O furancho de Pontevedra no que se pode e se debe cantar

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

AGRICULTURA

Miguel, no furancho Finca de Filgueira, na parroquia de Lérez, en Pontevedra.
Miguel, no furancho Finca de Filgueira, na parroquia de Lérez, en Pontevedra. SERGIO SUEIRO

Miguel, mestre e furancheiro, converteu a bodega da casa nun lugar onde botar un grolo, comer ovos fritidos e rir coa retranca do dono: «É ben certo iso de que para beber o viño sobra xente, o carallo é dar sulfato», di el

24 abr 2026 . Actualizado a las 09:30 h.

Sexa porque o viño quita a vergoña sexa por outra cousa calquera, cantar e beber, beber e cantar soen facer boas migas a este lado do telón de grelos. Non hai copla que se prece na que o néctar das uvas non ande arredor; dende «era o viño, miña nai, era o viño, era o viño que me emborrachaba» ata o viño albariño que tiña que consolar pero que «ao verme chorar choraba». Miguel Filgueira, mestre de profesión e tamén da retranca e furancheiro de Pontevedra, sábeo de sobra. Así que cando converteu a bodega da súa casa de Lérez nun furancho para vender o viño sobrante da colleita de cada ano, plantou un cartel no que di: «Neste furancho pódese e débese cantar». E abofé que se lle fai caso.

Miguel Filgueira é retranca pura baixo unha camisa de cadros e cunha cunca branca na man. Conta el que seus pais, antes de ir para Pontevedra cidade, onde abriron o mítico comercio A casa dos paraugas, eran xente de labranza. El criouse en Lérez e na súa casa había animais e tamén leiras e vides. Facíase viño todos os anos. Así que medrou sabendo o que era podar, vendimar e pisar uvas. Tamén tendo claro que é ben certo iso que se le agora nalgunhas camisetas modernas: «Para beber viño sobra xente, o carallo é dar sulfato», sinala entre gargalladas este home.

Xa de adulto, converteuse en mestre. De feito, leva corenta anos dando clase no colexio Abrente de Portonovo, do que está ben orgulloso, xa que foi membro fundador da cooperativa que o sostén. Sen embargo, sempre lle tirou a terra. E un día decidiu que tiña que facerse cargo das vides familiares. Empezou a traballalas e deuse conta dunha cousa: «Ademais do traballo, que era moito, facer viño implicaba custos. Pensei que tiña dúas opcións, ou buscar como sacarlle algo de rendemento ou cortalas. E para min o de cortalas era case impensable... doíame soamente o feito de imaxinalo», explica. Así foi como hai unha década discorreu que, se cadra, o seu era montar un furancho na bodega da casa. Recoñece que a familia quedou abraiada ante a súa idea: «Pensaron que estaba pirado, e supoño que algo si que debo estar».

Naceu así o furancho Finca Filgueira, a tiro de pedra da cidade de Pontevedra e pensado non para funcionar como un restaurante senón como un loureiro; un local para vender os excedentes do viño que cumpre coas normas da Xunta e o Concello, dende abrir soamente tres meses ao ano a dar de beber auga e viño e cinco tapas. Miguel di que dende o principio tivo clara unha cousa: «Eu quería que o pouco que lle ofreceramos á clientela fora bo». Con esa idea elaborou a pequena carta da casa, na que hai ovos fritidos que procura que sexan das súas galiñas, callos, orella de porco, raxo e chourizos. Conta que, na súa procura por contar con boa vianda, buscou aquí e alá uns chourizos que foran ricos e quedou cos que lle pareceron máis exquisitos de todos.

Miguel di que o furancho tivo tirón dende sempre. Pero que nos últimos anos este tipo de locais están máis de moda ca nunca, incluso entre a xente moza. No seu caso, o que máis lle gusta é que entre xente disposta a pasalo ben e, sobre todo, a cantar e bailar. Miguel non concibe unha cea sen unha boa foliada, así que no seu local son sempre benvidos os músicos espontáneos. «Un día veñen uns con acordeóns, outro pandeireteiras ou cantareiras, veñen tamén gaiteiros... hai xente que pensa que está todo organizado, pero non é así. Moitos músicos xa colleron por costume xuntarse para ensaiar ou tocar e acabar comendo algo aquí», di con alegría. 

Do xardíns á decoración

De ter o furancho so na adega da casa, Miguel, coa axuda dalgúns familiares, foino ampliando e agora ocupa distintas estancias e tan tamén unha zona exterior que, cando vai bo tempo, permite botar un grolo a ceo aberto. Pero di Miguel que a cociña que teñen é a da casa, así que aínda que aumentaron espazo quedáronse co mesmo número de mesas: un total de quince. Algunhas fins de semana quédanse curtas para a cantidade de festeiros que queren ir probar os uns bos ovos cun mellor viño. Pero Miguel indica: «É mellor que se xunten e coman en mesas corridas que meter máis mesas, porque non as iamos atender ben».

Outra das características do Finca de Filgueira é a decoración, que vai moi acorde co interese de Miguel de preservar o legado dos antepasados e tamén co seu gusto pola arte. Ten unha colección de pintura galega e unha bodega cun lagar antigo. Nun ambiente propicio para comer, beber e pasalo ben, solo resta que entren pola porta xente con ganas de esmorga. Adoita pasar e, se non, Miguel, aínda que di que canta mal, arranca cos aturuxos.