores teñen poucas posibilidades de acceder, de dar servizo e de negociar. Pero tamén está o asesoramento técnico, o cumprimento de normativas... cada vez é todo máis complexo e estar agrupado supón un apoio moi bo. As cooperativas hoxe son moitas máis cousas que axudar á comercialización dos produtos.

—¿Anima á xente a sumarse ao sector da horta?

—Tenche que gustar. É unha actividade que ten riscos importantes, pola climatoloxía ou as pragas, e hai que estar disposto a sufrir. Dito isto, a quen lle gusta é unha actividade que permite xerar uns niveis de renda máis que dignos en relación co investimento. E as condicións de traballo non so para nada extenuantes. temos algún produtor novo que conseguiu multiplicar por catro e por cinco a súa facturación anual e está en niveis de ingresos moi interesantes.

—¿Que extensión de terreo se precisa cultivar para vivir unha familia?

—As explotacións con mellor nivel facturan unha media de 20 euros por metro cadrado en invernadoiro e de seis ou sete euros ao aire libre. Con 8.000 metros cadrados de invernadoiro podes estar nos 160.000 euros de facturación bruta. Hai tamén xente en intensivo, que ten catro ou cinco hectáreas, aínda que non no Salnés. Pero eu creo que con 4.000 metros cadrados de invernadoiro e outros 6.000 ao aire libre podes ter unha base produtiva moi interesante para obter un nivel de renda máis que aceptable. E mellor ca do calquera traballo por conta allea.