Patrocinado porPatrocinado por

«Ninguén se acordou dos agricultores e dos gandeiros durante a pandemia»

X. M. R. OURENSE / LA VOZ

AGRICULTURA

Santi M. Amil

Análises de solos, fincas experimentais e formación son actividades do centro de desenvolvemento agrogandeiro de Ourense

09 ene 2023 . Actualizado a las 09:55 h.

De resposta rápida e discurso nidio e documentado, Servando Álvarez Pousa (Castrelo de Miño, 1971) ten as cousas máis que claras e unhas cantas verdades perfectamente fundamentadas que reitera ao longo da conversa. Entre elas que os agricultores e os gandeiros deberían ter unha maior consideración e recoñecemento por parte da sociedade ou que no Campus de Ourense se está a desenvolver un traballo marcado pola excelencia en materia de alimentación e de proxectos vencellados ao sector primario da provincia, o que se traduce no recoñecemento e as axudas europeas que se conseguen para apoiar ese traballo. Químico de formación, o técnico responsable do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, con sede en Xinzo de Limia, leva vencellado ao servizo dende o comezo do proxecto.

—Cando e por que se crea o centro?

—En 1998 nace o Instituto do Campo, que nun principio era unha dotación para dar resposta ás necesidades dos agricultores limiaos e para afrontar a problemática do nematodo da pataca. Logo pasou a ter carácter provincial e foi cando, no 2008 e con axudas europeas, se creou o actual Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde. O obxectivo? dar resposta ás necesidades dun sector estratéxico para a provincia de Ourense.

—Cal é o día a día do mesmo?

—Nos laboratorios facemos sobre todo análises de solos e logo temos fincas experimentais. Na Antela, que está en Sandiás e ten 22 hectáreas, contamos con cultivos intensivos, agricultura ecolóxica e outras experiencias. A de Monterrei, de 1,5 hectáreas, está centrada no viñedo, castiñeiros e pequenas froitas. O obxectivo é desenvolver ensaios que podan servir para aproveitamentos futuros. O noso labor no día a día é apoiar aos agricultores en todas as cuestións técnicas que consideren convintes.

—Cantas análises fan?

—De solo 4.000 ao ano e do famoso nematodo da pataca máis de 2.000. O Inorde fixo un importante esforzo para a dotación de equipos para contar coa acreditación. Fomos o primeiro centro con ese recoñecemento e na actualidade só hai outro en Estremadura. O traballo que facemos aquí é de tipo orientativo —ademais das análises damos recomendacións de fertilización e de como se teñen que facer as cousas— pero dentro de pouco as análises serán obrigatorias, polas novas reformas da PAC e a fertilización sostible das terras agrarias.

—Tamén teñen presenza en feiras e desenvolven iniciativas de formación.

—Participamos nos encontros sectoriais para que se coñeza o noso traballo e os servizos que ofrecemos. Tamén facemos cursos e veñen alumnos de centros de FP, estudantes a realizar o Traballo de Fin de Grao e rapaces da universidade para as súas prácticas. Esa actividade estase a recuperar porque coa pandemia —esa etapa que sempre cito porque non foi xusta co sector— non se podía facer. Agora imos promover cursos de formación a medida, os primeiros serán de poda de castiñeiros e de froiteiras.

—Cal é a xustiza pendente?

—Durante a pandemia homenaxeouse a moitos colectivos, con toda a razón do mundo, pero ninguén se acordou dos agricultores e dos gandeiros, que foron os que nos deron de comer e que seguen a ser sectores fundamentais das nosas vidas. E que nunca terán o recoñecemento que se merecen.

—Fan ensaios con 150 variedades de pataca. Incorpóranse algunhas ou mantense o tradicional?

—Hai variedades maioritarias por razóns obvias: o agricultor planta as que están amparadas pola Indicación Xeográfica Protexida para ter garantida a saída do produto. Dito isto tamén cómpre sinalar que o mercado é cambiante e que as grandes liñas de distribución marcan tendencias. Hainas de carne firme, de carne colorada, a pataca morada... moitas opcións.

—Desenvolveron un proxecto con Polonia, Hungría e Romanía. Os froitos foron os agardados?

—Houbo cousas moi interesantes, aínda que logo se meteron polo medio os royalties e non se materializaron as propostas.

Lecer na viña e apaixonado do traballo do Campus de Ourense

Como bo ribeirao Servando Álvarez Pousa tamén ten o seu viñedo. Non podía ser doutro xeito sendo do municipio con máis superficie amparada pola DO Ribeiro. Na media hectárea de viña desconecta e pasa o tempo de lecer. Nas accións que van mancando ao longo da vida garda a dunha mestra que lle preguntou que desexaba ser de maior. Como queira que o rapaz dixo que ía ser agricultor a docente espetoulle que el tamén aspiraba a ser un «destripa terróns». Aquilo doéulle o non o esquece. Licenciouse en Química pola USC e logo fixo mestrados en Ciencias Ambientais e Agroalimentarias na UNED e na Autónoma de Madrid. Traballa dende 1998 para o centro.

—Cal é a colaboración que manteñen con Cáritas?

—Formamos a persoas para que estean capacitadas para traballar no sector agrario. E o que colleitan vai para Cáritas ou para o Banco de Alimentos. É moi gratificante porque axudas a persoas que teñen dificultades, ou están en exclusión social, para que podan ter un traballo.

—Desenvolven outras iniciativas?

—Temos dous proxectos de investigación e apoio cos que imos seguir. Por un lado o Agriconet —que lle dá ás pequenas empresas da provincia capacidade e formación para meterse no mundo dixital— e Circular Labs —que fomenta a economía circular—.

—A Deputación facía público un comunicado felicitando ao Campus pola creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Vai ser fundamental para nós?

—Por suposto. Os investigadores da Universidade de Vigo que están no sector agrícola, polo menos os que coñezo eu, son os mellores e os máis punteiros; xa non deste país senón de Europa. Debemos deixar ese complexo de inferioridade que temos. Son moi bos investigadores e proba diso é que todos os anos sacan adiante proxectos que suman montantes que ao mellor pasan dos catro ou dos cinco millóns de euros. E isto hai que dicirllo ao público para que sexan conscientes do que temos. Este instituto vai ser fundamental e estratéxico para o sector agrario provincial.

«Na Limia hai relevo xeracional e moita demanda para crear novas explotacións»

Incide Servando Álvarez durante a conversa en algo que considera fundamental: «Inculcar aos actores principais, agricultores e gandeiros, conciencia do seu. Hai consideración de que este traballo é de segunda orde e non é así. Necesitamos ter un sector agrario forte e darlle visibilidade». O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde compaxina a actividade do día cos cursos de formación —de actividades básicas e de agricultura ecolóxica homologados pola Xunta— co asesoramento en apartados como os das cooperativas ou as comunidades de regantes.

—Hai actividade na provincia ou é algo puntual?

—Se nos referimos ás iniciativas tradicionais seguen existindo, aínda que son cousas puntuais. Se falamos da Limia as comunidades de regantes son fundamentais, e máis agora que se está co plan de regadío para crear 4.000 hectáreas novas para producir. Aí hai moito traballo que facer agora mesmo.

—Hai incorporacións ao sector ou son casos testemuñais?

—Non se pode xeralizar, porque daquela deberíamos concluír que non, que se está perdendo músculo no que se refire á provincia no seu conxunto. Dito isto hai que sinalar que na Limia hai relevo xeracional e moita demanda para crear novas explotacións. Hai mozos que se incorporan ao proxecto familiar e quen busca parcelas axeitadas —oito ou nove hectáreas de boa terra e que se podan mecanizar— para empezar de cero.

—Os novos cultivos van consolidando presenza?

—Si. Aínda que, como todo, hai que mirar moito ás condicións climáticas. A soia, que tan de moda está, cada día ten máis presenza. A colza pasou de 50 ás máis de 1.000 hectáreas que hai hoxe. Require menos traballo que as plantacións tradicionais e págana bastante mellor que o trigo.