Patrocinado porPatrocinado por

Tomás Maroño: «Con dez anos comecei a ir á sega a Castela para manter a meus irmáns»

Carmela López
CARMELA LÓPEZ FERROL / LA VOZ

AGRICULTURA

CESAR TOIMIL

Este veciño de Fene de 81 anos formaba parte das cuadrillas de temporeiros galegos, nas que os nenos traballaban atando os mollos

14 may 2022 . Actualizado a las 20:17 h.

Na actualidade, os nenos de dez anos aínda van ao colexio acompañados polos seus pais, pero a Tomás Maroño Couto tocoulle vivir outros tempos. Este veciño de Fene de 81 anos, nacido no Val de Xestoso, lembra a súa participación nas cuadrillas de temporeiros galegos da sega do trigo e a cebada nos campos casteláns. «Con dez anos comecei ir á sega a Castela para manter aos meus irmáns; eramos nove e non había cartos», rememora, engadindo: «Foron tempos moi duros».

—Como foi esa primeira experiencia dun neno nun traballo de adultos?

—Non era o único, tamén ían outros nenos, aínda que eu era o máis novo. Os outros tiñan de doce a catorce anos. Fun cun veciño de Xestoso que reclutaba a 24 homes, entre os que estaba eu. Iamos en tren, igual que becerros, e o traballo dos nenos ao chegar alí era amarrar os mollos de trigo e cebada.

—Canto tempo duraban as campañas e cantas horas traballaban ao día?

—O traballo era por dous meses, xuño e xullo, todos os días, desde que saía o sol ata que se poñía.

—Onde durmían e como era a comida?

—Durmiamos na palla, como as galiñas, pero a comida era moi boa. Aquí só se comía caldo e leite, pero alí a alimentación era bastante boa, para que renderamos no traballo. Pola mañá dábannos un torrezno, un ovo fritido e sopa de allo. Á hora do xantar chegaba o burro que traía a comida e case sempre era un cocido con garavanzos, patacas e carne de ovella vella, e algunhas veces tamén nos daban peixe. A merenda era máis cativa: dúas onzas de chocolate ou unha froita, e para cear había fabada ou sopas. E dábannos moito viño con todas as comidas, como facía moita calor, bebiamos ata caer a rolos.

—Os nenos tamén bebían viño?

—Alí eramos homes.

—Cantos anos estivo indo á sega e en que sitios traballaron?

—Fun desde os dez ata os vinte e estivemos en moitísimos pobos de Castela e León.

—E canto lle pagaban?

—O home que nos levaba ía cobrando polas casas dos donos das fincas e o último día tendiamos unha manta na palla e faciamos o reparto segundo as categorías. O primeiro ano cobrei 1.600 pesetas, era moito diñeiro. Cando cheguei á casa fun para Betanzos cos meus pais, porque era vésperas da festa do patrón, e fixemos tanta compra que acabamos con Betanzos e aínda nos sobraron 200 pesetas. Daquela o carto rendía moito. Nos últimos anos xa me pagaban por eses dous meses entre 17.000 e 20.000 pesetas. Pero ata que casei, con 25 anos, non tiven nin un peso. Tiña que darllos ao meu pai para criar aos nenos.

—Entón foi vostede quen sacou adiante á súa familia?

—Meu pai era tratante, compraba e vendía ovellas e cabras, pero o negocio era pouco. Eramos nove irmáns; dous deles tamén viñeron a sega, pero foron máis listos ca min, só foron un ano.

—E a que se dedicou tras deixar de ser temporeiro na sega?

—Despois traballei facendo pozos e, xa casado, fun para Suíza. Alí estiven seis meses só e despois levei á miña muller, traballamos os dous dez anos nunha fábrica de vidro.

—E que fai agora?

—Estou xubilado desde os 65 anos. A miña muller, que foi a mellor muller do mundo, morreu, e vivo coas dúas fillas en Fene. Agora dedícome a pasear e descansar, xa traballei bastante.