Patrocinado porPatrocinado por

O esplendor chega á herba coa choiva de xullo e a calor de agosto

David Cofán Mazás
David cofán LALÍN / LA VOZ

AGRICULTURA

Miguel souto

As principais cooperativas destacan unha gran melloría con respecto ao ano pasado, especialmente na cantidade, aínda que tamén están contentos coa súa calidade

20 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os agricultores apuran os últimos días para finalizar a campaña da recollida da herba na zona. Nestes días é habitual contemplar as fincas con rolos de herba seca esperando para ser trasladados ás granxas, así como cruzarse con maquinaria e tractores para facer acopio do forraxe para os animais. Cun agosto máis benévolo a nivel climático que o pasado xullo, é o momento idóneo para acometer este proceso.

Precisamente o tempo é un factor crucial á hora de realizar a recollida. As choivas e baixas temperaturas no mes de xuño e especialmente en xullo, obrigaron aos agricultores a retrasar a campaña da herba entre 15 e 20 días, polo que cos días máis solleiros de agosto e as súas altas temperaturas, púidose iniciar a este importante proceso. Porén, esta circunstancia permitiu que a cantidade fose moito maior que o ano pasado, unha circunstancia moi positiva para os agricultores.

«Foi unha boa campaña», menciona José Luis Camiñas, presidente da cooperativa O Rodo. «Hai moita cantidade, foi una mellor recollida que a tempada anterior, este é un bo ano de forraxes o que axuda nos custes da explotación», sinala. Dende Gandeiros do Deza comparten esta visión. «Houbo moita cantidade porque choveu en xullo e xuño, iso tamén retrasou a recollida», di o seu presidente, Manuel Fernández.

Outro dos elementos a debater foi a calidade da herba colectada. Neste eido hai disparidade de opinións, aínda que todos coinciden en que a calidade superou con creces a do ano pasado. Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza, asegura que este ano foi «moderadamente bo», xa que considera que non é de gran calidade de forraxe. «En canto á herba seca hai máis abundancia pero a calidade é mediocre, xa que choveu cando se tivo que cortar», explica.

Por outra parte, a cooperativa Campodeza indican que «a calidade foi un pouquiño inferior, pero non é mala», sinalando que foi moito mellor con respecto ao ano pasado «porque neste estivo máis repartida», mentres que no 2020 «foi toda pasada». Neste sentido, Manuel Fernández afirma que nesta campaña do forraxe mellorou. «A herba ao pasarse podrece, este ano non foi así, en xeral foise mantendo», explica. Na comparativa co ano anterior, dende la cooperativa O Rodo lembraron que os silos foron «moi malos», xa que polo clima non se puido ensilar ata o 18 de maio.

En xeral, o sector agrícola da zona mostrase moi positivo ante a tempada da herba, polo que esperan que este ano os animais estean ben servidos de alimento, cunha gran cantidade de forraxe de calidade.

Un bo ensilado como clave para mellorar a calidade do alimento para o gando

Meses antes da recollida da herba seca procedeuse á campaña do ensilado. Semanas de intenso traballo máis cedo que outros anos onde a recolección de forraxe foi sensiblemente menor á doutros anos. A materia ensilada proporciona alimento nun momento do ano no que non o hai, polo que é importante realizar a súa recollida en condicións climáticas favorables para aumentar tamén a calidade do alimento que reciben as reses.

Segundo indican os nutricionistas, a herba debe recollerse con tempo seco para preservar o seu valor proteínico. Por iso aproveitan xeiras de boa temperatura e sen choiva para a recollida, deixándoa algúns días no prado de espera. Os expertos salientan que tampouco é recomendable apañala cun ambiente demasiado seco e caloroso, posto que se perdería materia seca. Unha excesiva humidade tamén dificulta as labores da maquinaria e o traslado da herba.

Boas perspectivas con respecto ao millo a un mes da súa recolección

Outras das estampas desta época é a das plantacións de millo cubrindo as fincas dos agricultores. Neste ano, as condicións climáticas están a provocar que as plantas gocen dunha boa altura nun momento clave para o desenvolvemento da espiga.

As choivas e baixas temperaturas poñían en risco as posibilidades de rendemento, pero co tempo seco e caloroso de agosto a situación mellorou de xeito paulatino. Se o clima mantense nunhas condicións semellantes ata o momento da recollida, a campaña do millo tamén será moi positiva para o traballadores do agro.

«Esperase un bo ano de colleita. Medrou moito con este calor e se o terreo ten talento, virá moito mellor», sinala Manuel Fernández. A cooperativa de Gresande tamén coinciden nesta predición, lembrando que a temperatura está a axudar á formación das espigas, polo que a altura estará acompañada dunha boa calidade de mazorgas. «É o momento de criar a espiga. Agora o millo ten altura e as perspectivas a un mes para empezar a recoller son moi boas», afirma Camiñas.