Os desafíos agrarios na actualidade

francisco maseda LUGO

AGRICULTURA

Una buena gestión del monte ayuda a la sostenibilidad territorial
Una buena gestión del monte ayuda a la sostenibilidad territorial ALBERTO LÓPEZ

O exvicerreitor sinala os retos de sostibilidade ambiental do campo galego

18 feb 2024 . Actualizado a las 11:08 h.

Se ben nos derradeiros tempos o feito máis notorio no campo é a falta de auga, a realidade é que todos os factores produtivos están a notar as variacións no clima, e que o cambio climático está alterando a produción agraria, tanto agrícola como forestal.

Non é doado loitar contra a mudanza do clima pero, na miña opinión, aí non está o problema pois esa variación non fai dano. O que si resulta moi nocivo é a velocidade na muda e, contra iso, si podemos e debemos loitar.

Hai que ter en conta que, aínda que nosoutros podamos protexernos dos vaivéns climáticos, as plantas non poden, morren. E se morren, tamén o fan, e moi axiña, os animais e, por suposto, nós. En definitiva, debemos ralentizar a velocidade do incremento térmico climático.

O noso modelo de vida demanda cantidades enormes de enerxía, mais é extraordinariamente difícil mudalo, sobre todo porque non estamos dispostos a facelo. Se non queremos cambiar, é moi difícil, eu diría imposible baixar  demanda.

É certo que as fontes enerxéticas evolucionaron dende a primeira revolución industrial, aló polo século XVIII. É certo tamén que os factores socio-económicos tentan premiar o aforro enerxético, pero nada ten éxito, como estamos a comprobar.

«O noso modelo de vida demanda cantidades enormes de enerxía, mais é extraordinariamente difícil mudalo, sobre todo porque non estamos dispostos»

Hai que ter en conta, como engadido, que o consumo enerxético impón, primeiro, a combustión de materias primas fósiles; segundo, a utilización de tecnoloxías de entropía crecente, medida como porcentaxe da enerxía non utilizable para desenvolver traballo; e, finalmente pero non menos importante, terceiro, xera enormes cantidades de residuos.

Características, todas elas, moi negativas para a o medio ambiente. É evidente que a situación mellorou algo pero é evidente, así mesmo, que segue a ser ben complexa. Desa maneira, dos tres combustibles fósiles clásicos, o uso do carbón, baixou notablemente, pero o consumo de gas natural e de petróleo causan unha porcentaxe moi elevada, preto do 70 %, da produción de gases de efecto invernadoiro, GEI.

Ademais, calquera que sexa o sector que se mire, tanto ten, todos se apoian no consumo enerxético. Parece como si estiveran a competir por quen consume máis kilowatios hora. De feito, ese consumo constitúe un índice da andaina económica e da bondade dunha área de desenvolvemento sen ter en conta que a velocidade do cambio climático ten orixe esencialmente antropoxénico.

O sector primario

Pois ben, se as cousas están bastante definidas nos sectores secundario e terciario e, teñen mal amaño polo que atinxe ao consumo de enerxía, o primario, no ámbito agroforestal pode, sen diminuír a súa produción nin en cantidade nin en calidade, baixar a emisión e mesmo contribuír á redución de gases de efecto invernadoiro, GEI, emitidos xa á nosa atmosfera.

A UE propón reducilos e utiliza a data, 1990, como ano cero cara as medicións ambientais. Nese ano tivo lugar a Conferencia de Río de Xaneiro, primeira grande cita medioambiental. Así, no 2030 debemos ter conquerido uns niveis como mínimo o 55 % menores que en 1990.

Inda que a UE refire como medidas fundamentais un maior uso dás fontes renovables e unha maior eficiencia na utilización da enerxía, parece que imos soamente regular, e falta ben pouco para o ano 2030!

Deberes en emisións

O sector agroforestal pode puxar cara cumprir os deberes impostos tanto por diminución nas emisións como na descarbonización. Entón parece que os retos que ten a produción agraria son complexos e importantes, non doados de aplicar e por riba, hai moi pouco tempo para facelo.

A pregunta entón é, con que axudas se conta? Nese senso a Comisión e o Parlamento europeos consensuaron a reforma da política agraria común, PAC, de xeito que estableceron como piar principal o pacto verde europeo. De feito estase a aplicar dende o pasado 2023. O sector agroforestal deberá contribuír a ese pacto e a loita contra a cambio climático, antepoñendo os criterios medio ambientais os criterios produtivos.

Así xurde o concepto de «ecosistema»; ao que se destinará o 25 % das axudas directas en cada caso concreto. Será de interese unha «agricultura de conservación» que acade rendementos similares á tradicional sendo máis respectuosa co medio ambiente e, sobre todo, fomente o secuestro de dióxido de carbono, CO2.

De xeito especial, haberá que fixar a atención na produción agropecuaria pola súa contribución ao quentamento. No caso concreto dos rumiantes, o metano é especialmente nocivo e a carga gandeira debe xestionarse tendo en conta esa particularidade.

En definitiva chegan anos exixentes na aposta climática sen esquecer os problemas, xa típicos, derivados das condicións de mercado e o custe dos insumos. Nesa situación, as axudas da PAC resultan, xa que logo, fundamentais cara a camiñar a unhas explotacións agrarias ambientalmente sostibles.

«Aplicar as novas técnicas de traballar a terra mediante redución do laboreo que, a súa vez, permite baixar a demanda de combustibles, colaborará tamén a minimizar a emisión de GEI»

Ollar cara a saúde do solo, mediante cultivos de especies que o beneficien co aporte de nutrientes e minimizando, pola contra, aqueles que os demandan, resultará importante. Ao mesmo tempo haberá un incremento na proteína de orixe vexetal ben importante na nosa saúde.

Aplicar as novas técnicas de traballar a terra mediante redución do laboreo que, a súa vez, permite baixar a demanda de combustibles, colaborará tamén a minimizar a emisión de GEI, e posibilitará o aforro de auga, ben escasa nestas datas.

Aforro da auga

Apoiar as explotación de rumiantes mediante sistemas en extensivo tamén axudará ao aforro de auga. Os animais que se alimentan pastando, ao inxerir herba verde, demandan menor cantidade de auga e manteñen os pastos ben fertilizados e abonados.

Capítulo especial son os montes pola enorme contribución a descarbonización da nosa atmosfera, tema de suma importancia. Mantelos limpos e tentar a procura dunha foresta sostible resulta, a máis de economicamente interesante, fundamental cara a evitar incendios. Nestes momentos pode resultar interesante tamén a participación no mercado de dereitos de emisión. Por outra banda, é certo que as masas arbóreas demandan auga dos acuíferos pero, o mesmo tempo, contribúen positivamente na evapotranspiración.

Nos parágrafos anteriores tentei expoñer, dende unha situación de espectador, o que pode ser a evolución do traballo agrario cara o ano 2050, data onde se pretende conquerir emisións nulas de GEI. Iso implica, no meu criterio, dúas cousas ben importantes, primeira un protagonismo clave do sector agroforestal como único actor básico na descarbonización e, segunda, un desenvolvemento do sector primario moi profesionalizado onde técnicos agrarios formados nos centros específicos en esas cuestións serán, de todo punto, imprescindibles.

Francisco Maseda Eimil. Catedrático da USC e vicerreitor do campus de Lugo 1994 a 2002

O noso modelo de vida demanda cantidades enormes de enerxía e é difícil mudalo

As axudas da PAC resultan claves para ter unhas explotacións agrarias sostibles