Patrocinado porPatrocinado por

«Hai colleitas boas e malas, pero a pataca da Terra Chá véndese sempre»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

AGRICULTURA

Riveiro di que a Terra Chá pode destacar máis pola calidade ca pola cantidade de produción de pataca
Riveiro di que a Terra Chá pode destacar máis pola calidade ca pola cantidade de produción de pataca PALACIOS

Óscar Riveiro, agricultor de Castro de Rei,  di que a calidade é superior á doutros países

09 oct 2022 . Actualizado a las 22:21 h.

O cultivo de pataca era un dos habituais na Terra Chá hai décadas A orientación do traballo no medio rural cara á gandería de leite, os cambios nos costumes e o despoboamento fixeron que a agricultura tradicional perdese importancia. Porén, hai quen mantén o cultivo adaptado aos tempos. Óscar Riveiro, agricultor da parroquia de Pacios (Castro de Rei), cultiva patacas en réxime ecolóxico e fai parte da Indicación Xeográfica Pataca de Galicia. A súa produción distribúese tanto dentro coma fóra de Galicia, e el recibe mesmo chamadas de novas tendas interesadas en vendela.

—Ten un bo prezo a pataca este ano?

—Estase pagando entre oitenta céntimos e un euro polo quilo. Non é un mal prezo.

—Tense dito moitas veces que a pataca da Terra Chá era boa. Aínda o é, supoño.

—A pataca da Terra Chá, con diferenza, é a mellor que hai. É unha pataca que sae adiante de maneira natural. Eu só boto na terra os produtos que me permite o Craega [Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica, no que está inscrito].

—Este é un ano de moita seca. Como afectou esa situacIón á colleita?

—Non hai queixa. Aquí temos case un microclima, porque houbo bastantes noites con algo de orballo e con humidade. Non nos afectou a seca tanto como o está facendo noutros sitios.

—Pensa que pode ter futuro o cultivo de pataca?

—Pode telo con xente especializada. O que non pode ser é que se faga coma antes, botando unhas fanegas en cada casa. [Unha fanega ten de catro a seis ferrados, e un ferrado ten unha superficie que varía segundo as zonas, aproximadamente entre 500 e 700 metros cadrados]. Hai que pensar nunha maneira de traballar que permita vivir disto.

—Que sitio lle pode quedar á pataca e á agricultura en xeral nunha comarca coma a Terra Chá, que nas últimas décadas se foi convertendo nunha zona moi gandeira?

—Hai sitio, pero tamén hai un problema. Se na miña parroquia pecha unha explotación, o seu terreo collerano outras explotacións. Non é doado atopar terras. Se houbese máis terreo, quizais se animaría máis xente a cultivar.

—Vostede vende dentro e fóra de Galicia. Por que gusta a pataca da Terra Chá?

—A pataca de aquí, polo tipo de terra, ten moito sabor e moita calidade. Esta é unha terra pesada, con pouca area, e así sae unha pataca en menor cantidade ca noutras zonas pero con máis calidade.

—En moitos sitos véndese pataca de fóra; ás veces, mesmo é importada doutros países. Que se pode facer para valorar a de aquí?

—Cando a xente compra patacas doutros países, ben se dá conta de que non é igual ca a de aquí. Aínda que esta sexa algo máis cara, é mellor. Aquí tense producido moita pataca. Botala coma antes, para comer nas casas e para dar aos animais e para vender unhas poucas, xa non paga a pena; pero facendo ben as cousas, é un produto rendible. Hai anos bos e malos para a colleita, pero nunca problemas para vender a pataca de aquí. A pataca nosa é boa e véndese sempre.

Un ano de menos produción porque houbo «mildiu»

Este 2022 será un ano de menos produción ca outros. Riveiro aínda non ten cifras exactas, porque non rematou de recoller todas as patacas; pero o que si sabe é cal é causa desa diminución. O tempo de finais da primavera, con días húmidos e de temperaturas máis ben altas, fixo aparecer o mildiu, e a consecuencia desa enfermidade é unha menor colleita. El, por ser produtor en réxime ecolóxico, non pode aplicar produtos químicos coma noutros casos.

Perfil. Óscar Riveiro é de Pacios (Castro de Rei).

Superficie. Ten unhas seis hectáreas e media dedicadas a patacas, repartidas entre Castro de Rei (a gran maioría) e Cospeito.

Colleita. Trigo, tomate e faba verdina son outros produtos que saen das súas terras.