Patrocinado porPatrocinado por

O Valadouro dedica febreiro á gandería con feiras, concursos e conferencias

AGRICULTURA

Edición del 2022 de la Feira de Razas Autóctonas de A Mariña
Edición del 2022 de la Feira de Razas Autóctonas de A Mariña PEPA LOSADA

O programa arrancará o sábado 4 coa Feira das Razas Autóctonas da Mariña e continuará o 11 cun concurso de andadura e charlas sobre o lobo, as explotacións na montaña ou o porco celta

30 ene 2023 . Actualizado a las 10:43 h.

Febreiro será o mes da gandería no Valadouro cun amplo programa de actividades que incluirá a cuarta edición da Feira de Razas Autóctonas da Mariña, un concurso de andadura galega e unha xornada de conferencias na que o agro e o sector gandeiro serán os protagonistas. A delegación de Medio Rural do Concello, da que é responsable o nacionalista Eduardo Chao, impulsa esta programación, coa colaboración da área de Medio Rural da Deputación de Lugo, que ostenta Mónica Freire.

A cuarta edición da Feira das Razas Autóctonas da Mariña, o vindeiro sábado, abrirá o programa. Será no aparcadoiro a carón da piscina municipal, desde as 10.00 horas. Ás 11.30 será o concurso morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega, e ás 13.30 haberá unha demostración de doma de alta escola co traballo a pé a terra, a cargo da asociación Pura Raza Cabalo Galego. A entrega de premios será ás 19.00 horas.

A organización reserva case 5.000 euros en premios, con galardóns para gando cabalar (Pura Raza Galega) e vacún (Rubia Galega e Morenas do Noroeste), burros fariñeiros, porco celta, cabra galega, ovella galega, galiñas de Mos e pitas piñeiras.

No concurso morfolóxico do cabalo de Pura Raza Galega haberá premios nas seccións de poldro, femia e semental. Tamén se premiarán as mellores femias e sementais de gando vacún (Rubia Galega e Morenas do Noroeste).

O día 11 celebrarase o Concurso de Andadura Galega do Valadouro, no Camiño da Granda, en Ferreira. Os certames de andadura serrada e chapeada comezarán ás 11.00 horas. Ás 12.30 horas será a carreira do campionato de cabalo marchador galego. E xa pola tarde, ás 16.00 horas, están previstas as probas para xinetes sub-16. Repartiranse máis de 2.000 euros en premios.

Ese mesmo sábado, a casa da cultura acollerá unha xornada de conferencias, desde as 10.30 horas. O gandeiro Alejandro Salvatierra falará sobre «A explotación gandeira complexa adaptada ás dificultades das terras de montaña: A Pontenova». A enxeñeira agrónoma Lidia Díaz Otero explicará os «Sistemas extensivos de produción de carne (MVMC Espiñarcao)». Santiago Crecente, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, centrarase na «Produción de carne coa Raza Rubia Galega». Ás 12.00, o enxeñeiro agrónomo Joan Alibés, de Beealia, abordará «A difícil convivencia co lobo. Que sabemos de certo?».

Ás 17.00 horas, o director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez Paz, pronunciará unha conferencia sobre «O Porco Celta. Raza 100 % autóctona», e Roberto Besteiro, tamén do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, exporá o «G. O. Forescelta: innovación na xestión silvopastoril». O doutor en Veterinaria Diego Conde pechará a xornada ás 18.30 horas, con «O legado de Juan Rof Codina».

Ademais, o día 11 haberá tamén unha ruta de tapeo pola hostalería con petiscos de carne de razas autóctonas, e febreiro pecharase cunha feira aberta a exemplares mestizos.

«O sector agrogandeiro sempre tivo moito peso aquí no Valadouro. A cabana gandeira de vacas de leite baixou moito, pero os exemplares de carne, mesmo en rexime de pastoreo libre, están moi espallados por todo o val. A gandería ten unha importancia fundamental, tamén para controlar o pasto, que o rural non estea a monte e así se poidan tamén previr posibles incendios», expón Chao.