Patrocinado porPatrocinado por

«O Ribeiro vive a súa segunda idade de ouro»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

AGRICULTURA

Luis Congil
Luis Congil XOAN A. SOLER

O xornalista presenta a seu novo libro este venres no Museo do Viño de Galicia, no corazón do Ribeiro, ás 20.00 horas

07 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de varias décadas de traballo e investigación, o xornalista Luis Congil fixo realidade o seu libro A marabillosa historia do viño en Galicia. Unha publicación na que repasa todos os datos que se teñen sobre a tradición e a evolución dos caldos galegos. Este venres presenta o seu traballo cunha conferencia, no Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, ás 20.00 horas.

—Canto tardou en documentarse para este libro?

—Foron aproximadamente uns vinte anos. Dende que comecei a aventura da Mestría de Enoloxía na Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, ata a actualidade. Foi moito patear museos, solicitar documentos e datos, co fin de, sobre todo, poñer orde nun campo moi específico pero que fai referencia a unha parte moi importante do sector primario galego.

—Que papel tivo a provincia de Ourense nesta obra?

—Ourense é clave de bóveda de toda a produción vitivinícola da historia de Galicia, e por tanto tamén da de Europa. Os viños ourensáns chegaron ás elites europeas, dende Inglaterra a Italia. Entre a Idade Media e a Ilustración, nos séculos XVII e XVIII, O Ribeiro era un dos viños de referencia que podía mencionar calquera nobre, burgués, viaxeiro, persoa de mundo... entre os mellores do momento. Iso é o que motivou que Cervantes poña ao licenciado Vidriera, no seu libro, bebendo viño de O Ribeiro, «Ribadavias», que é como se chamaban, nunha taberna en Xénova. O viño de Ourense estivo no patrón alto de consumo durante mil anos. A primeira referencia escrita aos caldos de Galicia é unha doazón de viñas no século IX, no ano oitocentos e pouco, en Santa María de Reza, concretamente no convento de Santa Uxía, nas ribeiras do Miño. Estamos falando dunha tradición e dunha cultura que xa existía fai 1.200 anos.

—É especial para vostede presentalo agora no Ribeiro?

—E moi especial porque O Ribeiro está a vivir a súa segunda idade de ouro. A primeira foi no medievo, cando foi recoñecido en toda Europa, e entre medias houbo altos e baixos. Este segundo grande momento o atestigua o medalleiro internacional. O viño do Ribeiro ten premios nos mellores certámenes do mundo e penso que é algo que hai que saber agarimar. Moito pasou dende que Picasso pintara a aquel taberneiro en A Coruña, a principios dos noventa, cun prato no que lucía a marca «Vinos del Ribero».