Patrocinado porPatrocinado por

César Enríquez, adegueiro de A Teixeira: «Ver a Obama e a máis de mil persoas brindando co teu viño, iso foi incrible»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

AGRICULTURA

Santi M. Amil

Cachín, pioneiro da Ribeira Sacra, mantén a aposta polas castes e o territorio

19 may 2022 . Actualizado a las 18:27 h.

As historias locais viran en universais cando nelas se vai sementando a paixón e o compromiso cun proxecto e unha terra. E a de César Enríquez Diéguez —César Cachín— encetou nun dos concellos máis pequenos e despoboados da provincia de Ourense e rematou na Casa Blanca. Este feito extraordinario converteu a Cachín no viticultor máis mediático das denominacións de orixe da provincia. E de Galicia. Un camiño que non foi doado e que principiou a finais dos anos 80 e comezos dos 90. O rapaz da Teixeira decantouse pola rama agraria da FP, pasando pola escola da Deputación e o centro de formación de Ponteareas. O Estado rouboulle aquel tempo perdido que chamaban servizo militar e unha vez que se desfixo del botou a andar. «Cando viñen da mili presenteime ás oposicións e entrei na Escola de Capacitación Agraria, na que estudiara. Logo fíxose un centro en Vilamarín, pero nunca chegou a funcionar. É unha mágoa porque esta provincia ten que incidir na formación agrícola e gandeira para aproveitar os nosos recursos», sinala. Na actualidade, case que corenta anos despois de entrar en Capacitación Agraria, segue a traballar na Deputación.

A César Enríquez —«O alcume data da época do meu tataravó, que seica fumaba en cachimba e de aí lle veu o Cachín»— sempre lle chamou a viticultura e apostou por ela: «A finais dos anos 80, ou comezos dos 90, un grupo de rapazolos decidimos pór en marcha a denominación de orixe. Con moito esforzo, ilusión e apoio da administración conseguímolo. Os viticultores, que nos metimos a desenterrar quilómetros de socalcos e a roubarlle terreo ao monte, fomos os que puxemos en valor a Ribeira Sacra e os que convertemos o territorio nun reclamo turístico».

 José Andrés, Obama e Berasategui

Adega Cachín naceu hai trinta anos, logo de moitos esforzos e un camiño que non foi doado. «A viticultura que había por aquí nos 70 e 80 era de autoconsumo. E un grupo de xente apostamos por facer as cousas doutra maneira: ir as castes autóctonas, controlar as producións e aprender dos erros doutras zonas para non caer niso». Tirando da mentalidade galega tradicional —«Non se poden poñer todos os ovos na mesma cesta»— o adegueiro comezou a exportar a Estados Unidos no 2002. E aí está a orixe de todo o que se montou despois.

«Co importador empezamos a espallarnos. Da man dalgún crítico como Robert Parker, que nos deu máis de 90 puntos, foisenos coñecendo e a catarse chegou co cociñeiro José Andrés. El preparaba o menú da Gala da Hispanidade e na cata escolleu o noso tinto... e o mundo virou patas arriba! Levamos o viño tres anos, despois tamén nos botou unha man Juan Verde —asesor nas campañas de Obama—. O primeiro non estiven, porque coincidiu coa vendima. O segundo si. Foi un momento moi ilusionante que non se pode describir con palabras: máis de mil persoas alí, nunha representación do máis prestixioso e influinte do mundo hispano, e todos eles e Barack Obama brindando co Peza do Rei. Incrible», apunta.

Debeu gardar bo recordo porque cando veu a Madrid a pronunciar unha conferencia —xa non era presidente— chamaron a Cachín os seus colaboradores para pedir unhas caixas de viño para a cea. O adegueiro dixo que sen fallo, ao tempo que pediu o tempo xusto para velo e darlle as grazas. Non era posible. Daquela. «Logo chamaron e dixeron que un par de días despois ía estar no Porto e que si quería ir podía velo. Faltoume tempo. Alá me fun para saudalo e agradecerlle o moito que significou para nós o seu apoio. Foi un momento especial, algo que non esquecerei na vida», lembra César Cachín.

Crecer, só en calidade

Con Obama chegou a revolución: programa na TVG, Jesús Calleja falando con el na viña para o programa «Callejeros viajeros», encontro con Martín Berasategui hai unhas semanas —«Unha persoa moi humilde e namorada total dos produtos e dos viños galegos»— e todo un listado de coñecidos personaxes pasando por A Teixeira. Doce hectáreas en produción e 75.000 botellas son a medida óptima. «A adega xa a leva meu fillo, aínda que eu sigo por aquí. O obxectivo non é crecer, senón manter o que hai, apostar polo autóctono, ir a unha maior calidade, probar con barrica e abrir novos mercados».

Peza do Rei, un pequeno paraíso que hai séculos foi coto de caza real

O terceiro dos César Cachín —«Xa imos polo quinto porque o meu fillo tamén lle puxo o nome ao seu»— recoñece que é un home de viña, máis que de adega. Camiña entre as cepas ao tempo que as mans non lle paran —tira unha folla, toca o gromo que se levou a xeada...— e confesa: «Aquí é onde se fai o viño e gústame estar vendo como vai mudando todo ao longo do ano». O seu espazo vital é Peza do Rei, a finca que dá nome aos seus viños e que aparece na etiqueta xunto ao mosteiro de San Paio de Abeleda, que está da outra beira do río. Seis hectáreas de terreo que en tempos estaban pechadas cun muro: «A Peza do Rei seica se chamaba así porque era unha finca que tiña o rei de León para vir cazar. Naqueles tempos xa tiña o mosterio da Abeleda unha pequena adega na parte de atrás».

A finca rematou sendo do seu pai e foi Cachín quen apostou por crear, con moito esforzo e milleiros de horas de traballo, o viñedo que da nome á súa paixón. Nun recanto amañou a vella casoupa da ferramenta: dez cadeiras, vistas á Ribeira Sacra, unha lareira e botellas de Peza do Rei para compartir viños e conversas.

Quen é:

DNI. César Enríquez Diéguez, Cachín, naceu en Abeleda (A Teixeira) no día extra do bisesto 1960.

Que fai. En 1983 aprobou a oposición para a Escola de Capacitación Agraria da Deputación. Pasou logo polas granxas onde se recuperaban as razas autóctonas e agora está no departamento provincial de Augas e Medio Ambiente.

O seu recanto. A parcela que lle dá nome aos seus viños.